01:09 Domingo, 15 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-04-2015

Así se escrebe a historia. E así nola escreben á forza crónicas e relatos non só dos media españois, senón tamén da maioría dos homólogos galegos

Autoestima

Valorar (40)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Falo da autoestima en termos colectivos, en termos nacionais, como galegas e galegos. Da outra, da persoal, que tamén ten a ver con aquela, doutoras-es ten a Santa Psicoloxía e, aínda por riba, hoxe é, como case todo, obxecto de mercado: debe de haber (haino para múltiplas destrezas ou actividades) coaching (xa saben que a palabra “aprendizado”, ou “adestramento” ou semellantes desapareceron por decreto) para estimular ou para reforzar a autoestima persoal. Mais a outra, a que nos compete como fillas e fillos da Galiza, non é en absoluto unha redundancia  -como en tantos povos do mundo-  ou aínda un ponto de partida para exhibir músculo de superioridade face a outros  -como tamén nos é dado coñecer e padecer-, senón que é unha conquista, unha recuperación, unha revelación.

Non cabe dúbida, no meu xuízo, de que no presente somos vítimas de todo o vello e de todo o novo. Explícome. Non se conxurou para ben a pesada lousa herdada dun pasado de dominio ferreño, de submisión, de abaixamento; pasado onde a emigración masiva xogou un papel dobremente lacerante: non só por instaurar o fatalismo da saída no interior senón por retroproxectar, desde o destino, máis elementos de autoodio e de alienación. Esta fotografía xeral non anula o facto de moitos galegos e galegas se decataren de o seren fóra do país e, nun exercicio de positividade, exerceren e exteriorizaren a súa galeguidade de xeito consciente e visíbel. E non o anula, porque o quid da cuestión segue a ser o mesmo: a imposibilidade ou a enorme dificultade, na propria Galiza, para ser galego-a de forma natural, como unha evidencia acompañada dunha constelación de sentimentos e dunha rede de ideas acordes á aquela naturalidade.

Toda a nosa historia moderna, ben mirado, é unha sucesión de oracións adversativas, se o expresarmos con imaxe sintáctica. “Galego” (ou “de Galicia”), pero… As reticencias ou pontos suspensivos podemos enchelos con engádegas coñecidas: español, europeo, cidadán do mundo; o galego como dato puramente locativo ou aínda caracterolóxico tópico… Na contemporaneidade, esta pesada lousa de que falamos non só non foi fendida desde a superestrutura xurídico-política, académica, mediática…, senón, polo contrario, reforzada pola sagrada globalización e todos os seus servos e axentes. De aí, por exemplo, a naturalidade coa que se bota mao do inglés para redobrar o imperio do español; a insistencia con que se fabrica unha necesidade de aclimatación forzosa que fai a aquel idioma imprescindíbel e, na Galiza, menos estranxeiro a moitos efeitos do que o proprio galego.

Dentro de pouco máis de cinco semanas teremos eleicións municipais. Non coñezo ninguén que teña visitado (paseado por) Pontevedra ou Allariz que non veña cantando louvanzas sen fin do rosto destes lugares desque os gobernos municipais correspondentes están nucleados polo BNG ou baixo a súa responsabilidade maioritaria. Os mesmos meios de comunicación dominantes, tan remisos a cumpriren a cuota mínima de información sobre o BNG (agás cando se traslada ao primeiro plano a negatividade, a hiperproblematicidade, os agoiros de fracaso…), non teñen máis remedio que se faceren eco dos múltiplos premios internacionais que ambos concellos teñen recebido. Daquela, apliquemos a lóxica. En ambos casos, estamos a falar de gobernos continuados, de longo percurso, que revalidaron en sucesivos comicios o aval das urnas; de gobernos que non durmiron nunha cómoda maioría ou se dedicaron a ollar os biosbardos, que non se dedicaron só á crítica do adverso senón que aplicaron os modos dunha alternativa. Alternativa e resposta. Querse dicer que conciliaron ambas en ben dun goberno posíbel, mesmo dentro de limitacións ben coñecidas, demostrando na práctica que podemos, sabemos e queremos responsabilizarnos dos nosos proprios destinos. Vaiamos agora a outros exemplos e permítanme que me refira só ao concello de onde son viciña, A Coruña. Até por parte dos elementos máis distantes e distintos do nacionalismo galego, máis agresivamente posicionados contra el no estritamente político e no mediático, non coñezo ninguén que ouse desestimar o traballo intelixente, rigoroso e preparado dun concelleiro como Xosé Manuel Carril, portavoz do BNG na corporación herculina, que dirían os cronistas de poucos e rotineiros recursos. A maiores, este compañeiro do BNG, que é profesor de Dereito na Universidade da Coruña e dela foi o seu secretario xeral, posúe unhas cualidades humanas  -por utilizarmos o adxectivo convencional-  moi a valorarmos no traballo político xeral e no municipal en particular. Non é indiferente saber escoitar, ter receptividade para cos interlocutores, paciencia e clareza, non exentas de firmeza. Na listaxe da Coruña que dispuxo o BNG figuran varios traballadores senegaleses. Comentaba un deles hai pouco como podía entender perfeitamente o conflito lingüístico galego, evocando o que na súa terra padece o wólof, a cargo do francés, da lingua colonial. Lembreime decontado de Castelao, claro, e do seu espléndido “Panchito”, de Cousas, escrito e publicado nun tempo en que, por toda Europa, era corrente o uso científico da raza como elemento diferenciador.

Tamén pertence a unha certa tradición galega que personalidades de noso podan merecer mellor valoración por parte de forasteiros-estranxeiros que por parte dos proprios galegos. Tal proceder é visíbel nunha porción non desdeñábel da crítica rosaliana, por exemplo. Se podemos e debemos entender todo nunha perspectiva histórica e, por isto, non non flaxelar por non se sabe cantas eivas que non son conxénitas senón adquiridas, non é menos certo que chama poderosamente a atención que non dediquemos máis e mellores enerxías a curarmos este lamentábel e doloroso anacronismo. Servireime dun exemplo, que reproducerei textualmente. En 2009, José Antonio Labordeta publica as súas Memorias de un beduino en el Congreso de los Diputados. Eu lin a súa 8ª edición, o que dá idea do éxito de vendas. Nelas, con moito humor e sinceridade, dá conta do seu paso polo Congreso, como único representante da Chunta Aragonesista, ao longo de dúas lexislaturas, desde 2000 até 2008. Como membro do Grupo Mixto, conviveu cos representantes do BNG naquela Cámara. Nun capítulo titulado “Los singulares y los plurales” fai unha semblanza daqueles deputados e deputadas que nel deixaron pegada. Velaquí o que anota:

Francisco Carlos Rodríguez Sánchez. Diputado del Bloque Nacionalista Galego.   

Si hubiese veinte diputados como él, este Parlamento brillaría por todo: por ideología, por cultura, por humor y por coherencia en sus planteamientos políticos.

Es un gran conocedor de la poesía de su paisana doña Rosalía de Castro, y un luchador, a perpetuidad, en defensa de su país, Galicia, su lengua y su soñada estructura política.

A veces le preguntaba: “¿Cómo va todo?” Y me respondía, con retranca galaica: “¡Fatal!”.


La gente de su “aparato logístico” lo adoraba. Sobre su despacho crecían el mundo y sus alrededores. “Lo encuentro todo”, me decía, cuando me admiraba ante el follón que tenía, casi comparable al camarote de los hermanos Marx. Se reía por lo bajo y miraba con ternura el papeleo que sepultaba su mesa.


Un gran tipo.

Guillermo Vázquez Vázquez. Diputado del BNG. Tiene un gran sentido del humor con el que conseguía levantar el tedio del hemiciclo con sus fuertes y rijosas intervenciones, donde nada callaba y nada ocultaba.


Un perfecto celta en su parsimonia y estructura física.

Cuando hablábamos, él siempre ponía la nota de lo riguroso.


No abundaban por estos lares  -y supongo que por otros tampoco-  personajes como él.


Na Segunda Parte da obra, aponta:

El BNG llegaba con una diputada cuyo nombre era Olaia Fernández Davila, sin acento, porque se cabrea cada vez que lo ve con ese signo ortográfico, fan del Celta de Vigo a muerte y una persona muy preparada en todos los temas de carácter social. Lo demostraría durante cuatro años en plenos y comisiones.


Hai aínda debulladas por outras páxinas novas mencións dos representantes do BNG ou de traballadoras-es galegos do Grupo Mixto, moi cariñosas sempre e indicativas, desde logo, dun tratamento moi agradecido por parte do autor.

Castelao tivo a sorte de contar coas crónicas parlamentares, positivas e reveladoras dunha grande admiración, de Wenceslao Fernández Flórez. Hoxe, tantos anos despois, o BNG conta con dúas deputadas no Congreso. Exactamente, o 0´6 do total (350). Por tanto, corresponderíalles a elas e mais á organización a que pertencen non menos desta cuota mediática en TODOS os meios de comunicación  -públicos e privados-  do ESTADO, segundo as regras deles, non as que propoñeríamos ninguén dos non consultados. ¿Que se traducise nunha entrevista por trimestre; na participación en debates unha vez por cuadrimestre? O que for: non botei as contas. En absoluto existe o MÍNIMO respeito ás regras que eles mesmos  -os poderes estatais-  fabricaron e impuxeron. En troca, estamos indixestados por unha constante presenza político-mediática de formacións como Podemos ou como Ciudadanos que teñen CERO representantes na Cámara española. ¡Viva a democracia, a proporcionalidade e a representatividade! E aínda hai quen opina que o BNG non se fai ver: ¡madia leva!, con estas regras de xogo trucadas, a ver quen é o que defende que non se fabrican a conveniencia presenzas e actividades políticas, resultados eleitorais por adiantado.

E así se escrebe a historia. E así nola escreben á forza crónicas e relatos non só dos media españois, senón tamén da maioría dos homólogos galegos. Advertírmolo será, polo menos, o primeiro paso para unha valoración como merece do traballo feito por cabezas e mans galegas e ao servizo da Galiza, isto é, de todas e de todos nós.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña