03:08 Mércores, 01 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-04-2015

Na Galiza só no pasado ano, deixaron a súa terra máis de 15.000 persoas

Non nos imos, bótannos

Valorar (10)

HELENA VILAS VIÑAS



Quen non ten algún familiar, amiga, compañeira que se tivo que marchar lonxe da súa terra á procura dun traballo, dun futuro, dunha vida digna? triste foi que tiveran que facelo os nosos avós, os nosos pais… para que agora eses avós e eses pais teñan que vivilo cos seus netos e fillos, que por desgraza vendo este panorama desolador, parece non quedar outra alternativa… grazas a un goberno, que non soubo, ou non quixo crear as condicións suficientes para que os mozos non teñamos que facela maleta forzosamente. Nunca a palabra desafiuzamento a tiven tan definida.

Na Galiza só no pasado ano, deixaron a súa terra  máis de 15.000 persoas, un problema secular, acarrexando toda unha vida o drama da emigración deixando o país entristecido e envellecido. Outra sinal máis de que a integración co estado español non funciona, nunca funcionou.

Galiza, atrapada neste estado “democrático” secuestrado por uns mercados financeiros que só vela por os seus intereses e o mesmo tempo rescatado polas políticas de austeridade da U.E, cobrando a estafa bancaria que nós non propiciamos que o único para o que serviu é para hipotecar o noso benestar social, cunha reforma laboral digna do medievo máis profundo; a sanidade e a educación converténdose en produtos de luxo. Obrigando á nosa xuventude, a nosa xente máis preparada da historia a fuxir do país, máis ben a botarnos del, porque somos xente perigosa, para que non molestemos nin interrompamos a letanía adormecedora dos obedientes e fieis.

A segunda parte desta historia para os que se queden, non darlles as posibilidades de se formar e así crear pobres, ignorantes, submisos, obreiros mal pagados, estratexia perfecta para o seus retorcidos plans e así ser un país de primeira pero só na aparencia, que todo ten un prezo, e ser de primeira sae caro, aparéntalo, case de balde.

Revestilo de fermosos eufemismos como “mobilidade exterior” , “residentes ausentes” ou “mozos con espírito aventureiro…”  é unha forma como outra calquera de decoralo, até semella  que ten máis glamour…  Todo vai sumando, trocar unhas cousas por outras e aí o tes: un país de primeira…

A veces penso, pero só para consolo meu, que a fuga de cerebros non é tan negativa xa que o realmente negativo é esta caterva de descerebrados que nos gobernan, nos teñan escravizados sen ningún futuro porvir , pagando os pratos que nós nos rompemos, para a desgraza nosa.

Esta xentalla  lévannos polo camiño da destrución, e nós podemos coller o outro, o bo camiño, adoptando medidas drásticas, ser donos do noso, na nosa vida, collamos folgos para eliminar este lastre que nos ocupou toda unha historia.

Existen dúas vías: este  que nos ofrecen; resistir até poder ou morder até morrer, así de dramático… pero, depende de nós. Quen non ten algún familiar, amiga, compañeira que se tivo que marchar lonxe da súa terra á procura dun traballo, dun futuro, dunha vida digna?



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña