00:37 Domingo, 25 de Xuño de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-07-2015

Simplesmente un outro caso máis no groso catálogo da vulneración sistemática do direito de quen quer viver con normalidade na lingua propria da Galiza

El español es lo natural

Valorar (41)

ROBERT NEAL BAXTER



Como moitos dos meus concidadáns e concidadás galegos, recentemente tocoume prestar contas ao Reino, isto é, fun facer a declaración da renda xunto coa miña compañeira. Máis un ano, achabámonos sentados diante dunha empregada desta benquerida institución, tan querida que a entrada está provista dun detector de metais como os que hai nos aeroportos...

A conversa coa axente transcorreu máis ou menos así:        

Nós:         [Cun ton amábel mais firme] Queremos facer a declaración en galego.                  
Axente:    [Desconcertada] En gallego?              
Nós:         [Algo picado, a punto de responder “Dixen ‘galego’? Quería dicer ‘glagolítico’” polo asombro que, ao parecer, lle xerou esta petición tan inaudita] Pois si, en galego.                  
Axente:    Ah… [Voz e cara perplexas]                
Nós:         É que é mellor que se faga desde o principio, que senón haberá que refacer todo despois. Dígoo por experiencia.              
Axente:    A ver... [Ollando desesperadamente para a pantalla]                  Gallego… Gallego… ¿No os vale en castellano?            
Nós:         Pois non.                
Axente:    Un momento, se lo voy a preguntar al supervisor. [Despois dun momento fuzando no computador, asunto resolto. Afinal non resultou ser unha tarefa tan complicada.]

Pola reacción estupefacta da axente, conclúo que non se trata dunha petición habitual. Deduzo tamén que a súa infrecuencia radica moi probabelmente no descoñecemento da posibilidade de realizar a declaración na lingua propria do país. Sendo así, ao tratarse dun direito, coido que os poderes públicos deberían ter o deber de informaren a cidadanía para que se poida gozar del na práctica. O normal (que non o desexábel, que sería tributar directamente na Galiza...) sería perguntar sistematicamente e desde o principio en que lingua se quer preencher a declaración.

A conclusión é clara: o español é a lingua por defeito, por antonomasia. O español é o natural, fronte ao desviado e anti-natural empeño de querer usar sublinguas locais como o galego fóra do ámbito doméstico. “¿Pero usted no entiende español?”, perguntan, como se unha lingua se puidese reducir exclusivamente à súa función comunicativa. Pois si que o entendo, mais prefiro valerme do direito a usar e a ser atendido en galego.

Hai quen podería opinar que é normal que un organismo de ámbito estatal comunique cos seus súbditos na lingua común do Reino e vice-versa. Porén, este tipo de incidentes non acontecen só con Facenda, mais tamén todos os días na administración pública, no Sergas, no sector privado (notarías, bancos...) e un longo etcétera.

Até aí nada especialmente novo nen rechamante. Simplesmente un outro caso máis no groso catálogo da vulneración sistemática do direito de quen quer viver con normalidade na lingua propria da Galiza, recoñecida como tal polo mesmísmo Estatuto (e aínda que non o fose, tamén o sería).

Infelizmente, hai casos moito máis serios, como por exemplo atrasar unha operación por solicitar asinar o consentimento informado en galego. Ora ben, non é sempre o risco de ter que aturar consecuencias tan graves o que fai que se deixe de exixir este direito, mais a continua e tediosa ladaíña de pequenos atrancos cotiáns, como milleiros de areíñas diminutas que van roendo e corroendo a rocha pouco a pouco. Para quen non quer ou non pode pasar máis tempo esperando que se materialice un formulario en lingua galega, o máis probábel é que se apande coa súa correspondente versión en español. Así está montado o sistema.

Mais quero levar a reflexión un pouco máis aló. A modo de anedota contei o acontecido a unha persoa que, tamén sendo de fóra, comigo sempre fala en galego, para lle ilustrar as trabas que temos que soportar e sortear todos os días as persoas que nos negamos a esconder a nosa condición de galego-falantes sen renunciarmos a ser cidadá/ns de pleno direito. A súa reacción foi: “A min non me deixa de estrañar que un inglés e unha bretoa queiran facer a declaración da renda en galego”. É que non existe a posibilidade de facela en inglés, francés ou bretón, pois o español non deixa de ser para nós unha lingua tan estranxeira como o galego (se non máis). O que subxaz neste comentario non é o facto de non facermos a declaración nas nosas respectivas linguas nativas, mais o facto de ‘recusarmos’, dalgún xeito, facelo en español, entendido como a opción ‘natural’ para quen veña de fóra (e tamén, segundo as regras da diglosia que seguen a imperar na Galiza, para quen non).

Xa tivera había tempo unha discusión similar cun madrileño que se consideraba máis ben ‘progre’ mais que non entendía como alguén que non fose galego de ‘pura cepa’ puidese sentirse nacionalista e militar nunha organización nacionalista. Comunista si, do PP tamén, mais nacionalista, non. No fundo, trátase dun argumento baseado na exclusión: o galego, a Galiza e a súa defensa son cousa d@s galeg@s (incluíd@s aquel@s que renegan da patria galega e da súa lingua). Polo contrario, para quen veña de fóra, non lle queda outra opción ‘natural’ do que o español e España. Non é outra cousa que a negación da posibilidade de integración e a participar plenamente na sociedade onde se estiver integrado.

O curioso é que, por moito que os medios sistémicos ao servizo dos intereses da sacrosanta unidade de Ejpaña teimen en acrescentar aficadamente o epíteto ‘excluínte’ ao nacionalismo, o nacionalismo galego non deixa de ser, na prática, moito máis incluínte que todo o anterior, estando aberto a acoller calquera persoa que adquira un compromiso consciente coa Galiza e co povo galego, coma min, a miña compañeira, o brasileiro e os senegaleses que o BNG levou nas súas listas eleitorais en Compostela e na Coruña respectivamente.

Despois de 20 anos a morar na Galiza, non vexo por que non profesaría tanto amor para esta terra e a este povo que me acolleu e me fixo sentir tan como na miña casa como calquera que nasceu aquí. É con orgullo que, cando me perguntan de onde son, podo responder sen pensalo dúas veces: ‘Son galego’.

É máis, éncheme de orgullo tamén ver como, à súa vez, a miña filla, agora militante de Galiza Nova, se integra e se identifica plenamente co país onde ela nasceu. Se eu non abrazase a causa da Galiza, dalgún modo estaríalle a arrebatar unha parte da herdanza que lle corresponde por direito. Así puido escoller, e podendo escoller, escolleu libre e conscientemente ser galega, como Brandán, Uxía, Amaro e Navia, mais tamén como Jakson, Isabelle, Paula e Djiby.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal