22:18 Domingo, 15 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-07-2015

Para o caso do sistema lingüístico galego-portugués, os primeiros comentarios á volta da diversidade dialectal remontan aos séculos XVI e XVII

As primeiras referencias á variación lingüística no ámbito galego-portugués

Valorar (18)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Entre as observacións que máis incorren en tópicos referidos ao ser humano, xunto ás características da cor da pel, do cabelo, dos ollos, da altura, dos modais etc., existen as protagonizadas polas diferenzas dialectais ou rexionais das linguas. Moita xente fala delas, e non unicamente as persoas que profesional ou academicamente se dedican ao estudo da lingüística; a noso ver, resulta bastante probábel que desde os primordios da linguaxe humana os propios utentes dunha lingua tivesen relativa consciencia dos diversos modos de falar que detectarían se comparados con outros individuos. Porén, sorprende como non é até finais do século XIX, co nacemento da Dialectoloxía, cando se comeza a analizar cunhas metodoloxías rigorosas como se modifican os idiomas e en especial como se modifican no seu aspecto territorial, pois a maior parte das informacións sobre a variación lingüística anteriores é un mero indicio, un conxunto de intuicións, de datos sen fundamentación científica.

Con todo, isto non implica que non existise desde vello unha certa percepción da variación lingüística. As primeiras reflexións sobre a natureza de fenómenos históricos como a evolución e a diferencición das linguas datan da Antigüidade: na Europa occidental, cando menos, é no mundo clásico, e en particular no helénico, onde se poden retrotraer unhas das máis antigas consideracións ou consecuencias neste sentido, xa que é sabido que se empregaban diversas variedades de grego en función do xénero literario. Esas modalidades, xurdidas á volta dunha antiga base territorial común, eran o dórico (normalmente usado na composición lírica), o eólico (utilizado na poesía), o xónico (empregue na historiografía) e o ático (utilizado habitualmente no xénero tráxico).

Na culturas de Asia Menor, ao mesmo tempo, existen antigas impresións sobre a diversidade dialectal e algunha xa provén dos textos bíblicos: talvez a mostra máis singular (e seguramente a máis sanguinaria a respecto dunha diferenciación de carácter dialectal) vén documentada no Antigo Testamento, cando as tropas de Galaad e as de Efraim combatían nas marxes do río Xordán. Cóntase na Biblia que algúns efraimitas conseguiran penetrar nas tropas galaaditas sen, aparentemente, seren distinguidos dos seus rivais; mais un xeneral galaadita deu ideado un medio para detectar os impostores, o cal consistía en chamar os sospeitosos de seren do outro exército e en os obrigar a pronunciaren o nome da espiga de trigo, que os galaaditas denominaban shibboleth. E, de acordo co relato bíblico do Libro dos Xuíces, usaban a forma sibboleth e non shibboleth, porque non podían pronunciala “correctamente”. Nese momento estaban a asinar, sen o saberen, o seu drástico futuro a curto prazo, pois ao pronunciaren esa palabra de modo diferente eran identificados como inimigos, despois detidos e, posteriormente, executados (unha práctica parecida era aplicada na España para seren detectadas xentes de orixe morisca: Sebastián de Covarrubias expuña no seu Tesoro de la lengua castellana o española de 1611 que quen estivese baixo sospeita de ascendencia árabe tiña de pronunciar correctamente a palabra cebolla…).

Por outra parte, os textos sagrados da tradición relixiosa da India, os Brahmana, que datan do século VIII a.d.n.e, tamén ofrecen algúns datos sobre a consciencia do fenómeno do variacionismo e igualmente aquí as implicacións non resultan excesivamente favorábeis para as xentes que protagonizan a diverxencia idiomática. Dise que o pobo dos asuras foi privado da linguaxe “correcta” e que, consecuentemente, empregaba unha variedade de sánscrito que non era a que se consideraba máis adecuada. O rexeitamento desa modalidade é tan explícito que mesmo se chega a explicar o insuceso guerreiro da nación asura polo feito de non utilizar algo equivalente ao que se chamaría hoxe en día “norma estándar”: conforme se expón nesa obra clásica da literatura sánscrita, os asuras, ao pronunciaren a lingua non como se pensaba que era máis adecuado, demostraban ter así unha fraqueza moral que os levaba, inexorabelmente, a colleitaren derrotas no campo de batalla.

Para o caso do sistema lingüístico galego-portugués, os primeiros comentarios á volta da diversidade dialectal remontan aos séculos XVI e XVII e, felizmente, non son nin bélicos nin sanguinarios. Nesa época é que saen do prelo as primeiras gramáticas portuguesas e nelas aparecen, marxinalmente, algunhas referencias á diversidade dialectal na altura. Así, Fernão de Oliveira, en 1536, daba conta da existencia de certas variedades xeográficas na súa Grammatica da Lingoagem Portuguesa, como os falares da Beira, da Estremadura, do Minho e do Douro ou do Alentejo: a tratar as denominadas “dições usadas”, indica que “os da beira têm hũas falas e os d’Alentejo outras: e os homens da Estremadura são diferentes dos d’Antre Douro e Minho: porque assi como os tempos, assi também as terras criam diversas condições e conceitos”. João de Barros, na súa Grammatica da Lingua Portuguesa de 1540, manifestaba que na rexión do Minho se achaban palabras antigas: “Nã sómẽte os que achamos per escrituras antigas, mais muitos que se usam entre Douro e Minho, conservador da semente portuguesa: os quaáes algũus indoutos desprezam, por nam saberem a raiz donde náçẽ”. E Duarte Nunes de Leão, o terceiro dos precursores da tradición lingüística lusitana, reparou en 1576 na existencia de áreas lingüisticamente particulares, diferentes do eixo Lisboa-Coimbra, zona fundamental de onde xurdiu a variedade padrón: referíndose á antiga terminación -om (> -ão), salienta na súa Orthographia da Lingoa Portuguesa que a “ainda agora guardam alguns homens de Entre Doutro e Minho e os Galegos, que dizem, fizerom, amarom, capitom, cidadom, tabaliom, apelaçom”.

Esas afirmacións continuaron a vigorar na reflexión sobre a diversidade dialectal do portugués durante toda a Idade Moderna. Por citarmos só un exemplo, Jerónimo Contador de Argote, nas súas Regras da Lingua Portugueza de 1725, expuxo uns datos referidos ás variedades lingüísticas empregadas na fronteira de Portugal, posibelmente incluíndo o galego. A través da exposición dun diálogo entre un escolino e un mestre, vaise comentando unha notoria cantidade de informacións sobre o estado dialectal da lingua na altura: aínda que existen diversas variedades, como son o “Dialecto da Provincia da Estremadura, o da Provincia de Entre Douro e Minho, o da Beyra, o do Algarve, e o de Tras os Montes”, tamén se expón que “nas rayas de Portugal” se achan dialectos “muyto barbaros” que “quasi que se não pòdem chamar portuguez, mas só os usa a gente rustica daquelles lugares”. Igualmente, este autor, como antes xa fixeran os gramáticos portugueses dos séculos XVI e XVII, pondera o grao de conservadorismo das variedades setentrionais, xa que o “dialecto antigo” (ou o galego medieval) tiña “muyta parte do Dialecto actual do Minho, Beyra e Tras os Montes”; pola proximidade co galego, non teñen perda os comentarios sobre os falares norteños, dos cales reproducimos un exerto: as persoas nadas no Minho “a letra V, consoante pronuncião como B, ao vinho dizem Binho; a letra B, pronuncião como V consoante, ao Vento dizem Bento. As letras ão dizem om, ao Não dizem Nom, ao Pão Pom. Differe nas palavras, porque à Viração chamam Maré, à Alameda chamão Devesa. Differem no modo de fallar, porque fazem a alguns nomes masculinos femininos, e aos femininos masculinos. O fim dizem A fim”.

Isto facíano os eruditos portugueses deses séculos xustamente porque existía unha variedade padrón á volta do eixo Lisboa-Coimbra, e todo aquilo que non coincidise cos modos de ser empregue o portugués nese territorio era considerado incorrecto, isto é, foi reprobado e combatido. Mais na Galiza non había esa preocupación pola lingua e, como é sabido, as primeiras referencias sobre a diversidade dialectal proveñen do século XVIII. Nese ambiente ilustrado, os pioneiros en reflectiren sobre o variacionismo xeográfico galego van ser os eruditos dezaoitescos, os cales, embora acientificamente, chegaron a percibir determinadas diferenzas diatópicas entre as distintas do país. Así, por exemplo, Frei Martiño Sarmiento, expondo as causas de que sería necesario un dicionario galego, sinala unha exaxerada fragmentación dialectal do país: “muchas voces y frases gallegas que se usan v.g., hacia el cabo de Ortegal no se entienden hacia el cabo de Finisterre, ni al contrario, sólo por medio de ese vocabulario [o dicionario] se podrán entender. Lo mismo respectivamente en tierra de Limia, de Valdeorras, montañas de Lugo, Tuy, Orense, Santiago, Betanzos, etc.” Lembremos aquí que a primeira tentativa de clasifiacion dialectal do galego tería de demorar máis un século e foi feita por Saco Arce en 1868 na súa Gramática Gallega, o cal distinguía un “subdialecto” setentrional  face a un meridional.

En resumo, aínda que a dialectoloxía xorde no século XIX, xa desde os albores da tradición escrita bíblica, grecolatina e sánscrita se ten constancia da atención que concederon algúns eruditos á variación lingüística. Os primeiros comentarios sobre o espazo lingüístico galego-portugués aparecen en territorio lusitano nos séculos XVI-XVII e no galego, cunha notábel demora, no Século da Ilustración, como produto da desigual situación política dos dous países. Porén, após unha ollada a este rápido percurso cronolóxico, verifícanse algunhas actitudes xerais: (a) a constatación de que as diferenzas lingüísticas entre falantes remontan no seu formulamento moitos séculos, embora non collesen armazón metodolóxica até á Idade Contemporánea; (b) a existencia, en moitos casos, dunha variedade mellor considerada que as outras, o que, dito noutros termos, conflúe nunha situación que apunta cara á desigualdade social con base na lingua; (c) a frecuencia, por conseguinte, de impresións extralingüísticas a respecto dos colectivos sociais que non empregan a modalidade socioloxicamente máis valorizada; e (d) a negatividade da percepción do fenómeno dialectal con independencia da época, xa que as conclusións que se tiran en cada caso condúcennos sempre ao túnel da reprobación: a morte, a acusación de rusticidade ou mesmo o desprestixio social foron as ulteriores evidencias dunha incomprensión cara ao fenómeno da variación lingüística.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña