13:54 Venres, 19 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-06-2015

Os apelos á “unidade” digo eu que, como mínimo, teñen de ser bilaterais

A Galiza, de esguello

Valorar (61)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Sorprende o borrado da historia que, de xeito xeneralizado, quer varrer non só a historia xeral da Galiza e dentro dela a contemporánea senón mesmo a máis recente, da que todos somos fillos. Nestas datas, moitas voces, ás que lles supoño a mellor intención, reclaman a necesidade de contarmos, após a celebración das próximas eleicións estatais, cunha voz galega no Congreso e inclusive con grupo parlamentar galego que poda personarse no que se prevé (ou se desexa) debate sobre a reforma da forma do Estado. Eu concordo con esta petición e coa percepción desta necesidade, mais quero facer un exercicio de memoria. Explícome. Desde 1996 (hai, por tanto, 19 anos), a Galiza, como problema e como demanda política, existe no Congreso dos Deputados mercé á representación obtida no mesmo  -aquel ano por vez primeira-  polo Bloque Nacionalista Galego. Francisco Rodríguez, pola Coruña, e mais Guillerme Vázquez, por Pontevedra, foran os seus primeiros representantes. A eles cómpre engadir, en sucesivos comicios, Carlos Aymerich, Olalla Fernández Da Vila, Anxo Quintana (no Senado; despois, Xosé Manuel Pérez Bouza), Francisco Jorquera. Hoxe, o BNG continúa contando con dúas actas de congresistas, nas persoas de Rosana Pérez, pola Coruña, e mais Olalla Fernández Da Vila, por Pontevedra. Primeira aclaración, pois, ou primeira recordación: a “voz galega” en Madrid, no Congreso dos Deputados en concreto, xa existe. Convirá mantela ou reforzala, claro está.

“Segundamente”, como diría a personaxe de Manuel María. Para alén do dato simplesmente cuantitativo que acabamos de lembrar, esta representación galega (que é de supoñer que deberan facer valer todos os galegos politizados, incluídos os interfectos, xa que a mesma formou parte das súas vidas, supoño que decisivamente), cualitativamente considerada, posúe o maior valor posíbel, xa que supuxo pasar do cero ao todo, do nada á existencia. Aínda lembro, como se fose onte, a xornada do 3 de Xuño de 1997 no Congreso dos Deputados. Interviñemos nela, por mandato do Parlamento Galego que aprobara por unanimidade a iniciativa a que me vou referir axiña, Fernando González Suárez, polo PP; Mª Xosé Porteiro, polo PSOE, e unha servidora, polo BNG. Tratábase de procurar a aprobación pola Cámara española da Proposición de Lei en virtude da cal os nomes oficiais das provincias da Coruña e Ourense pasarían a ser estes, A Coruña e Ourense, pois, como tais nomes das provincias  -demarcacións e competencia do Estado-  deberan ser aprobados polo Congreso e  convertidos en lei promulgada como tal polo goberno español (como así ocorreu, no mes de Febreiro do ano seguinte). Permítanme tamén as leitoras e os leitores deste artigo que relembre algunha anécdota daquela sesión. O debate comezou ás catro da tarde. Os escanos baleiros eran tantos como os ocupados. Os murmurios e conversas, abundantes. A deputada Cristina Almeida repartía bombóns con compañeiros de escano de arriba, de abaixo e do lado. Aló no poleiro da Cámara, os compañeiros do BNG (a cuxa dilixencia e atención política se debeu que a iniciativa do Parlamento Galego pudese ser debatida, xusto antes da disolución deste, o que implicaría o recomezo do proceso) seguían atentamente o debate. Do resto, ficou gravada na miña retina a atención e respeito con que o presenciaron Carme Gil, deputada de CIU; Cristina Narbona, do PSOE; Mª Jesús Sainz, do PP. A deputada de CIU que acabo de citar mesmo realizou parte da súa intervención en galego. Os demais, ao seu, ou sexa, a falaren entre eles, entraren e saíren, riren en voz alta e desprezaren, en fin, unha iniciativa procedente da Cámara galega e, por riba, referida a algo banal para eles como os nomes oficiais a que temos dereito os galegos, por seren os nomes xenuínos, auténticos. Á hora da votación, reinou a unanimidade, tal e como estaba previsto e, desde aquela, A Coruña e Ourense son os nomes oficiais non só das cidades que nomean senón destes artificios herdados do século XIX chamados provincias, por moito que haxa aínda hoxe institucións, organizacións políticas, concellos, empresas e particulares que aínda non se deron por enteirados.

Nos corredores que percorremos camiño do salón de plenos, fomos saudados con moita cordialidade por varios deputados e deputadas doutros grupos parlamentares. Un do PSOE e mais un do PP, como se se puxesen de acordo, dixéronme: “¡Bienvenida, nunca tanto se habló de Galicia como ahora, desde que están tus compañeros!”. “¡Claro, es que antes no se hablaba nada!”, respondín). Hai uns meses, en entrevista televisiva, Salvador Fernández Moreda evocou os seus tempos de deputado no Congreso, nos anos oitenta do pasado século. Nun arranque de sinceridade comentou que fora a súa intención facerse eco, nunha iniciativa parlamentar, do gravísimo problema e situación da construción naval, nomeadamente en Ferrol. Lembremos que se trataba da primeira arremetida fortísima contra este sector industrial e laboral directamente conectada á Comunidade Económica Europea e á venda da Galiza perpetrada desde o proprio Estado español. O deputado redixiu a iniciativa correspondente, mais chegada que foi ao xefe de filas do grupo parlamentar do PSOE, ficou varada. Non existiu, non se chegou a tramitar. Outros eran os intereses: España por riba de todo; a Galiza e os seus problemas nen sequer no rocho. De facto, a agresión ao naval de Ferrol ou de Vigo non tivo asento parlamentar até a chegada dos deputados do BNG ao Congreso (por non falarmos de millenta temas máis, como a lingua, a política cultural, o financiamento da Comunidade Autónoma, o uso de bens militares desafectados como tais e un longo etcétera). Traio a colación esta anécdota para ilustrar de novo algo da diacronía, da historia inmediata da presenza da Galiza como tema político, como problema a ser debatido, como existencia real e efectiva, no Congreso dos Deputados ou  -como se adoita dicer, en metonimia habitual-  en Madrid.

Voltemos ao presente. Os apelos á “unidade” digo eu que, como mínimo, teñen de ser bilaterais. ¿É o BNG quen debe disolver a súa historia, renderse a un presente que a lamina e entregarse con armas e bagaxes a non se sabe que conxunto, como un subconxunto que se ignora a si proprio e aceita partir de cero? A pergunta é, sen mais, un convite á reflexión para quen isto ler. En segundo lugar, no meu xuízo, a cuestión fundamental non é xa con quen te unes senón para que e en que condicións. Se desde outras formacións ou portavoces se pede que o nacionalismo galego admita as novidades do panorama político-eleitoral galego, caberá reclamar o mesmo, exactamente o mesmo, á inversa. En terceiro lugar, ¿soluciónase a necesaria presenza política galega en Madrid só cunha operación eleitoral de desexado éxito, sen garantías de que, de facto, unha voz galega sen hipotecas nen supeditacións a elementos exteriores e superiores á propria Galiza se faga ouvir e exista en por si na Cámara española?

Con maior ou menor elocuencia nas súas intervencións, sentín estes días declaracións de representantes do PP e do PSOE. Diferenzas á parte, que non vou negar, houbo algo nelas sintomaticamente común: somos dependentes, a Galiza precisa darse a valer, mais necesitamos da “solidariedade” (!) do resto dos “territorios” e, nomeadamente, do Estado, para seguirmos subsistindo. Dependencia, palabra clave. De pouco vale que se teña demostrado, por activa e por pasiva (nas páxinas da revista en papel Terra e Tempo, de que herda o nome este dixital, Xosé Díaz ten escrito e documentado amplamente o tema), que a Galiza entrega ao Estado máis do que recebe, e de que unha outra política fiscal e financeira permitiría a un futuro Estado galego gobernar e responsabilizarse das súas proprias políticas. Mais, como é sabido, o complexo da dependencia forzosa inzou ben na nosa terra, tal cal os eucaliptos, e como idea e como sentimento ou crenza igual de degradantes ca eles. É, por suposto, extraordinariamente útil para o mantemento do papel subordinado da Galiza como ente político, utilísimo para garantir a tranquilidade deste lonxíncuo territorio, que nunca debe perturbar os intereses generales do Estado.

Este é o nó da cuestión, que se deberían facer ver  -como está de moda dicer agora- non só os partidos españois que mencionei senón os chamados “emerxentes”, organizacións galegas incluídas. A que e a quen queren servir é a pergunta clave. Se me din que á “xente”, direi que eu endexamais lle furtaría tal condición aos viciños de Soria, de Palencia, de Sevilla, de Cartagena ou de Barcelona, só que, como fai todo o mundo, pola conta que nos ten, haberá que delimitar a que “xente” nos referimos, tanto do ponto de vista social como do ponto de vista nacional. Insisto: como fai todo o mundo. Acontece que en todos os povos coa autoestima debidamente no seu lugar sempre vai haber representantes políticos  -dunha cor ou doutra-  que levanten a voz e se alporicen, se for o caso, por indignidades políticas cometidas contra eles. Por comparanza: ¿non lle chamoron a atención a ninguén as claras e duras palabras pronunciadas por Juan Vicente Herrera, presidente de Castilla-León, contra o seu compañeiro de partido e de goberno, o  ministro de Industria, sr. Soria? ¿Cando nos foi dado contemplar unha reacción semellante, na Galiza, procedente de voceiros do PP, do PSOE ou de IU? Aquí, neles, si que reinou unha persistente tradición: non incomodaren aos que mandaban en Madrid; faceren, se posíbel, carreira política na capital do Reino; aceitaren de bon grado a permanente e proverbial postergación ou exclusión da Galiza ou ben disolver no xeral, no global, a especificidade dunha problemática galega que rebenta diferenzas e marxinacións proprias por todas as costuras.

A “unidade popular” haberá de concretar, verbigracia, se acredita no povo galego como suxeito xurídico-político per se, sen que outros o concedan graciosamente. Haberá concretar se dá valor ou non ao principio da auto-organización; se o “éxito” das políticas se mede só por un idem eleitoral. Se a Galiza é, en fin, un locativo, un anaco dun conxunto maior a quen se lle traspasa o dereito a decidir, unha cobertura territorial con que se presentar dignamente en Madrid, para dicer que os galegos tamén podemos (?) e non somos un fato de atrasados conservadores senón que estamos à la page, faltaría máis!, debidamente homologados coa nova tendencia española, ou se a Galiza merece un outro selfie, un outro autorretrato ben diferente do descrito, cuns trazos, cun guión que, insisto, xa se comezou a escreber hai moitos anos. É esta, a Galiza contemporánea, inentendíbel sen a existencia e actuación do nacionalismo galego, a NOVA Galiza, a que rompeu cunha tradición de dependencia nefasta, a que construíu un novo relato (tamén, como está de moda abusiva dicer agora) sobre si mesma e sobre as súas aspiracións políticas e sociais. É esta nova Galiza  -por moito que estexa debidamente reprimida e desfigurada por parte dos poderes político-mediáticos-  a que determina a insistencia na galeguización epidérmica que todos din profesar e recoñecer. Mais, como dixemos, o dilema subsiste e compromete a todos os actores (nova moda léxica, ben sintomática, por certo) operantes na política galega. Ou a nación concebida como lugar ou como subconxunto, como satélite, ou ben a nación pensada e sentida como tal, diferente na súa especificidade, que é a única garantía de igualdade real, tal e como as mulleres a conquistamos  -só parcialmente-  ao longo da historia. A diferenza, recoñecida e con consecuencias de eficacia xurídica e política, non a declamativa ou formal, coartada, ao cabo, do statu quo. Así de claro, así de nada ambiguo, así de nada estereotípico gallego.

A Galiza de esguello ou a Galiza como centro e como destino.


Nota bene.- Por se houber distraídos-as que non leren a nota editorial que segue a todos os artigos deste dixital, aclararei que os xuízos e valoracións que o presente artigo contén pertencen exclusiva e intransferibelmente a quen isto asina.  


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña