06:35 Sabado, 04 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-05-2015

Como se traslada a información e se constrúe a realidade a través dos medios de comunicación? O caso do 17 de maio de 2015

Teoría da información III: 17 de maio

Valorar (9)

MARTA DACOSTA ALONSO



Hai anos que algúns tratan o 17 de maio como unha data litúrxica. Baldéirana de contido e limítanse a facer algún acto de quedabén e ala, para o ano que vén. Este ano a coincidencia coa campaña electoral, permitiunos comprobar como se comportaban os candidatos das diferentes organizacións. A algúns oímolos usar sen prexuízo a lingua de Quevedo (certamente sen ese dominio do verso), outros parece que si, parece que non, mais ao final de contas trataron o 17 coma un día máis de campaña, é dicir, pasaron da lingua e das letras e non os vimos nin de esguello nas mobilizacións promovidas por Queremos Galego. Non é que estea sorprendida, mais a min que non me veñan dicir que son tan galegos coma min porque teño a resposta preparada.

Litúrxica e rentista é a celebración do día das letras por parte da maioría dos medios de comunicación. Eu teño a vaga idea de que houbo un tempo en que nesta data os xornais publicábanse integramente en galego, mais xa dubido, porque me parece algo tan afastado no tempo que non sei se é certo, ou invención da miña memoria. O caso é que este 17, os medios de maior tirada publicaron a portada en galego, como adoitan facer, e, ao pasar a folla, volta ao de sempre. Indignante. O caso é que nada podemos agardar de medios que teñen a falta de respecto de nos traducir ao español cando falamos. Algo que foi levado ao extremo en días anteriores ao 17, cando certas axencias e xornais non só redactaron en español a nova sobre as concentracións de Queremos Galego en Vigo, senón que mesmo nos citaron a Pepe Carreiro e a quen isto escribe nunha lingua en que non falamos. Nin respecto nin de sensibilidade. Persoalmente, sentinme insultada.

Mais sentinme máis insultada aínda o propio 17. Insultada e doída.

Sucedeu que o 16 de maio faleceu a poeta Carme Kruckenberg, ela que nos deixou dito “hai que saber onde se está”. Unha muller entregada á poesía que admirou a Castelao e sempre nos expresaba o seu apoio ás mais novas. Ela que escribía na nosa lingua desde 1956, foi despedida en español por algúns deses medios de maior tirada. O español para lembrar a unha poeta galega no día das letras galegas. E outra vez, as palabras traducidas de persoas significadas da cultura que, por suposto, en ningún caso lle responderon en español ao medio que as traduce.

E este foi o 17 de maio para algúns medios de comunicación en galego. Uns medios que dedican os seus esforzos a convencernos de que o normal non é usar o noso idioma, por iso eles non o usan.

Mais a culpa non é só deles. Tamén é da Administración que lles permite esta actitude de negación e desprezo da nosa lingua.

Por este motivo, tamén, saímos á rúa cada 17 de maio e seguimos a esixir unha mudanza radical das políticas lingüísticas desenvolvidas desde a Administración e a empresa privada.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña