18:19 Xoves, 08 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-05-2010

Adícanse a dar calificacións a países, empresas, bancos e produtos financeiros poñendo unha nota para que as e os inversores saiban se unha determinada empresa ou país é fiábel

Terrorismo financeiro: as axencias de certificación crediticia

Valorar (29)

RUBÉN CELA DÍAZ



Finais de Abril do 2010. Standart & Poor´s (S&P) rebaixa a nota da débeda pública española de "AA+" a "AA" ao tempo que anuncia que as súas previsións de evolución no medio prazo son negativas. Todo isto xustificado, segundo S&P, fundamentalmente nas medidas de axuste insuficientes do goberno español, evolución do déficit público e cuestións estruturais como o endebedamento, a falta de competitividade, excesivos custos laborais, nivel baixo de exportacións, mercado laboral inflexíbel cunha alta taxa de paro, etc. (Ver anexo I).

O efecto económico desta decisión foi demoledora para a economía española. Uns minutos despois de facerse pública a nova calificación, a bolsa española desplomábase un 3% e o euro caía ao seu nivel máis baixo do último ano. Os efectos de dita decisión só acababan de comezar.

Ante isto a moitos galegos e galegas téñennos xurdido múltiples interrogantes: que son estas axencias? quen as financia? en base a que toman as súas decisións? como unha empresa privada deste tipo pode pór en xaque a un estado?

QUE É UNHA AXENCIA DE CERTIFICACIÓN CREDITICIA?

As axencias de calificación naceron a comezos do século XX para avaliar a solvencia dos diferentes valores, asignando a cada un, unha escala de calificación en función de dúas variábeis fundamentalmente: o risco de impago e o deterioro da solvencia do prestatario.

Actualmente as axencias de rating  adícanse a dar calificacións a países, empresas, bancos e produtos financeiros. Fundamentalmente, o que veñen a facer é pór unha nota para que as e os inversores saiban se unha determinada empresa ou país é fiábel. En teoría, en base a estas calificacións -postas supostamente con grande obxectividade e profesionalidade...- un inversor calquera debería poder ter unha idea das probabilidades de que haxa problemas de impago se  finalmente decide investir nese produto previamente analizado pola axencia de certificación.

As axencias máis recoñecidas -até o momento, no futuro xa veremos o que pasa- son Standard and Poor´s, Moody´s e Fitch. As súas calificacións (ver anexo II) van de triplo A (unha matrícula de honra como quen di), até E (a peor nota posíbel, vamos, estudante con todos os boletos para repetir curso). O estado español até hai uns meses foi AAA, en xaneiro baixaría até AA+ (sobresaínte) e tras a rebaixa de abril, convértese en AA (máis ou menos, notábel). Máis alá da nomenclatura e a brincadeira académica, esta decisión rematou supondo un maior custe para a débeda pública española, xa que os bonos españois non son agora tan seguros -segundo S&P- como os estadounidenses ou os alemáns, que seguen cunha calificación AAA. Ao final, eses maiores custes para e estado sono tamén para a banca ou as empresas, entre outras cousas, porque os tipos de xuro que pagarán por pedir prestado no mercado serán, en principio, algo superiores aos que pagaban até o de agora.

O PASADO RECENTE DESTAS AXENCIAS: UN MODELO INTRINSICAMENTE CORRUPTO

Os organismos de calificación crediticia -como vimos de comentar- comezaron como analistas de mercado que vendían taxacións de débeda corporativa a xente que se estaba a  plantexar mercar esa débeda. Co  tempo transformaríanse en empresas contratadas por xente que vendía débeda para que lle deran a esa débeda o visto bo,  comezando unha espiral de difícil saída, chea de escurantismo e corrupción.

Foron os organismos de calificación crediticia, os  que outorgaron calificacións Triplo A a centos de milleiros de millóns de dólares en activos sospeitosos, case todos os cales se converterían pouco despois en lixo tóxico. Dos valores respaldados por hipotecas subprime con calificación Triplo A emitidos en 2006 o 93% rebaixaríanse á categoría de lixo. Por que deron estas axencias a triplo A, por exemplo, a algúns dos produtos financeiros que levaron a Lehman Brothers á quebra? por que foron -supostamente- incapaces de ver vir os problemas de Dubai ou dos bancos islandeses?

Non deixa de ser curioso, que sexan empresas privadas as que realicen estas calificacións e non organismos públicos, independentes de carácter internacional, sobre todo, se temos en conta, por exemplo, que moitos inversores institucionais e fondos de pensións, compraban bonos só no caso concreto de que recibiran a calificación Triplo A.

Polo tanto, para parte do capital a pregunta é clara: como consigo unha triplo A para un produto que non o merece e que sen esa certificación sería imposíbel de vender a determinados clientes.

A resposta, como na maioría de ocasións neste sistema, non é menos clara: pagando. Iso é así porque grazas ás excelencias do libre mercado e a privatización de servizos como o da certificación da calidade financeira, a competencia permíteme elixir entre varios organismos de calificación. Así que podo dirixir a miña empresa á entidade que tivera máis probabilidades de emitir un veredicto favorábel ou ameazar sutilmente con non dar chollo a quen queira ser demasiado rigoroso, ou chegado o caso nin tan sequera ser tan sútil...

Isto non o digo eu senón que o di alguén sen perigo de contaxio comunista como o é o subcomité do Senado dos Estados Unidos que investigou como comezou esta crise. Por onde credes que comezou a investigar? Pois certamente, centrou as súas investigacións nas dúas principais entidades de calificación crediticia, Moody's y Standard & Poor's;

AS BONDADES DA DESREGULACIÓN SEN LÍMITE

O das certificadoras, non deixa de ser un exemplo máis, onde verificar a evidente eficiencia do mercado e da competencia a respecto da intervención pública na regulación da economía. É evidente, que a intervención do estado na regulación destas miudezas sería contaxiar de morte un modelo que de pór si só funciona moi ben (non hai dúbida que para algúns, obxectivamente así é...), e que en liberdade, sen políticos polo medio, sen burócratas, sen normativas farragosas e sen ter que dar demasiadas contas a ninguén as curvas de oferta e demanda acaban confluíndo nun desenfreado gozo de eficiencia, transparencia e xustiza á hora de asignar os recursos.

Resulta moi difícil de explicar á opinión pública, por moi neoliberal que se sexa, que un asunto desta importancia, como a calificación crediticia, estea en mans privadas (e que mans).

Estes días un compañeiro mandábame un artigo moi recomendábel "O fascismo financeiro" do portugués Boaventura Sousa Santos onde se facía eco dunhas palabras, que coido son moi ilustrativas polo que din e por quen as di, un columnista do New York Times, Thomas Friedman. Segundo este "o mundo da pós-guerra fría ten dúas superpotencias: os Estados Unidos de América e a axencia Moody's [...] se é verdade que os EUA poden aniquilar un inimigo utilizando o seu arsenal militar, a axencia de calificación financeira Moody's ten poder para estrangular financeiramente un país, atribuíndolle unha mala nota".

Quen vixía aos vixiantes? que garante a non arbitrariedade dos criterios de avaliación empregados por estas axencias. Quen controla de onde veñen os seus ingresos? quen penaliza os seus erros? É lóxico que o simples rumor de unha próxima rebaixa na calificación dun estado poida provocar unha enorme convulsión no mercado de valores dun país?

Decididamente, a humanidade merece algo mellor.


ANEXO II:COMO SONAS CALIFICACIÓNS DAS AXENCIAS


ANEXO I: A XUSTIFICACIÓN DE S&P ANTE A REBAIXA NA CUALIFICACIÓN DO ESTADO ESPAÑOL

- Na nosa opinión, España probabelmente teña un longo período de lento crecemento, o que debilitará a súa situación orzamentaria.

- Rebaixamos pois a nosa valoración a longo prazo dos bonos do Reino de España de AA+ a AA.

- Esta predición negativa reflexa a posibilidade doutra rebaixa se a situación orzamentaria de España resulta ser peor que la que anticipamos actualmente.

Xustificación:

- Endebedamento do sector privado dun 178% do PIB, que na nosa opinión é maior co  da maioría de economías similares á española;

- Un mercado laboral inflexíbel (agardamos que o desemprego chegue ao 21% en 2010),  que cremos que é probábel que ralentice a recuperación da produtividade;

- Unha capacidade de exportación bastante baixa -actualmente, as exportacións de España son de só o 25% do seu PIB- engadida a unha competitividade moi erosionada debido a pasados incrementos nos custes unitarios laborais, en comparación con economías similares á Española;

- A calidade dos activos do sistema financeiro, que na nosa opinión está baixo presión tal e como reflexa a recente revisión do noso Informe Nacional sobre o Risco do Sector Bancario (BICRA) para España, mudando a súa clasificación de Grupo 3 a Grupo 2. Aínda que o grao dun posíbel apoio oficial para o sistema financeiro español é descoñecido, podemos anticipar un custe fiscal acumulado de cando menos o 5% del PIB. Este custe está relacionado coas probábeis necesidades de financiación do Fondo de Restruturación Ordenada Bancaria (FROB; 34.000 millóns de euros) e o Fondo de Adquisición de Activos Financeiros (19.000 millóns), que nós incorporamos á nosa estimación da carga financeira da Administración; e

-A marcha atrás nos paquetes de estímulo fiscal iniciados en anos anteriores polo Goberno como parte da estratexia para reducir o déficit ao 3% do PIB para 2013.

Seguimos a crer que o déficit fiscal para 2010, en liñas xerais,  axústase co obxectivo do goberno do 9,8% do PIB. Sen embargo, a medio prazo prevemos un comportamento máis débil dos ingresos e maiores presións de gasto do que o goberno prevé, principalmente debido á nosa visión do crecemento económico en comparación coas estimacións actuais do goberno.

Como resultado, a nosa proxección de que o déficit público pode superar aínda o 5% do PIB en 2013, é significativamente superior ao obxectivo oficial do goberno do 3%. En consecuencia, estimamos que a débeda pública bruta é probábel que aumente por enriba do 85% do PIB en 2013 e continúe a súa tendencia alcista até mediados da década. O aumento dos custes por xuros de España, máis alá do que consideramos no noso  caso-base, podería, na nosa opinión, reducir tamén a capacidade do goberno para alcanzar os seus obxectivos orzamentarios deste ano e do vindeiro.

anterior 1 2

[12-05-2010 12:44] xoxua comentou:

moi interesante o artigo, pero despois de lelo non podo evitar pensar nunha cousa. I é que teño a impresión, non sei se acertada, de que as axencias que outorgan cualificacions de calidade ás empresas non operan en parte do mesmo xeito. Ata que punto unha empresa non acada certificacions de calidade dependendo dos cartos que pague.

anterior 1 2
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña