06:25 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-05-2015

Homenaxe á clarividencia, lucidez e fondo sentido patriótico de Ricardo Carvalho Calero

Xa somos esquerda

Valorar (26)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



O artigo deste mes para Terra e Tempo ten toda a traza e toda a intención dunha homenaxe. É a homenaxe á clarividencia, lucidez e fondo sentido patriótico de Ricardo Carvalho Calero (1910-1990), á altura dos seus vinte e tres anos. Expresámola reproducíndomos (tal cal, sen modificacións gráficas), un seu artigo, publicado n´ A Nosa Terra, no 10 de Febreiro de 1934, en pleno bienio negro da 2ª República española. Repárese en como faltan aínda quince meses para que se produza a escisión do Partido Galeguista, sob a forma Dereita Galeguista, promovida por Filgueira Valverde en Maio de 1935, con Castelao desterrado en Badajoz e Alexandre Bóveda en Cádiz. Tratábase  -como é ben sabido-  de descabezar de vez o Partido Galeguista, que tiña no primeiro o secretario político e no segundo o secretario de organización. É nestas circunstancias cando se produce a ruptura mencionada, respondida por Castelao contundentemente no capítulo XI do “Adro” incluído no seu Sempre en Galiza, escrito na cidade estremeira entre abril e outono de 1935.

En Febreiro de 1934, como dixemos, Carvalho Calero publica o artigo que dá pé a estas liñas. Nel comprobaremos como se adianta a advertir sobre as manobras divisionistas que callarían un ano máis tarde. Verifícase así como o problema existía no seo do partido moito antes de se patentizar coa escisión-prólogo de futuras e prontas adhesións ao máis ferreño españolismo da barbarie guerracivilista e da ditadura dela derivada. É tan clara a análise carvalhiana, tan elocuente o seu diagnóstico, que sería pretencioso pola nosa parte engadirmos comentario nengún. Só animamos a decatarnos de cómo, setenta e un anos despois, os eixos basilares deste pensamento seguen a ser válidos no presente. Máis dunha reflexión do que se constituiría como o maior e mellor equipado intelectual galego da segunda metade do século XX, cunha obra que continúa a ser valiosa e útil en tantos ramos da investigación e divulgación lingüística e literaria, teñen aplicación nos nosos días, a comezar polo valor do patriotismo galego e dos seus reclamos.                  

Velaquí o artigo:

XA SOMOS EZQUERDA


O problema de unha posible escisión antre direitas i ezquerdas galeguistas amosaría xa a pátina das cousas vellas se non estivera abalando de cote. A custión é susceitible de moitos enfoques. Mais eu creo que a relativa debilidade numérica do noso partido escorrenta toda probabilidade racional de coidar na división. Agora ben: a radical, abismática diferenciación entre ezquerdas e direitas, é hoxe un feito obsesionante, dramático, imposible de escamotear. E por imperativo vidal hay que tomar posicións n-un ou n-outro bando. Non facelo, é descoñecer a realidade e adormentarse n-unha postura astral. Mais vivimos na terra, e pra avanzar cara o ideal é mester chapotear na lama. O idealismo ten de ser unha forza activa, se non quere resiñarse a zugar nos peitos esteris do nirvana. Pois o Partido Galeguista non pode dubitar: ténse que situar da banda da ezquerda. Ningunha espranza pode nos vir da dereita. Na dereita tiveron os seus tobos os lobos caciquís, e o militarismo, o clericalismo e o centralismo son baixos ideás sempre estranamente próisimos. As dereitas galegas, esterqueiras n-onde se axunta a podre de todas as iñorancias, de todas as cobardías e de todas as ambicións, exércitos de cegos da intelixencia, de tolleitos da vontade, de hipertrofiados do estómago e atrofiados do corazón, as dereitas galegas non poden merecernos simpatía. Os católicos de antre nós non poden sentirse identificados con tales xentes. Cando agromóu unha espranza, aínda que esvaída, en nós, das ezquerdas partíu o aceno gorenteiro. É preciso orientarse cara a ezquerda, porque da dereita nada pode agardar Galicia. ¿E cómo verificar ise movimento? Pero ¿é que non temos un programa de ezquerda, de profundo senso social? Somos xa ezquerda, porque os galeguistas cristiáns sempre tiveron unha amplia visión dos problemas cuias solucións programáticas definen o ezquerdismo. Saudemos respetuosamente á conciencia relixiosa. O anticlericalismo é ridículo, como o clericalismo. Diante das estralimitacións políticas da Eirexa, todos estaremos en pé. Dende o punto de ollada social, non hai direitas no galeguismo. Non nos fai falla, pois, máis que sinceridade e decisión pra aloxarnos, n-iste intre de axitada convulsión pública, no alvéolo político que corresponda á nosa estroitura moral. Todo o demáis  -regramentación da nosa conducta, determiñación dos nosos aliados-  é miudeza. O esencial é salvar á nosa obra do perecer no berce dourado de un idealismo valeiro. Ollemos con craridade o noso auténtico destiño.


A
Asambreia do Partido derradeiramente celebrada en Ouréns abordóu istes temas, comprendendo a súa latexante urxencia. A fórmula ao fin aprobada  -supoño que por acramación-  permítenos ir adiante sen dorosos esgazamentos, inda que con pés de chumbo, por mór da súa vaguedade, incomenente pra o futuro, anque cicáis vertude pra o presente. Enfrontándonos valentemente cos problemas de agora, compre aburar todas as posibilidades salvadoras de isa fórmula, namentras a irmandade e  -o que é máis outo-  o patriotismo, védannos outras posturas.

Tal día coma hoxe, 17 de Maio, de 1958, o autor deste artigo ingresa na Real Academia Galega cun discurso intitulado “Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía”, sendo respondido por Otero Pedraio. A Bibliografía elaborada por Martinho Montero Santalha no volume Carvalho Calero e a sua obra (ed. Laiovento, 1993), que obtivera o premio de investigación convocado pola Asociación Cultural Medulio e o Concello de Ferrol co nome do escritor, ocupa setenta e dúas páxinas. Reiterámonos no título que escollémos para lembrarmos o centenario do seu nacemento e a vixencia e utilidade da súa obra: Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación (ed. Laiovento, 2010). Onte, coma hoxe, a pergunta de caisquer celebracións, de todas as efemérides, segue a ser a mesma: cui prodest? ¿A quen aproveitan? ¿En que presente se inseren? ¿Que e a quen lexitiman? ¿Que debates abren ou que debates tencionan bloquear? Onte, coma hoxe.

P. S. Enviado xa este artigo, enteirámonos do falecemento da escritora e amiga María do Carme Kruckenberg. De moitos anos atrás coñecida e aprezada, sempre se mostrou ben disposta para cantas peticións lle fixemos; sempre colaboradora, sempre vitalista e amistosa. A súa obra poética, narrativa e xornalística reloce como das mellores do seu tempo, sendo unha das primeiras escritoras galegas da posguerra. Viaxeira por todo o mundo, sempre retornou á Galiza e nela tivo o seu centro. María do Carme: lembrarémoste sempre! Descansa en paz.
Grazas. Apertas. Pilar.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña