09:12 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-07-2015

O exercicio da soberanía e o dereito a decidir é incompatíbel coa Unión Europea

Soberanía e Unión Europea

Valorar (10)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Non está de máis recordar como naceu o que hoxe coñecemos como Unión Europea para entender o que está a acontecer con Grecia ou para entender as consecuencias para Galiza da integración do Estado español neste entidade supra-estatal.

Lonxe da parafernalia ideal coa que se nos abafa, a Unión Europea ten un nacemento máis mercantilista que humanista ou social. Nace en 1951 coa creación da CECA (Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro) coa participación inicial de Alemaña, Francia, Italia, Países Baixos, Bélxica e Luxemburgo. Este acordo suprimiu as aduanas entre estes países, favorecendo deste xeito a libre circulación de mercadorías. A CECA estivo vixente até 2002, coexistindo coa CEE (Comunidade Económica Europea), que nace pouco despois en 1957 co Tratado de Roma. Como a primeira, a CEE procura a integración económica e a constitución dun mercado común entre os seus membros.

Como vemos, son os asuntos puramente económicos os que motivaron a creación destas entidades supra-estatais, cun único obxectivo, achanzar o terreo para o espallamento das mercadorías e do capital do centro do sistema á periferia. Na Galiza coñecemos ben todo este proceso, porque sufrimos as consecuencias nos sectores produtivos vitais da nosa economía. Na pesca, na agro-gandería, na industria, ... todo foi desmantelado ou está en proceso de desmantelamento para facer sitio á produción do centro do sistema, que chega ás nosas casas a través das grandes empresas da distribución alimentaria e de servizos, que na súa maior parte son transnacionais francesas e alemás. Sen ferramentas políticas para facerlle fronte, e coas escasas que temos colaborando con este proceso de desintegración do país, as consecuencias son de sobra coñecidas: paro e emigración.

Co Tratado de Maastricht, asinado en 1992, a CEE colle u novo pulo. Para empezar cambia de nome pasando a denominarse Unión Europea, dotando a esta entidade de todo un marco institucional como Parlamento Europeo, Consello Europeo (Eurogrupo), Comisión Europea, etc. É dicir, este tratado permitiu dotar á Unión Europea dos poderes propios dun estado moderno: un lexislativo, un executivo e un xudicial; ademais, tamén se puxeron os alicerces da moeda única, o Euro, e dun banco central, que se encargaría da política monetaria e de divisas, suplantando as funcións de todos os demais bancos centrais e dos estados, que perderon deste xeito unha importante ferramenta económica. Con este Tratado revestíase o entramado de intereses económicos e mercantilistas cun traxe máis político e con este o adorno social -fraudulento, por outra parte, como estamos a ver-, que fixera máis dixeríbel unha institución que estaba dando pasos cara á a eliminación da soberanía dos Estados membros.

Co Tratado de Maastricht tamén se puxeron en marcha as políticas de austeridade, -conditio sine qua non para pertencer a este selecto clube-, políticas que aplican sistematicamente todos os gobernos, sexan da cor que sexan, e o exemplo máis descarnado témolo en Grecia, onde un partido de esquerdas, Syriza, aplica uns recortes brutais, empobrecendo aínda máis o pobo grego; ou sen ir tan lonxe, o Estado español, onde PP e PSOE pactan unha modificación express da Constitución para darlle “prioridade absoluta” ao pago das débedas da administración pública, fronte calquera outro tipo de gasto.

Por outra parte, a crise financeira e económica de 2008 permitiu á Unión Europea dar un novo chanzo, a Unión Bancaria, que na práctica suprime o control dos estados sobre as entidades financeiras locais, que pasan a depender directamente do Banco Central Europeo, eliminando completamente o papel dos estados nesta materia.

Pero a cousa vai a máis; só temos que ollar o recente informe asinado por Jean Claude Junker, presidente da Comisión Europea, titulado “Realizar a Unión Económia e Monetaria Europea”, no que se describe a folla de ruta da Unión Europea nos próximos anos, concretamente entre 2015 e 2025. Este documento, fala abertamente do control orzamentario das administracións públicas a través dun organismo “independente” chamado “Consello Fiscal Europeo”, que vixiará e ditaminará se os orzamentos públicos e a súa execución se axustan aos obxectivos do marco de gobernanza fiscal da UE. Isto é, redúcese notabelmente a marxe de manobra dos Estados da Unión para dotarse de políticas máis xustas e de distribución da riqueza.

Como vemos, nos últimos 60 anos, o que hoxe coñecemos como Unión Europea foi dando pasos, lenta, pero inexorabelmente no sentido de adelgazar a soberanía dos Estados, transferíndoa cara a unha instancia superior, dotándose de estruturas de control público que foron substituíndo ás que tiñan os Estados. O obxectivo? A unión política, un único goberno para gobernar a todos os estados e todos os pobos; un contexto político onde os gobernos “estatais” son títeres, meras correas de transmisión dunhas políticas que recortan dereitos sociais e laborais, e empobrecen amplas capas da poboación para enriquecer á oligarquía financeira que creou esta macro-estrutura política, e onde pouco importa a vontade de pobos e a democracia, que, como Grecia, e a pesar de rexeitar mediante referendo as políticas de austeridade, o seu goberno e o seu Parlamento acatáronas con tal de non quedar fóra do club.

Porque, teñámolo claro, o obxectivo da Unión Europea é restar soberanía aos pobos, así o recoñecía a propia Merkel hai xa dous anos, cando avisaba de que os membros da zona euro tiñan que estar preparados para “ceder o control de certos aspectos da política ás institucións europeas para superar a crise de débeda”, e isto precisamente foi o que fixo Grecia non hai moitos días, que xa non é quen de lexislar por si propio sen contar co beneplácito das “institucións” europeas.

Como estamos a ver, canto máis se afastan as institucións do control democrático dos cidadáns e cidadás, canto máis poder de decisión perden os pobos, máis terríbeis son as consecuencias; Grecia é un exemplo, pero tamén o é Galiza, que leva anos sufrindo as políticas económicas ditadas desde Bruxelas, froito dun tratado de adhesión negociado por outros con consecuencias terríbeis para os nosos sectores produtivos; o sector lácteo por exemplo, por citar un exemplo que está de plena actualidade.

Porén, a pesar do sufrimento e da ruína provocada polas políticas da Unión Europea e das consecuencias provocadas pola pertenza a este organismo, unha recente enquisa en Grecia demostraba que o apoio ao Euro é moi maioritario, fronte aos que apostan por recuperar o dracma e a soberanía económica. Esta é a contradición na que se move a sociedade grega, pero tamén a galega, unha contradición da que non están exentas obviamente as organizacións políticas que teñen entre os seus obxectivos alcanzar a soberanía dos seus respectivos pobos; son conscientes do dano que provoca a falta de soberanía, pero son incapaces de artellar ou apostar por unha alternativa política distinta, conformándose simplemente cun reformismo da Unión Europea que é improbábel que suceda, porque como dixen ao principio foi creada con fins puramente mercantilistas e por unha oligarquía financeira que non vai ceder o seu control.

Decidir por nós mesmos, recuperar a soberanía, é vital para recuperarmos a dignidade e artellar políticas que redunden no benestar de todos e todas. A pertenza a macroestruturas políticas e económicas é incompatíbel co exercicio da soberanía e da democracia.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña