17:28 Luns, 03 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-06-2015

Converte a poesía, unha vez máis, en fonte limpa e alimento de primeira necesidade

Os quilómetro que percorremos dende aquela de Alberte Momán: Diálogos na superficie do silencio

Valorar (11)

LINO GARCÍA SALGADO



Quizais na tradución literal das palabras é onde enferman os soños, a vida. Quizais nos quilómetros que percorremos abundan tantos días como imaxes postergadas ao descanso dos matices, lonxe do pico das unllas que rebordan carne seca, anacos de urxentes voces rebrotando nos movementos sublimes da culpa.

Sería bó, permíteme Alberte, subtitular este teu libro, indagando nos propósitos endóxenos, non con outra intención xa que amais de considerar este un dos teus mellores libros non acadaría título mellor para encabezalo, máis si para falar del sen revolver as células que o fan vivir. Arrisco, xa o sei, na miña teima de apelidarche esta obra, pero a incontinencia é un pecado dentro das mentes viaxeiras, por moito que collamos ciclóns ou camiños de morte sublime, sabéndonos perdidos na mar, calquera que sexa a imaxinaria. E ao fin, resulta incluso complicado traer a esta catarse o meu propósito pero até niso me axudas compañeiro. SU LIZ-HEN irrompe letalmente nas papilas dun violonchelo ao que lle sobra o tempo para alzarse sobranceiro sobre as veas. E claro SU LIZ-HEN de nome chinés como a película traducida ao galego como “desexando amar” e cunha canción soberbia de Shigeru Umebayashi fannos entrar nese claro-escuro de vida fatal que asoballa as mans frías. Pois ben, desta canción, desta película, quero rescatar o seu título orixinal ( supoño que como a orixe non hai, a risco de perderme noutro debate infeliz )  que máis ou menos ben sendo “a magnificencia dos anos pasa como as flores”que  procura ou da forma a ese intersticio de moldes, malgaxes, cortinas confusas que carrexamos aqueles que vivimos a nenez lonxe dos recordos. Nese paralelismo, de lentitude buscada é onde habitan flores extasiadas de beleza e fontes interminables das que beber mais tamén pétalos impregnando follas en algún álbum extraviado de tanta mudanza, pero persistente no tempo, sabéndose vencedor daquelas horas que culminaron no famoso equilibrio do éxtase e do amor, nos quilómetros toldados nas vértebras case inútiles :

Tentei eliminar o desexo     
Para quererte

“Os quilómetros que percorremos dende aquela” é unha obra mestra de como esculpir os ventos viciados, abrir a fiestra e espir cunha solemnidade, sinxeleza e humildade todas as gabetas reladas de humidade rancia, de falsa contemporaneidade e lonxe dos inicios onde se randea o sol dos pasos, onde os sacrificios son xogos sen rutina e onde non nos preocupa que as palabras falten. Dende a súa poderosa arma, a palabra, este soliloquio atípico de formas claras e fondo translúcido asasina poderosamente a distancia e converte a poesía, unha vez máis, en fonte limpa e alimento de primeira necesidade.

Malia todo
Preguntas por que permanezo

Sen ti
Non hai viaxe

Este libro, amigos e amigas ( do que non teño escoitado moito ) merece unha poderosa aclamación, porque este libro está ausente de modas e modismos, fala cos nosos dedos, interpreta a mirada que nos esvara dos segundos, vive intensamente o corpo que nos cingue.  Este libro ataca as rutas diarias sen ruído algún, fuxe dos, por veces, adornos estériles, tal como é o propio Alberte Momán, pura poesía, pura lealdade, unha persoa a quen se lle debe moito pola expansión deste outro mundo lírico, unha persoa da que teño aprendido tanto, aínda que en silencio.

Só me queda compañeiro dicirche que aínda que son de finais felices, ao contrario que ti, son de números impares.

Somos fame
Tamén para o soño

“Os quilómetros que percorremos dende aquela” está editado polo selo Letra Inversa da editorial ToxoSoutos


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña