16:40 Martes, 15 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-06-2015

Hoxe algunhas destas casas están pechadas, noutras vive unha persoa soa e en moitas xa non hai nenos para ir á escola

A despedida dun mestre

Valorar (9)

MANUEL VILAR ÁLVAREZ



Chégame a nova de que se lle vai facer unha homenaxe de despedida a un mestre da miña parroquia. Eduardo chegou hai máis de corenta anos a unha escola unitaria chea de rapaces monolingües e de orixe labrega. Alí quedou e integrouse na comunidade, colaborou cos veciños participando na vida en común, pero tamén en iniciativas culturais e políticas, sendo concelleiro dúas veces, a segunda vez nas listas do BNG.

No mesmo lugar, Vilarmide, había tamén unha escola para as nenas; ademais, na parroquia había outras dúas escolas, mixtas. Unha en Trasufre, á que ían os rapaces e rapazas deste lugar e de Agar, e outra en Caberta, que é unha pequena parroquia anexa á de Coucieiro de só tres lugares. Hoxe as escolas unitarias pecharon e en Vilarmide existe, desde hai uns trinta anos, un grupo escolar ao que acoden nenos e nenas dunha boa parte do territorio muxián e que antes se repartían nunha ducia de escolas unitarias e mal equipadas, algunhas non sei si en mellor estado que aquelas que do século XIX. Mais non sei si todos os que acoden hoxe ao grupo escolar chegan a facer o balbordo daqueles que acudían á unitaria, pois cada vez as aldeas teñen menos xente e xa non xogan os nenos nos camiños, e moito menos ao marro. Estamos nun proceso de desvitalización.

Cando me chega esta nova vén á miña memoria unha foto que me pasou unha veciña. Nesa foto aparecen vinteún homes da miña parroquia, posando  na despedida doutro mestre.  A este lle chamaban don Gumersindo e do que non teño memoria persoal, pero si forma parte da memoria colectiva. Gumersindo foi o mestre da xeración á que pertence miña nai. Este mestre procedía  do Val do Dubra. Non de moi lonxe era quen agora vai ser homenaxeado, Eduardo vén das terras de Negreira.

A foto da despedida do mestre Gumersindo é unha imaxe dunha páxina da historia local. Non sei quen a tirou, supoño que o fotógrafo muxián Ramón Caamaño, mais por entón tamén traballaban na zona outros fotógrafos, asentados nas vilas de Cee e na da Ponte do Porto.

A despedida debeu ser sobre 1960, non despois desta data. Na foto aparece sentado no medio e medio. Á súa esquerda ten o párroco, que chegara había pouco á parroquia desde Raxó, pero era nativo de Muxía. Non volveu saír da parroquia. Á esquerda deste, e co sombreiro nas mans, o señor Gabriel, alcumado “O Fidalgo”; era da familia de Leis Busto, aquel compañeiro de Eduardo Pondal das terras de Coucieiro na escola de Nemiña. A miña lembranza do Fidalgo era que cando me vía sempre preguntaba: “e as vosas vacas turran?”, e se aparecía alguén doutro lugar co carro de vacas facíallas sacar do xugo para poñelas a turrar coas súas para ver cales eran máis fortes. A fortaleza da vaca era equiparada á da casa. Unha boa “casa” tiña que ter boas vacas.  

O que está sentado na esquina é Bautista do Martís. Era nativo das terras de Lires, estivera emigrado en Arxentina e casara para Sorna. Desta estadía contábanse historias do atrevido que era, mesmo de pelexas que tivera cos gauchos,  que neses relatos aparecían como xente fera. Cando chegou estaba considerado un innovador e home con certa cultura e mundo. Foi o primeiro en montar unha corte para o gando fóra da casa e sen poñerlle valume no chan; tamén foi o impulsor dun muño no río Castro, o Muño das Cabas, unha innovación xa algo a destempo e que se viu moi afectada polas enchentes, sempre desbocadas deste río.

Á dereita do mestre homenaxeado están outros dous mestres, o da veciña aldea de Senande, e o alcumado “O Laghiño”. O da esquina é un veciño do meu lugar, da casa chamada de Trillo ou da Susana de Santa Mariña e, historicamente, Casa de Agar. Desta casa non só procedía Benito de Agar, con rúa na Coruña, senón tamén outro personaxe lendario: o crego sabio, que xa entrou nas antoloxías de contos populares, pero foi un curioso personaxe de carne e óso, curandeiro e moi mañoso.

Detrás, e de esquerda á dereita, Pepe, da Casa da Fonte do lugar dos Pasantes e pai do que fora alcalde de Muxía polo BNG; o señor Loalo, que tiña este alcume porque era orixinario deste lugar da parroquia de Frixe e casara para a casa d´Ardeira de Vilarmide; meu avó, que estivo por dúas veces en Bos Aires, onde morreron dous dos seus irmáns, un deles traballando cargando e descargando no porto, o outro casou alá cunha veciña e xa non volveron, pero veñen agora os seus fillos e netos; Xervasio do Caseno, de Sorna; Xesús da Rucha, de Vilarmide, era o sancristán; a nena pode ser a súa neta que nacera en Venezuela; a continuación, Victorio, de Sorna. Detrás do mestre, en posición firme, Oscar do Fandiño, tamén de Sorna, que fora ferido na guerra civil estando no bando dos sublevados.  Este ten a man sobre o ombreiro esquerdo de Xesús do Bollés, pois estaban emparentados. O Bollés, que pode ser unha deformación de “boallés”, tiña taberna e era irmán de miña avoa e pasara uns días preso a comezos do golpe fascista sen saber moi ben cal era o motivo. Na súa taberna, que era un importante centro onde se xuntaba xente de diversos lugares, consultaba o médico o día da feira, don Juan de Toba, pagaba o “subsidio” o “d´agraria”, vacinaba o veterinario os cans, etc. Era o centro social dunha parte deste territorio occidental. Ao seu carón Constante do Gándara, de Montesiños, que tivera un irmán que fora mestre e morrera na guerra civil. Un fillo de Constante, Severino, foi o meu compañeiro nos inicios do bacharelato na Coruña, mais pronto optou por emigrar a Suíza. Segue Clemente López, que montou o serradoiro de Morpeguite, a única industria que tíñamos na parroquia e que aínda funciona. No concello de Muxía houbo sempre varios serradoiros, pero varios xa pecharon para sempre. Segue Manuel do Graíño dos Pasantes; Moncho do Creghiño, que estaba entón estudando no seminario compostelán; o seu curmán Benigno do Bollés e, o último, Ramón de Lañas, que era o perruqueiro, tamén o único supervivente de todos eles, xunto coa nena que, supoño, segue en Venezuela, a onde emigrara seu avó, seu pai e seu tío. 

Sacando o crego e os mestres, só hai un taberneiro, os demais eran todos labregos e todos de catro lugares.  Son retratos de historias de vida nunha paisaxe cultural que se está transformando a unha velocidade tremenda. Hoxe algunhas destas casas están pechadas, noutras vive unha persoa soa e en moitas xa non hai nenos para ir á escola. Unha casa pechada é unha historia esquecida, unha contribución ao esquecemento á desaparición dun xeito de habitar. Os mestres do rural contribuíron á inflar de vida esas comunidades.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña