02:15 Xoves, 22 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-07-2015

Eran homes que militaban no progresismo, sen dúbida, pero cunha mente tinxida de análise concreta dos problemas do noso país

Ecos da historia patria: a revolta de 1846 e Antolín Faraldo

Valorar (36)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


Antolín Faraldo


Hai moitos traballos históricos meritorios sobre a Galiza contemporánea. Porén, mesmo os mellores (De provincia a nación, de Xusto Beramendi, por exemplo) danme a sensación de adoeceren ás veces dunha dependencia excesiva dos prexuízos, reservas e medos actuais, que se proxectan cara ao pasado. Así é difícil termos unha acaída ponderación de acontecementos e personaxes galegos na súa significación e incidencia no interior e no contexto internacional. Esta é a sensación que teño, sirva de botón de mostra, co levantamento de 1846, seguro que moito máis grave, transcendente e impactante para o futuro inmediato de Galiza e para a evolución da situación política no Estado español entón, do que se recoñece na historiografía oficial española e mesmo na galega de diversa intención.

Verbo do levantamento de 1846, se analizamos, de forma pormenorizada e exhaustiva, a prensa progresista e conservadora do momento, comprobaremos que se lanzaron sobre Galiza, para sufocar a revolta, cuantiosas forzas de infantería e artillaría por terra e unha vixilancia e acoso costeiros con Ferrol como epicentro das operacións. A revolución, o levantamento, tivo unha participación civil nada desprezábel sen a que non se entendería tampouco a opción militar de sublevación, precisamente na Galiza. Lugo, Santiago, Pontevedra, Vigo, Ourense e moitas vilas menores viron como sectores sociais, vinculados ao comercio, aos negocios, ao mundo intelectual e artístico, ás clases populares, se aprestaron á rebeldía. Para eles era unha revolución galega, e como tal, non dubidaron en redixir unha constitución galega, que foi promulgada de forma inmediata, alén de esperaren que, liberada Galiza, o conxunto do Estado acabase apostando na mesma dirección. Polo tanto, levantamento militar, si, pero social e popular tamén, cunha secuela represiva que non se limitou ao xuízo sumarísimo e fusilamento  dos xefes militares, con Solís ao fronte, en Carral (por certo, case sempre bautizado como “El Carral” pola prensa madrileña, no seu afán españolizador). Non foi só a cruenta batalla de Cacheiras, e o posterior asalto a Santiago, dunha violencia que tardará en desaparecer da conciencia popular, senón tamén o asedio, e a negociación de condicións onerosas para a rendición a última hora, de Lugo, Vigo, Pontevedra e Ourense…Vexamos como se describe a acción contra Santiago na crónica de El pensamiento de la nación (6-5-1846):

Los pronunciados se replegaron en la ciudad y la acción fue desde entonces más sangrienta. Los unos atacaban con el valor que inspiran los sentimientos de lealtad; los otros se defendían con la temeridad del que ve en el arrojo el único medio de salvar la vida; y  los soldados del general Concha no penetraban en una calle ni daban un paso sin haber sido objeto de una terrible lucha. La ciudad se tomó casa por casa y cada una de ellas quedó regada conla sangre de algún soldado. El terreno se iba limitando y Solís con toda su fuerza tuvo que refugirase en el cuartel de San Martín, antiguo y suntuoso monasterio de benedictinos. La situación para los insurgentes era cada momento más angustiosa; rodeados por todas partes, encerrados en una fortaleza de donde no podían salir, carecían de víveres que les alimentasen algunos días, no contaban con el auxilio de ninguna división pronunciada, estaban faltos de toda clase de recursos y para mayor tormento habían agotado en la pelea todas las municiones; de manera que cuando las tropas leales derribaron de un cañonazo las puertas del cuartel, los sitiados tuvieron que combatir a los soldados que intentaban penetrar con cargas a la bayoneta. Estos hombres que desde las nueve de la mañana hasta las seis y media sostuvieron de aquella manera un ataque tan continuado, y que no perdieron un palmo de terreno sin dejarle sellado con la sangre de sus contrarios, se hallaban en la desesperada posición de tener que morir sin pelear. En situación tan terrible, viéndose vencidos y sin medio de obrar pidieron capitulación
.

Entregáronse o coronel Solís, o comandante Velasco, dez capitáns, 42 oficiais, 1400 soldados, 60 gardas civís e 25 cabalos. O xornal dá a cifra de 500 entre mortos e feridos dunha e doutra parte. A clase de tropa foi destinada a Cuba, Puerto Rico e Filipinas en condicións case escravistas por un período de servizo de dez anos. O correspondente de El Eco del Comercio (5-7-2015) en Ferrol describía  así a súa partida: “Ayer se dieron a la vela de este puerto los buques que conducen el resto de los soldados prisioneros en Santiago y demás puntos sublevados en abril último (…) Compasión daban estos infelices al tiempo de su embarque, y hemos presenciado escenas que nos entristecieron y llenaron de amargura. La desesperación de las esposas, los ayes de tiernas criaturas, los lamentos de parientes y extraños, todo en fin, arrancaba lágrimas de dolor y de justa y natural indignación”.  O Goberno “moderado” foi tallante e impasíbel: había que dar un escarmento exemplar a comezar, de forma rápida e sen posibilidade  indulto, cos xefes militares, malia peticións de clemencia para Solís como a do arcebispo de Santiago, agradecido por consideralo o seu protector fronte á hostilidade da tropa e da “Junta Superior” de Santiago, segundo o devandito xornal, un goberno que ditaba disposicións anulando os actos  do goberno de Madrid, “usando de un poder soberano”.

Cal era a causa galega? Había varios aspectos que irritaban os sectores sociais comprometidos co levantamento. Un deles era a excesiva presión tributaria, que se consideraba desproporcionada. Outro era o papel de Galiza como colonia da Corte de Madrid, unha auténtica Babilonia, segundo expresión de Antolín Faraldo, que vive de chuchar as nosas riquezas. A terceira era unha división administrativa que centralizaba o poder e destruía a unidade do antigo reino de Galiza. Eran homes que militaban no progresismo, sen dúbida, pero cunha mente tinxida de análise concreta dos problemas do noso país. El Clamor Público (19-10-1845), de Madrid, publica un manifesto de Faraldo que, após impreso, estando suspendido o seu xornal El Porvenir  por decisión política gobernativa, non permitiu a autoridade  que circulase  recollendo todos os exemplares. Nel podemos ler:

TODO PARA GALICIA.-Habíamos escrito al frente de El Porvenir, y este lema nuevo y atrevido, este grito de guerra contra esa impúdica Babilonia, que en un solo festín consume los productos de dos millones de gallegos….era a la vez una fórmula y un símbolo: fórmula de lo que deben proponerse los hombres pensadores de nuestra provincia, símbolo de una lucha, no pacífica, doctrinal, lenta, sino contundente, incesante, agitadora, de propaganda….No pretendíamos imitar a O´Connell, como ha dicho por sarcasmo El Conciliador,sino seguir las huellas de Espartaco…Irlanda sólo necesita que un sacudimiento del continente lleve al desconcierto a la metrópoli para ahogar al coloso con sus fuertes brazos.-Galicia escuchaba por primera vez palabras de emancipación…que resonaban en sus oídos armoniosas , como una plegaria, eléctricas como un himno…Cuando el convencimiento de una gran inquietud fuese popular…se desharía como polvo ese viejo alcázar levantado por las manos de Leovigildo.

Veremos a concomitancia con esta análise no primeiro número de La Revolución, gaceta oficial da Junta de Gobierno Provisional de Galicia, constituído inmediatamente após do levantamento militar do 2 de abril de 1846 na cidade de Lugo, no que se pode ler: “…Galicia, arrastrando hasta aquí una existencia oprobiosa, convertida en una verdadera colonia de la Corte, va a levantarse de su humillación y abatimiento. Despertando el poderoso sentimiento de provincialismo, llegará a conquistar Galicia la influencia de que es merecedora, colocándose en el alto lugar a que está llamado el antiguo reino de los suevos”. En Madrid, El Español (29-4-1846), informando da revolución en Galicia, detecta a man de Faraldo na declaración do Goberno provisorio galego, non deixando de sinalar de onde provén a dificultade para a construción do Estado centralista, unitario, da España, nación única:

En efecto, el secretario de la junta provisional de la patria de los suevos es el señor Antolín Faraldo, que después de haber dicho abajo reglas, escuelas y maestros, prosigue ahora queriendo echar abajo otra porción de cosas, menos el espíritu de provincialismo, que a fuer de buen progresista y radical y humanitario proclama en alta voz como remedio a nuestros males, no queriendo sin duda darse por entendido de que uno de los mayores para nuestra nación es el estar compuesta de una agregación de reinos.


Coido  que homes como Faraldo tiñan clara a entidade nacional de Galicia, por máis que adaptasen as súas tácticas ás conxunturas; porén, non son quen aínda de liberárense totalmente dos preconceitos e mentiras que a centralización-globalización en ascenso pon en circulación. Especialmente, o uso do castelán como vehículo de expresión nos seus xornais, nas súas proclamas, moi posibelmente tamén na oralidade entre eles, o que os convertía en diglósicos e segregados respecto do campesiñado. O dereito de cidadanía parece estar reservado ao idioma estatal dominante. Vían o problema do mundo labrego, pero a idea do progreso tendía á súa desconsideración, polo menos cultural e lingüística. Antolín Faraldo era seguramente quen tiña unha maior conciencia galega, ao tempo que era tamén con seguridade o de ideas abstractas máis avanzadas. O fracaso da revolución de 1846 levou  moitos dos seus protagonistas civís ao exilio. Portugal foi unha táboa de salvación, se ben en confinamento e vixilancia. Así o cónsul de España en Porto comunica, con data 2 de maio, unha relación nominal de individuos que, como emigrados, se presentaron na cidade procedentes da sublevación que tivera lugar na Galiza. Hai comerciantes e avogados, entre eles Rodríguez Tarrazo, que se declaran como tais. Curiosamente, Antolín Faraldo e Antonio Romero Ortiz figuran na lista de militares que se presentaron tamén en Porto, coa cualificación “veteranos de Santiago”.

Unha cortiña de fume misteriosa cubre a vida deste mozo revolucionario, especialmente nos seus derradeiros anos, con afirmacións sobre a súa evolución ideolóxica e os seus desenganos que non están nin fundamentadas nin explicadas.  Por que non voltou nunca máis a Galiza após o exilio portugués? Pois con total seguridade foi por unha prohibición gobernativa explícita de poder facelo polo menos durante dez anos. Segundo El Eco del Comercio (30-10-1847), o máis importante xornal progresista, Antolín Faraldo estaba esperando entón en Santander un veredicto de absolución dos tribunais, porque se lle prohibira  desembarcar en Vigo. En todo caso, debemos lembrar que xa un Real Decreto, datado en Madrid, o 30 de abril de 1846, estabelecía no seu artigo 3º que “la clase de tropa y demás individuos de otras procedencias que se asociaron a ellos para secundar la rebelión, serán destinados a servir diez años, contados desde el día en que perpetraron su delito, en el punto o puntos que se les designe”. Faraldo sempre foi obxecto de observación e hostilidade por parte  dos gobernos “moderados”: Bravo Murillo impediu mesmo que callase a súa revista filantrópica e humanista, La Europa, a base de retirala de circulación a censura. A morte en Andalucía, Granada, o 20 de xuño de 1853, consumaba así o imposíbel regreso e era o preludio dos desterros, esquecementos e desfiguracións posteriores. Nun artigo necrolóxico (El Clamor Público, 6-7-1853) que lle dedican Rúa Figueroa e Romero Ortiz, entón tamén náufragos da revolución galega de 1846, recoñecen que Galiza era a  causa de Faraldo. Resulta algo triste comprobar como aquel mozo que tivera palabras tan valentes e reveladoras sobre o seu país e un compromiso revolucionario práctico con el, se vai ver abocado a representar finalmente un comité progresista cordobés. Claro que a súa palabra e a súa acción tiveron consecuencias para Galiza. Podería comprobalo  este 25 de xullo na Quintana, un lugar emblemático, tan vinculado tamén á súa experiencia de mozo galego  revolucionario.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[30-07-2015 21:00] Joana comentou:

Excelente artigo. A primeira vez que me acheguei à figura de Antolín Faraldo con certo detemento, foi da man do historiador Uxío-Breogán Diéguez. Este xustamente liga ( no libro "Sintese da historia social e política da Galiza desde 1800", 2011) o movimento do 1846 co europeo do 1848, dando conta de como nos xornais españois se falaba do movimento do 1846 como 'movimiento insurrecto galaico'.

[28-07-2015 08:00] manuel veiga comentou:

Interesante artigo. Na liña de "A Revolucion galega de 1846" de Xoan do Porto e de Tettamancy. Otero describiu ben, en "Os camiños da vida" a batalla de Santiago e o asalto a San Martiño Pinario.
Coincido en que a Universidade galega peca de mimetismo.
Tampouco vin que alguén relacionase o 46 galego co 48 europeo, a chamada "Primavera dos pobos".
Falta moito por facer en GZ.
Moitas felicitacións polo artigo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña