18:50 Venres, 18 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-06-2015

Ofrecemos, nesta colaboración, unha primeira contribución referida á República Arxentina

A masonería de estirpe galaica en Arxentina: unha primeira contribución

Valorar (7)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ



O inmenso labor desempeñado en América polos masóns galegos, ou de liñaxe galaica, en ámbitos como o movemento asociativo, cultural, de socorros mutuos, filantrópico ou político, así como en variadas actividades profesionais, está aínda por estudar. A dificultade estriba á hora de podermos cruzar os datos biográficos cos masónicos, xa que se ben dispoñemos de bastante información sobre a emigración galega nese continente, -aparecendo, de cando en vez, algunha referencia á filiación masónica dalgún biografíado- non acontece o mesmo coas fontes da Orde, escasas ou de difícil acceso: só podemos acceder a algúns traballos de investigación ou libros dixitalizados, así como a –poucas- páxinas web de loxas, nas que polo xeral tampouco abundan as mencións explícitas á nacionalidade ou orixe étnica dos membros das mesmas.

Neste labor andamos. E ofrecemos, nesta colaboración, unha primeira contribución referida á República Arxentina.

Destacados francmasóns de estirpe galega foron Bernardino Rivadavia Rivadavia (1780-1845) -o seu pai era de Ribadavia e a nai, nacida en Bos Aires, filla de monfortinos-. Primeiro presidente da República Arxentina, iniciouse na masonería en Inglaterra e foi membro das loxas arxentinas “Aurora” e “Estrella Sureña” e outras en Uruguay e Brasil. Tres dos seus fillos, Bernardino, Joaquín José Benito e Martín, foron igualmente destacados masóns.


Neto do galego Francisco Alén foi Leandro Antonio Além (1842-1896), deputado e fundador do partido Unión Cívica Radical. Chegaría a ser Gran Mestre da Masonería Arxentina. Neste país naceu Manuel José Blanco Encalada (1790-1876), fillo do marinense Manuel Lorenzo Blanco Cicerón. Promotor da masonería en Chile, foi almirante, xeneral e primeiro presidente da República de Chile.

Fillo do comerciante galego e tamén masón Vicente Montero Méndez (1791-1861), casado sucesivamente con dúas irmás do xeneral Urquiza, foi José Joaquín Montero Urquiza (1835-1903), que se ocuparía dos negocios do seu pai, sendo en 1864 xerente do Banco Entre Riano. Membro da loxa “Jorge Washington” de Concepción del Uruguay, da que foi Venerable Mestre en varias ocasións, en 1876 trasladouse a Bos Aires, onde participou na fundación da loxa “Libertad n° 48”, que presidiría varios anos. Obtivo o grado 33º en 1875 e foi Soberano Gran Comendador do Supremo Consello do Grado 33 de Arxentina (1892-1894). O seu irmán maior, Vicente H. Montero Urquiza (1829-1872), foi médico e xefe político de Concepción del Uruguay, lexislador e deputado nacional en 1868-1872. Iniciado en 1857 na loxa “Jorge Washington”, en 1863 participou na reorganización da mesma, que presidiu varios anos. Ostentou o grado 30º.

Nacidos en Galicia, destacarán nese país, en actividades empresariais e asociativas, o ourensán Ramón Joaquín Manuel Cesáreo Santamarina Valcárcel (1827–1904), membro das loxas “Estrella del Sur nº 25” de Azul e “Luz del Sud nº 39” de Tandil, creador dunha importante empresa que continuaron os seus fillos e dunha linaxe moi activa da sociedade e na política arxentina; estivo vencellado a entidades como “Sociedad Hermanas de los Pobres”, “Sociedad Filantrópica La Caridad” ou “Sociedad Española de Socorros Mutuos”, todas en Tandil, cidade onde se puxo o seu nome a unha escola, unha rúa, un hospital e un club deportivo. Outra personalidade é José Benito Casás (1851-  ), comerciante, grado 33º, que foi Venerable Mestre da loxa “Constancia nº 7” en varias ocasións e ostentou cargos na Gran Loxa de Arxentina e no Supremo Consello do grado 33. Presidiu a “Sociedad Patriótica Española” e a “Sociedad Española de Socorros Mutuos”, foi directivo do Banco Español e tamén estivo vencellado ao “Centro Gallego” de Bos Aires. Por último, o vigués Ibón Noya (1878-1960), que chegou de neno a Arxentina e dedicouse á actividade agropecuaria no sur da Patagonia, sendo un dos fundadores e presidente da “Sociedad de Hacendados de Río Gallegos” e da “Sociedad Rural de Santa Cruz”, así como xuíz de paz. Iniciouse en 1920 na loxa “Rivadavia nº 312” de Río Gallegos, da que sería Venerable Mestre en varias ocasións. Acadou o grado 33º en 1930.


No ámbito da cultura, a prensa, a educación e tamén o asociacionismo podemos salientar as figuras de Benigno Teijeiro Martínez, natural de Ortigueira (1846-1925), membro da loxa “Jorge Washington” de Concepción del Uruguay, concelleiro, polígrafo (xurista, historiador, xeógrafo, etnógrafo…), profesor do “Colegio del Uruguay”, conselleiro de “La Fraternidad”, da “Sociedad Española de Socorros Mutuos de Concepción del Uruguay” e de diversas institucións académicas, autor de numerosos libros, doaría ao Goberno provincial de Entre Ríos o seu arquivo e biblioteca; José María Cao Luaces, de Cervo (1862-1918), grado 33º, membro das loxas “Colón nº 314” e “Progreso nº 181”, ambas de Bos Aires, e da “Combes nº 205” de Lanús, chamado o “pai da caricatura arxentina” (Castelao ten manifestado a súa admiración por el), foi editor de xornais como El Eco de Galicia, cofundador de Caras y caretas, así como colaborador en revistas como El Sudamericano, Revista Don Quijote, Fray Mocho ou La Nación, participou tamén en diversas entidades galegas e fundou en Lanús a entidade “Madre Fraternidad”; o lugués Manuel Castro López (1860-1926), simbólico “Casteló”, grado 18º, das loxas “Moreto nº 230”, “Capítulo Lucense Augustiniano nº 74” e “Capítulo Provincial de Lugo”, todas de Lugo, (non nos consta, polo de agora, que se integrase na masonería arxentina), xornalista de ideoloxía republicana, federal e galeguista, tivo que marchar a Arxentina, onde participou en múltiples iniciativas asociativas e culturais, formou parte da “Liga Republicana Española” en Bos Aires, tentou a refundación do “Centro Gallego” e foi membro correspondente da Real Academia Galega, da Academia da Historia de Madrid e da Academia de Historia de Bos Aires. Continuou durante décadas á fronte do xornal El Eco de Galicia, que fundara Cao Luaces, escribiu moitos libros e artigos e seguiu editando os seus Almanaques Gallegos; José Paz Lema (1852-1923), da loxa “Sol Argentino nº 160” de Necochea, fundador de escolas en Balcarce, Necochea e Lobería; Enrique Muíño, nacido na Laracha (1881-1956), da loxa “Bernardo de Monteagudo nº 306” de Bos Aires, un dos máis importantes actores do teatro e cine arxentino, cofundador da productora “Artistas Argentinos Asociados”. Tamén foi pintor paisaxista.

No que respecta ao mundo xurídico e notarial, así como asociativo, encontrámonos con personaxes como Laureano Carballeda Pérez, nacido en Ourense en 1837. Na Arxentina foi escribano, cofundador da “Sala Española de Comercio”, “Casino Español” e “Club Español”, presidente do “Centro Gallego” (1876-1878) e un dos fundadores do “Colegio de Escribanos” de Bos Aires. Traballou nas loxas “Unión del Plata nº 1”, “Moralidad nº 38” e “Regeneración nº 5” e ostentou o grado 33º. O seu irmán Justo Carballeda Pérez (1830-1881), foi tamén escribano público, participou na fundación do “Colegio de Escribanos”, e foi membro das loxas “Unión del Plata nº 1” e “Moralidad nº 38”, e igualmente grado 33º. Outra figura foi Eduardo Ves Losada (1852-1902), probablemente de Lugo, cursou estudos no Uruguay, exercendo de escribán en Chascomús (sería secretario da “Asociación Rural de Chascomús”) e asentándose anos despois na cidade de La Plata, na que fundou o “Colegio de Escribanos” e a “Casa del Escribano” e creou a Revista Notarial, na que publicou moitos artigos. Tamén aparece como colaborador da publicación El Gallego. En 1899 incorporouse á loxa “La Plata nº 80” e chegaría a ostentar o grado 33º; ou o vigués Antonio Paredes Rey (1856-1918), grado 33º, da loxas “Hijos del Trabajo nº 74”, “Hijos del Progreso nº 93” e “Constancia nº 7”, todas en Avellaneda, traballou en varios xulgados de Bos Aires e logo foi xuíz de paz de Avellaneda, actuou nos partidos Autonomista e Conservador, foi impulsor e presidente moitos anos do “Centro Gallego de Avellaneda”, cofundador da “Sociedad Española San Martín”, da “Asociación Española de Socorros Mutuos de Barracas al Sud” ou da “Sociedad de Beneficencia Hermanos de los Pobres”.


No ámbito da medicina podemos salientar ao tudense Martín Spuch Martínez (1836-1914), traballou nas loxas “Constancia nº 7” e “Logia Docente”. Foi médico e farmacéutico, catedrático, autor de varios libros e membro do Consello Deliberante da Capital Federal, ou a Pedro Parallé (1858-1919), médico, que se radicou en La Paz (Entre Ríos), onde exerceu a súa profesión. Iniciado en Santiago de Compostela, en 1891 afiliouse á loxa “Estrella nº 58” de La Paz, que presidiu varios anos.

Outros galegos destacados foron Isidro Quintáns (1836-1889), da loxas “La Caridad nº 22” e “Constancia nº 7”, comerciante, vencellado ao “Centro Gallego” de Bos Aires; Antonio López Piñón (falecido en 1926), tamén da loxa “Jorge Washington” de Concepción del Uruguay, da que foi secretario en 1857, foi o primeiro intendente (alcalde), en 1873, de Concepción del Uruguay cando se converte en municipio; estivo vencellado á “Sociedad Española de Socorros Mutuos” e á “Sociedad El Porvenir”; José María Calaza Couso, coruñés (1852-1913), grado 18º, das loxas “Estrella de Oriente nº 27” e “Hugo Bossi nº 207”, foi coronel Inspector Xefe dos Bombeiros de Bos Aires; Marcelino Vilaboy (1864-1920), que foi grado 33º e formou parte das loxas “Estrella del Noroeste nº 138” de Betanzos, “Torcuato Tasso nº 168” de Patagones e “Albarellos nº 140” de El Tigre, que presidiu varias veces, con cargos na Gran Loxa de Arxentina, da que foi Orador, desempeñou traballos relacionados coa mariña de guerra, foi secretario do xulgado de instrución do Tribunal Superior das Forzas Armadas, conferenciante…, actuando na “Sociedad Española de Socorros Mutuos del Tigre”, cidade na que foi munícipe, e escribindo en La Voz de la Masonería

Por último, en Arxentina recalaron tamén, tras a caída da II República, Arturo Cuadrado Moure (Alicante, 1904-1998, Bos Aires), poeta, editor, membro da loxa “Libredón nº 6” de Santiago de Compostela, que con Luis Seoane López (“Prometeo” e “Tolerancia nº 4”, de Bos Aires, do Gran Oriente Federal Argentino), levará a cabo fundamentais iniciativas culturais en Arxentina; e o médico compostelán Antonio Baltar Domínguez (1906-1970), que foi membro da loxa “Pitágoras” do Gran Oriente Federal Argentino e desenvolveu un relevante labor docente e investigador no campo da saúde e foi presidente da Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA).

Cuadrado, Seoane, Baltar… e outros exiliados galegos como Gumersindo Sánchez Guisande, Horacio Bermúdez Abente, Elpidio Villaverde Rey (probablemente membro de “Vicus nº 8” de Vigo) ou Ramón Rey Baltar terían formado, segundo manifestou Cuadrado, a loxa patriótica “Antonlín Faraldo”, -vencellada á loxa “Prometeo” do Gran Oriente Federal de Arxentina-, que promovería o “Fogar Galego de Anciáns”.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña