04:54 Luns, 06 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-07-2015

Inmemorian de Periko Solabarria

"Se non nos deixan soñar non os deixaremos durmir"

Valorar (10)

RAÚL RÍO DÍAZ


Periko Solabarria

"Se non nos deixan soñar non os deixaremos durmir"

Estas verbas do escritor uruguaio Eduardo Galeano eran as preferidas do Cura Obreiro, loitador e activista social vasco, Periko Solabarria Bilbao. Soñar –afirmaba– fíxome máis forte na batalla obreira e na loita nacional. Débil na súa saúde pero forte nas súas conviccións, deixounos o pasado 24 de xuño despois de 85 anos de loita, compromiso e dignidade. Para el as ideas podían ser diferentes, pero nunca debían crear xenreira entre as persoas e, por iso, falando dos desafiuzados, lle espetou nun programa de Radio Bilbao a Antonio Basagoiti cando era presidente do PP vasco, que si o botaran da súa casa el plantaríase diante da súa porta con unha pancarta para defendelo.

Naceu en Portugalete, pero ao pouco tempo trasládase a zona mineira onde o seu proxenitor traballaba nas minas de ferro. Un pouco antes de quedar orfo de pai ingresa no seminario de Urduña, que era o único xeito que tiña o fillo dun obreiro de poder estudar e, ao rematar a carreira, exerce como crego en Triano, na Arboleda, a zona onde se criou. Ao volver alí -dicía- e ver tanta miseria e desigualdade pensei cal era a miña misión como cura. ¿Dicir misa? Non. ¿Evanxelizar? Tampouco. A dignidade da persoa está por encima de todos os evanxeos e de todas as relixións. Quiteime a sotana, como digo eu, e púxenme a traballar. Pensaba que aquelas xentes, a maior parte delas emigrantes que chegaran alí co posto, mais que un cura que lles dixera misa o que necesitaban era conciencia de clase e traballar en grupo para mellorar as condicións de vida, había que loitar contra aquela desigualdade e aquela pobreza, polo que tamén, sen renunciar ao clero, creou unha escola que sería coñecida como Universidade Popular ou a súa Universidade de Triano, para darlles clases aos fillos dos mineiros. A partir daquela deixaría de ser Don Pedro e pasaría a ser simplemente Periko para o resto da súa vida.

Anos máis tarde trasládano á parroquia de Santa Tereixa de Barakaldo e vive en Vila Paquita, un sótano húmido que estaba ao lado da igrexa que se utilizou para moitas reunións clandestinas polas que pasaron dirixentes do PSOE como Ramón Rubial ou Felipe González, cando aínda era un descamisado con chaqueta de pana; sindicalistas como Marcelino Camacho ou Nicolás Redondo. Axudou a organizacións legais como JOC e HOAC, e a outras ilegais como ELA, USO, CCOO, o Frente Obreiro de ETA e outros militantes desa organización como Txabi Etxebarrieta. Aquela era a súa escola de militancia obreira e política, pero nunca tivera pensado Periko que aquel descamisado con chaqueta de pana sería anos máis tarde o que desmantelou a industria de Ezkerraldea e Meatzaldea, mandando ao paro a miles de traballadores desa zona industrial e mineira, nin que sendo presidente do goberno español algún xuíz o sinalara como o presunto xefe dunha organización terrorista e criminal como foi GAL.

Daquela traballaba nos Altos Fornos e ao mesmo tempo predicaba na igrexa a liberdade de expresión e de folga: Algúns dos meus capataces e encargados viñan a escoitarme á misa para oírme falar dos abusos dos patróns e sempre estaba ao lado do púlpito un policía secreta escribindo todo lo que eu dicía. Tres dos meus sermóns leváronme por primeira vez ao penal que o franquismo habilitou para curas en Zamora, ao non poder pagar a enorme multa que me impuxeron.

Eu coñecino fai moitos anos durante unha folga nos Fornos Altos de Sestao na que houbo sancións por parte da empresa a varios traballadores. Estivemos na súa casa de Lutxana preparando o xuízo contra un despido. Daquela fora elixido parlamentario en Madrid por Herri Batasuna, pero non chegou a recoller a acta e seguiu de peón de construción, facendo formigón para construír a ponte de Róntegui que une Barakaldo coa marxe dereita da ría do Nervión, porque a acta mais prezada para el era a de peón da construción.

Foi até os últimos días o compañeiro de pancarta e reivindicación; non houbo loita social na que non participara, pero a mais famosa foi a chamada Folga de Bandas de Etxebarri que desafiou ao franquismo durante seis meses en 1966, e na que participou activamente organizando aos oitocentos traballadores que a secundaron e gravando con unha impresora rudimentaria que daquela chamaban Vietnamita naquel sótano de Vila Paquita as octavillas, que eran a obsesión da policía porque non sabía de onde saían.

Cando lle fun dar o último adeus ao tanatorio atopeime co exdeputado Anxel Alcalde que me comentaba o apoio social que sempre tivo Periko e que non cría que houbera ninguén que lle desexara mal. Despois de irme de alí seguín matinando nesa reflexión do noso amigo común, pero dinme conta de que non pensaba o mesmo o membro da Ertzaintza, que con 83 anos e unha saúde xa moi debilitada lle rompeu a cadeira ao empuxalo violentamente cando participaba nun piquete informativo durante a folga xeral que se levou a cabo en Euskal Herria o 29 de marzo de 2012 e que lle obrigou a camiñar con muletas o resto da súa vida. Tampouco gozaban da súa simpatía burgueses, explotadores, esquirois e os sindicalistas que teñen como único fin o diálogo social, que comparten premios coas asociacións empresariais e tarxetas “Black” cos banqueiros. Moitos deles foron alumnos na súa escola sindical para medrar, porque como dixo Pepe Mujica: O poder non corrompe nin cambia as persoas, solo rebela o que verdadeiramente son.

Periko era incapaz de odiar, nin consideraba inimigo a ninguén, sen embargo a el perseguíano os fiscais e os xuíces da Audencia Nacional que querían volver a encadealo pola nobreza das súas ideas; acusándoo de enaltecemento do terrorismo durante as protestas que se levaron a cabo en Urduña pola morte en estrañas circunstancias do preso político vasco, Xabier López Peña. Contra esa vinganza que non puideron consumar manifestámonos polas rúas de Barakaldo o pasado 28 de maio, que foi cando lle fixen as últimas fofos detrás dunha pancarta e cando lle entreguei un disco coas que lle fixen nas diferentes loitas nas que participou ao longo de tantos anos de amistade que compartimos.

Moitas grazas Periko pola túa xenerosidade e por aquel saúdo que me facías levantando o puño dereito cada vez que me vías: Aupa Raulillo, viva Galiza Ceibe!

Os que queremos un mundo mais xusto e loitamos pola liberdade dos pobos nunca esqueceremos o teu exemplo. Agur Periko, gogoan zaitugu.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña