13:48 Martes, 27 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-05-2010

Mais Castelao tamén cobizaba tanxer as liras; era consciente de que os ecos do seu son fican na memoria dos pobos para sempre

E Castelao dixo entón: "Poesía, ti reinarás sobre todas as artes"

Valorar (22)

DIEGO PARDO AMADO


cuarela de Castelao que se atopa no Centro Galego de Montevideo


Abraiado coa poesía de Gil de Biedma, hai anos tiven nas mans o seu Retrato del artista en 1956, excelente mostra de ensaísmo autobiográfico do poeta de Barcelona. Naquela prosa batuxada da calor tropical das Filipinas, dos negocios familiares, das veladas impúdicas nos bares últimos da noite e dos interminábeis días de tuberculose, o poeta confesa que, cando crianza, ao escoitar uns versos de Jorge Manrique, comprendeu definitivamente o alcance da poesía.

Definiuna maxistralmente como expresión sorprendente porque incorpora algo que un xa sentira moitas veces, sen saber que só se podía dicir precisamente así. Que modo tan sinxelo e perfecto de definir algo tan absolutamente complexo!.

Por seu lado, o noso Castelao sempre afirmou non comprender a esencia da poesía e, precisamente por este motivo, sabía que o seu corazón sentía con máis ímpeto o misterio daquela arte para el inapreixábel. Porén, a ollada fráxil e esculcadora do rianxeiro pousou nas cousas do mundo como a dun auténtico inspirado das musas. Mesmo semella as divindades térenlle susurrado ao ouvido a conveniencia de proclamar o reino da poesía sobre todas as artes poque, non en van, etimoloxicamente poesía significa creación ou enerxía creadora.

No fermoso prólogo que en 1934 escribe para o poemario Antre dous séculos, do amigo Xerardo Álvarez Limeses, exclama: «Eu agardo que todo Arte chegue a ser Poesía. ¿Que son optimista de máis? ¡Ouh!, eu espero que a iauga doce dos ríos faga doce toda a iauga do mar; que a morte, enchéndose de vida, sexa vida; que a nada, enchéndose de soños, chegue a ser todo... ¡Ai, quen me dera poder decir estas cousas en verso! ».

Como todo xenio, o intelectual galego posuía a capacidade de se abraiar e emocionar, de chegar ao miolo das cousas; e como todo patriota, era quen de sorprender a beleza nas cousas humildes da nosa terra. El mesmo declarou conmoverse coas cántigas aldeás e admirarse diante dos cadros dos artistas que aínda non sabían pintar.

Mais o destino do noso home era máis ambicioso que o reservado aos estetas ensimesmados. Como os grandes reformadores da Historia, para el o sentido do mundo estaba en transformalo, e a maneira que tivo de cumprir os seus designios foi pondo a súa arte ao servizo de Galiza.

O sentimento de pertenza a unha nación extraordinaria fixo que percibise as creacións populares como o punto de partida da necesaria renovación artística. Resultaba imprescindíbel inaugurar unha arte popular que desenvolvese novamente a función que lle debía corresponder. Así, Castelao declarou ser «(...) un home que agarda un retorno do Arte ó esprito do pobo, para tomar pulo e renovarse, porque certamente o instinto popular é a única reserva con que conta a Arte para non morrer de Cencia e para que volva a cumplir a súa función social». Asemade, condición nacional e universal debían camiñar de mans dadas nese proxecto, cuestión sobre a que reflexiona na conferencia "Arte e galeguismo" (1919), aportación fundamental no debate sobre a posibilidade de fundación dunha arte que, sen renunciar ás súas peculiaridades, conquistase a universalidade.

Xa na conferencia "Algo acerca de la caricatura" achamos algúns dos que serán trazos esenciais do Castelao maduro, certamente ligados aos aspectos que acabamos de reseñar. É natural que o autor d´Os vellos non deben de namorarse se sinta fortemente atraído por unha vertente tan útil á súa concepción artística. Da súa óptica, a caricatura permite tratar temas de viva actualidade e, tecnicamente, baséase na supresión de todo elemento redundante ou trivial, acadando a simplicidade que o noso autor tanto persegue e na procura dun sincretismo que non deforme ou exaxere, todo tintado do humorismo, que non comicidade, tan característico del.

Mais permítanme, aínda que sexa bruscamente, recuperar o rumo inicial destas liñas concluíndo que toda a obra de Castelao resulta fascinante e sorprendente porque é, nas súas diversas manifestacións, profundamente lírica.

Fillo dunha época e firmemente comprometido co país, decote as escollas estéticas, os formatos, como vimos, responden á capacidade destes para afectar e involucrar. Mais Castelao tamén cobizaba tanxer as liras; era consciente de que os ecos do seu son fican na memoria dos pobos para sempre e, con auténtico estro poético, procura conmovernos, quer chegar ao noso interior para arrebatar o noso espírito, como só as obras de arte sublimes logran, que dixera o misterioso Lonxino.

Quen, senón un profeta verdadeiro, podería desexar e revelarnos que a Poesía está chamada a iluminar todas as artes?


Listaxe de ligazóns

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña