09:18 Martes, 10 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-06-2015

Follas novas e Bóla de sebo participan fundamentalmente da concepción da literatura na súa función social. Tanto Rosalía como Maupassant realizan unha vigorosa radiografía crítica das súas sociedades

No tempo de Follas novas…

Valorar (15)

EDUARDO ÁLVAREZ



Cóubome a honra de que a profesora María Pilar García Negro me convidase a participar no libro colectivo que vén de saír do prelo No tempo de Follas novas. Unha viaxe pola Literatura universal. Encargoume a tradución á nosa lingua de Bóla de sebo, de Maupassant, relato publicado en 1880, ano en que tamén se edita en La Habana esta obra poética de Rosalía. Hai, pois, entre ambas publicacións coincidencia cronolóxica, mais tamén, malia pertenceren a xéneros literarios diferentes, existen entre elas outras analoxías.

Follas novas e Bóla de sebo participan fundamentalmente da concepción da literatura na súa función social. Tanto Rosalía como Maupassant realizan unha vigorosa radiografía crítica das sociedades galega e normanda. Denuncian nos dous casos con rigor a estrutura social do momento: a aristocracia-fidalguía rendeira; os industriais e comerciantes enriquecidos cos negocios; a Igrexa e a súa concepción hipócrita da relixión; o poder político, sustentado polo militar, que impón a súa lei inexorábel aos sometidos. Os dous escritores centran tamén a atención, no caso de Rosalía dun xeito claro e amplo, na situación de desamparo das clases populares, vítimas da inxusta estrutura social e abocadas nuns casos á emigración e noutros, como carne de canón, a engrosar os exércitos que manteñen as guerras.

Os dous autores, por isto precisamente, foron deostados por aqueles grupos sociais privilexiados que se viron reflectidos nos seus escritos. No caso de Rosalía, sabemos que douscentos seminaristas de Lugo, encirrados polo seu bispo, lapidaron a imprenta que publicaba o Almanaque de Galicia, en cuxos números a nosa escritora criticara a hipocrisía dalgúns relixiosos. Da mesma maneira, Maupassant, nunha carta dirixida ao seu mestre Flaubert cando estaba escribindo Bóla de sebo, dille que “de agora en adiante terei que levar dúas pistolas no meu peto para poder atravesar Rouen”.

Rosalía e Maupassant coinciden tamén en denunciar a exclusión social da muller malia ela desempeñar un papel fundamental para que a vida diaria poida desenvolverse con normalidade. No caso do autor normando, a muller é protagonista de boa parte dos seus relatos tal e como podemos comprobar na edición de máis de 800 páxinas que contén unha selección de 73 contos en español publicada por Siruela con tradución de Mauro Armiño baixo o título Todas las mujeres. En Bóla de sebo e noutros contos, como acontece por exemplo no titulado Mademoiselle Fifi, móstranse distintos tipos de mulleres, mais as protagonistas convértense en obxectos que se utilizan e logo, cando non son necesarios, se desbotan. En varios relatos de Maupassant, as mulleres son tan só cousas que se aproveitan cando delas se tira algún beneficio. Esta concepción queda expresada polo narrador con contundencia cando en Bóla de sebo, referíndose ao acoso a que someten os outros personaxes á protagonista para que atenda as pretensións sexuais do oficial prusiano, afirma que “se podería pensar, a fin de contas, que o único papel da muller aquí abaixo consistía no perpetuo sacrificio da súa persoa, no abandono continuo aos caprichos da soldadesca”.

Mais, a estas mulleres vítimas dos “honrados da vila”, como di Rosalía, o autor configúraas conferíndolles trazos positivos como os da solidariedade, a valentía, o heroísmo patriótico ou a dignidade perante o dominador.

En Follas novas e en Bóla de sebo existe tamén coincidencia na denuncia da situación dos labregos. Na nosa autora, os foros, os trabucos e as débedas abocaban á fame e á emigración convertendo as mulleres en viúvas de vivos e de mortos. No relato de Maupassant, tanto os soldados dos exércitos franceses en retirada como os prusianos vencedores espolian as colleitas e os animais dos que traballan a terra e pasan o tempo en instruírense para que, segundo recoñece Madame Follenvie, a pousadeira de Tôtes, “os pobres traballadores teñan que alimentalos para que só aprendan a masacrar… e a matar xente, xa sexan prusianos, ou ingleses, ou poloneses ou franceses”.

Finalmente, en Maupassant, como indica a profesora García Negro verbo da nosa autora na Presentación da obra No tempo de Follas novas…, están tamén presentes a “heterodoxia e a soidade radical dos non encaixados no modelo político e social dominante e imposto no XIX”. Por iso en Bóla se sebo, oito das dez personas que viaxan na dilixencia, as que representan a sociedade estebelecida, se opoñan frontalmente á protagonista, unha prostituta condenada moralmente pola opinión pública. Mais, aos ollos do narrador e dos lectores, esta muller convértese no máximo símbolo da ética e fica engrandecida polo seu comportamento altruísta. Pola contra, revélase a imaxe negativa dos membros da sociedade ociosa, tranquila e forte, da “xente honrada e de prestixio que ten Relixión e Principios” en palabras de Maupassant, ao quedaren ao descuberto os seu trazos máis crueis da covardía, do egoísmo e da hipocrisía.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña