11:53 Xoves, 23 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-06-2015

Hai persoas que manteñen que unha imprensa libre debería dar voz a calquer opinión, sexa cal for

Eppur si muove

Valorar (45)

ROBERT NEAL BAXTER



 O pobo africano dogon cre que o clítoris é masculino e a prepucio feminino, polo que practica a excisión de ambos (levada a cabo polo ferreiro no caso dos rapaces) para as crianzas poderen asumir o xénero que lles corresponde. Trátase dunha crenza merecente de calquer tipo de respeito? Pois non. É unha superstición estúpida que leva à mutilación xenital sistemática e que trae consigo o risco de serias complicacións médicas e, nos piores casos, a morte.


  No seu día, o xinecólogo británico Isaac Baker Brown defendía a clitoridectomia para curar a histeria e a manía, doenzas –segundo el– que se debían à masturbación feminina. Trátase dunha tradición médica alternativa censurada polo maléfico imperio da medicina moderna e que cabería rescatar, xunto coa teoría miasmática e os catro humores? Pois non. Non é máis que unha aberración baseada na ignorancia e na misoxinia.

  Infelizmente, porén, tais necidades non fican tan lonxe nen no espazo, nen no tempo e para calquer persoa racional deberían ser motivo de preocupación. Vexamos:

  Hai criacionistas que acreditan que a Terra foi criada hai entre 5.700 e 10.000 anos e fan presión para que se ensine un disparate de tal calibre a par da teoría da evolución en nome da ecuanimidade. Trátase dunha postura autenticamente democrática? Pois non. É unha supina asneira. Os factos non son democráticos: por moito que se crea o contrario, a Terra non para de xirar ao redor do Sol. “Eppur si muove” sentenciou Galileo, ao opor a ciencia dos factos observábeis às crenzas infundadas da época.

  Aínda hoxe existen persoas que cren que se pode ‘curar’ a homosexualidade e mesmo quen practica o ‘estupro corretivo’ para ‘sandar’ lesbianas. Trátase dunha opinión tan lexitima como calquera outra e que merece ser difundida para que o público coñeza todos os pontos de vista antes de tomar unha decisión ‘informada’ ao respeito? Pois non. Son arrepiantes e noxentas manifestacións da homofobía e da lesbofobía que deben ser condenadas sen paliativos.

  Existe un movemento negacionista que propaga a crenza de que o VIH non provoca SIDA, considerándose a el@s mesm@s ‘disidentes’ loitando contra as imposicións da ditadura do sistema médico occidental. Mais, en realidade non son máis que unha banda de perigosos irresponsábeis. De facto, crean o que creren, non impede que morran... Deberíase dar voz a tais tolos iluminados en nome da liberdade de expresión? Pois non. Máis ben deberían ser perseguidos por atentaren contra a saúde pública.

  As manifestacións da pseudociencia son moitas e moi variadas. Porén, todas teñen unha cousa en común: colocan as crenzas –por absurdas que sexan– por encima de factos contrastados que gozan do consenso da comunidade científica, escudándose nunha defensa de alternativas ‘anti-sistema’, como se a ciencia fose unha xigantesca conspiración en conivencia co capitalismo para esmagar calquer ápice de crítica. Mais o grave é que transcende o ámbito de simples opcións persoais, con consecuencias que distan de ser inocuas, como demostra claramente o caso do negacionismo da SIDA. Concretamente na África do Sul, a irresponsabilidade anti-científica do ex-presidente Thabo Mbeki levouno a recusar subministrar retrovirais a pacientes, unha política que resultou na morte evitábel de case 400,000 persoas entre 1999 e 2008. Síntoo moito, mais non hai direito de expresión que valla para permitir que se difundan este tipo de crenzas infundadas que levan a actos criminais que constitúen un auténtico xenocidio.

  O caso do sarampo (que ía camiño da erradicación) e da papeira non é realmente tan diferente, aínda que –de momento– a escala menor. Comezou a arraigar e espallarse o movemento anti-vacinas após a publicación en 1998 dun artigo fraudulento na prestixiosa revista médica The Lancet (unha destas revistas que seica censuran calquer voz discrepante...) que relacionaba a tripla vacina como causante de autismo. Pouco tempo despois, o artigo ficou totalmente desacreditado e o proprio autor condenado por falta profisional grave coa retirada da licenza de médico. No entanto, determinados medios sensacionalistas dedicáronse a propagar estas andrómenas, alimentando un medo irracional e infundado que persiste aínda hoxe, co resultado de que a finais do século XX e principios do XXI tanto o sarampo como a papeira rexistran importantes surtos, con varias mortes. Leitura recomendada: En defensa de las vacunas, de Carlos González.

  Seguramente para algunhas persoas, o charlatán Andrew Wakefield, autor do artigo, pasará a formar parte do panteón dos mártires da loita contra a grande conspiración da farmacoindustria. Para min, non é máis que unha perigosa fraude que, debido à súa soberbia irresponsabilidade e falta de ética, segue a expor milleiros de persoas –na súa maioría crianzas– a doenzas perigosas e potencialmente mortais, totalmente susceptíbeis de seren previdas mediante unha simples vacina cuxa eficacia e seguridade están demonstradas. E non, isto non implica unha defensa da industria que negocia coa saúde da xente. Ao contrario, o que se defende é o direito universal ao acceso a un sistema de sanidade pública e gratuíta cuxa eficacia radica na medicina baseada na evidencia, en vez dunha saúde que defenda os intereses da industria farmacéutica que só se preocupa polos seus lucros económicos, tentando orientar a política sanitaria no seu proprio beneficio. Non podo resistir a tentación de recomendar dous libros do mesmo autor, Ben Goldacre: Bad Science (trad. ‘Ciência da Treta’) e Bad Pharma: How Drug Companies Mislead Doctors and Harm Patients (trad. ‘Farmacêuticas da Treta. Como as empresas da indústria farmacêutica induzem os médicos em erro e fazem mal aos doentes’).

  Frente a todo isto, hai quen insiste que “nom devemos cair no erro de culpar as maes que nom vacinam as suas filhas [nen] desprestigiar outras pessoas que, conscientemente informadas, decidem nom vacinar as suas crianças”. Pois eu acho que si, aínda que só en parte, xa que os medios desempeñan un papel importante en espallar e este tipo de comportamentos que non deixan de ser ignorantes e irresponsábeis, por ben-intencionados que sexan.

  Claro que hai que cuestionar sempre os grandes lobbies, pondo ao descuberto os seus escuros intereses. Claro que hai que reivindicar sempre que os medios garantan o acceso à información; toda a información. Ora ben, isto implica, por outra parte, que non se debe difundir desinformación, confundindo a mentira coa verdade. Hai persoas que manteñen que unha imprensa libre debería dar voz a calquer opinión, sexa cal for, pois do contrario sería acusada de ‘censura’. Porén, non se trata de censura ideolóxica, procurando ocultar e esmagar ideas contrarias mais igualmente válidas: trátase simplesmente de comprometerse co exercicio de responsabilidade e ética xornalística que consiste en non propalar falsidades potencialmente perigosas como se fosen verdadeiras.

  Coido que, en casos como este, a (auto)censura é como o colesterol: haina boa e má. Haina que axuda a sandar e a salvar vidas e aquela que leva à doenza e à morte. Progreso ou barbarie...


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal