11:52 Martes, 10 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-05-2015

O último dos traballos da profesora da Universidade da Coruña, Pilar García Negro, dado a lume é, precisamente, o intitulado "No tempo de Follas novas. Unha viaxe á literatura universal"

No tempo de Follas Novas, follas perennes

Valorar (15)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


É sentenza asenta que o único modo de sermos universais é sermos galegas e galegos, como tan ben se pode verificar ao acudirmos ás vidas e ás obras dos principais vultos da nosa cultura contemporánea. Lembremos, a modo de exemplo, a maneira en que todos os Amaro Silva, Adrián Silva ou Martiño Dumbría oterianos viaxan interior e exteriormente arredor de si propios para, no final dese devalar, repararen no seu país e no valor que posúe de seu, sen alfándegas impostas por intereses alleos e sen necesidades de secundarizaren o propio en favor de algo foráneo equivalente. De todo isto era ben sabedora Rosalía de Castro e tamén de todo isto é ben consciente a profesora María Pilar García Negro, sen dúbida unha das máis autorizadas especialistas a nivel (inter)nacional na autora de Follas novas, á cal leva consagrada unha boa parte do seu labor intelectual e investigador: a través dunha inxente cantidade artigos en diversas publicacións nacionais ou internacionais, mediante conferencias quer en prestixiosos congresos quer en asociacións veciñais, a través de palestras ora en simposios especializados ora en agrupacións culturais, mediante libros de teor divulgativo ou de carácter erudito etc. Porque María Pilar García Negro sabe moito ben que nos tempos en que nos achamos tan necesarios se fan os recitais poéticos organizados por un dignínisimo colectivo dunha aldea ou por un non menos digno grupo de veciñas e veciños dun bairro –que quer aprofundar e coñecer mellor a nosa literatura–, como aqueloutros encontros internacionais en que se debate ao pormenor sobre as temáticas que centran esas reunións académicas.

  O último dos traballos da profesora da Universidade da Coruña dado a lume é, precisamente, o intitulado No tempo de Follas novas. Unha viaxe á literatura universal (Alvarellos, 2015). Certamente, o título non pode ser máis adecuado para sintetizar os propósitos do libro: por un lado, hai que salientar que é xustamente a obra rosaliana a que sitúa coa máis alta calidade a literatura galega contemporánea no panorama internacional das letras. E por outro lado, debemos subliñar que na proposta da profesora García Negro conversan con Rosalía figuras consagradas doutros sistemas literarios, próximos tanto lingüística e culturalmente (cal o catalán, español, o francés ou portugués) canto máis afastados (como é o caso do inglés, do ruso etc.). Ese diálogo é centrado en finais do século XIX e nel interaxen temas tan rosalianos como o sometemento da muller, a reivindicación dos dereitos humanos, a vontade de as nacións oprimidas se liberaren etc; non é de estrañar, por tanto, que as propias palabras de García Negro ponderen esa modernidade cando sinalan  que “os máis grandes temas, os máis vivos debates ideolóxico-estéticos do XIX están presentes na nosa escritora”.


  Varias e varios son os autores que concorren nesta convocatoria so a organización de García Negro, que fai tamén unhas asisadas “Escolma e comentario de textos escollidos de Follas novas” para situar o contexto e os poemas de Rosalía. As diferentes escritoras e escritores levan un pequeno estudo introdutorio ás súas biografías e unha selecta mostra do seu facer artístico, dos cales se ocupa unha persoa de recoñecida traxectoria nos estudos sobre literatura ou mesmo na creación literaria. Así, por exemplo, Camilo Castelo Branco e Verdarguer e os seus textos aparecen comentados e seleccionados por Marica Campo; Frances Harper, por súa vez, por Teresa Barro; Harriet Beecher Stowe realiza esa viaxe ao encontro de Rosalía na compañía de Kathleen N. March; Alphonse Daudet faino da man de Xosé Luís Axeitos; George Eliot entra na escena grazas a María Jesús Lorenzo Modia; Henrik Ibsen aparece con Elvira Sánz Gómez; Guy de Maupassant é levado a esa viaxe-diálogo por Eduardo Álvarez; Eça de Queirós vai da man de Carme Fernández Pérez-Sanjulián; de Clarín e de Emilia Pardo Bazán tamén se ocupa a propia García Negro; Marchesa Colombi é convidada por Celia María Armas García; Arthur Rimbaud acode con Anxo Angueira; Liev Tolstoi fai o camiño con Xoán Ignacio Taibo; José Martí aparece no estudo de Andrés Pociña e Aurora López; Julia Lopes de Almeida foi encomendada a Carlos Callón; da presentación de Emily Dickinson vai encarregarse Pilar Pallarés; Christina Rossetti aparece con Luís Cochón; Óscar Wilde concorre grazas a Francisco Rodríguez; e, finalmente, como epílogo, Carlos Negro desenvolve Curros Enríquez. Unha vintena de representativos autores e autoras, pois, da literatura europea contemporánea que viviron na mesma época que Rosalía e que, como ela, son figuras emblemáticas nos seus sistemas literarios respectivos

  Con certeza, o público lector non se vai sentir decepcionado co concurso en que participa toda esa delegación literaria. Grazas a esta obra podemos reparar na modernidade e actualidade de Rosalía na altura ao viaxarmos a finais do século XIX e ao verificarmos que había asuntos que tamén suscitaban o interese e a preocupación en vultos doutros países, mais igualmente somos capaces, transcorridos 135 anos desde a publicación de Follas novas, de sinalarmos a actualidade de moitas desas temáticas, como poderán comprobar as lectoras e os lectores. O libro, neste sentido, serve para desterrarmos tópicos tan conscientemente proxectados sobre Rosalía como a súa intuición poética natural antes que a súa mestría, a súa espontaneidade lírica, o seu descoñecemento relativamente ás modas estético-literarias da época, a súa falta de formación ou aínda outros que conseguiron arraizar nunha boa parte da sociedade galega. Rosalía non teceu isoladamente a súa tea aludindo ao mito de Penélope e Ulises, mais teceuna en conexión cos pensamentos máis vangardistas na Europa da época, como o ben demostra esta selección de textos.

  Parabéns, pois, para a profesora María Pilar García Negro por nos agasallar con outro traballo dedicado á figura eterna de Rosalía de Castro e, igualmente, parabéns para todas as persoas que participan no libro, con cuxos contributos nos fan vermos como Rosalía e Follas novas son, na realidade, follas perennes na árbore da literatura universal porque, cunha calidade artístico-estética do máis alto nivel, antes de seren universais xa se revindicaban galegas.  



-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña