23:09 Mércores, 23 de Agosto de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-03-2015

Hoxe, calquer persoa que se considere progresista ou de esquerdas non pode menos que rexeitar a idea de escolas segregadas por sexo como algo retrógrado

A segregación non é a solución!

Valorar (37)

ROBERT NEAL BAXTER



O patriarcado, parte integral do sistema capitalista, abusa psicolóxica e fisicamente. O patriarcado fere e mata todos os días. As persoas non son cifras, mais as cifras axudan a entender a magnitude deste flaxelo social: na década 2003/4-2014 foron asasinadas 753 mulleres en todo o Estado polas súas parellas ou ex-parellas, 37 delas na Galiza, e, polo menos, 20 prostitutas foron asasinadas no Estado español entre 2010 e 2012, unha delas na Galiza. Crimes de honor, infanticidio feminino, asasinatos coa escusa do dote, queima de esposas e viúvas, violación, lesbicidio, ataques con ácido, linchamento de mulleres acusadas de seren ‘bruxas’ aínda hoxe en varias partes do mundo... A lista de crimes perpetrados contra as mulleres é vergoñenta e interminábel.

No entanto, as mulleres non son as únicas vítimas dos valores que sustentan o patriarcado. A mal chamada ‘homofobía’ é outra faceta do mesmo fenómeno. E digo ‘mal chamado’, pois non se trata de ningún medo patolóxico ou doenza que convertería o verdugo en vítima, mais simplesmente un xeito erróneo e reprensíbel (si, emito un xuízo de valor moral) de pensar e actuar, baseado en falsas premisas e preconceitos que inculca a sociedade. Non é nengunha ‘fobía’ clínica, é un ‘ismo’ ideolóxico, como tamén o son o nazismo, o racismo, o sexismo, o imperialismo, o colonialismo… O heterosexismo tamén fere e mata. No Brasil, onde o homocidio é endémico, segundo o Grupo Gay da Bahia unha persoa homosexual é asasinada cada 28 horas. Mais, como o sistema patriarcal é universal, non hai nengunha parte do mundo que se libre, incluída a Galiza, como acontece co caso do infame asasinato de Julio Anderson Luciano e Isaac Pérez Triviño, apuñalados repetidamente e degolados en Vigo en 2006. Mais tamén mata, de xeito máis silandeiro, por suicidio debido ao acoso e à discriminación, sen falar de isolamento social, baixa autoestima, depresión, abuso de substancias...

Obviamente, nada disto é unha consecuencia directa de ser homosexual, como os maus tratos non son consecuencia de ser muller, nen a violación a consecuencia de levar unha minisaia. Todo o contrario: trátase dunha consecuencia dos comportamentos estereotipados exacerbados que predominan na sociedade patriarcal a respeito do que significa ser un home ‘viril’. Ao tempo, pois, que cumpre protexer as vítimas no inmediato afastándoas dos seus atormentadores, para erradicar a problema definitivamente hai que traballar tamén cos potenciais acosadores para os (re)educar e mudar o seu xeito de pensar e de actuar para as vítimas poderen vivir sen medo e coa normalidade que lles corresponde por direito na sociedade.

Isolar as vítimas do resto da sociedade é un castigo desmerecido e inxusto; nunca pode ser unha solución. Todo o mundo sabe cal foi o tráxico legado do experimento social de segregación (pretextando o beneficio mutuo) levado acabo na África do Sul e tamén na ex-colonia británica de Rodesia (hoxe Cimbabue), por non falar dos EUA, onde só terminou por completo en 1968. Sen coexistencia resulta extremadamente difícil –por non dicer imposíbel– coñecer, e moito menos entender, como vive ‘@ outr@’, polo que a separación só serve para reforzar os valores e prexuízos de cada grupo e a percepción de superioridade do grupo dominante a respeito do grupo socialmente máis fraco, que non deixa, por tanto, de ser vulnerábel.

Hai quen, como por exemplo a segregación feminista que propugna a tendencia anti-subordinacionista do feminismo libertario, pretende apresentar a educación separada por sexos como unha panacea para as raparigas escaparen da opresión que padecen no ámbito escolar. Porén, sexan cais foren os motivos que se esgrimiren para a lexitimar, a segregación de seres humanos por razón de sexo, etnia ou calquer outro trazo sempre é reaccionaria e só serve para fomentar e perpetuar estereótipos baseados na falsa crenza de que persoas brancas e pretas, homes e mulleres, pensan e actúan, pola súa propia natureza, de xeito inerentemente diferente; que son entes bioloxicamente diferentes cando, na realidade, son tod@s seres humanos, diferentes entre si, mais unid@s na súa humanidade común.

Hoxe, calquer persoa que se considere progresista ou de esquerdas non pode menos que rexeitar a idea de escolas segregadas por sexo como algo retrógrado: a segregación escolar por sexo non pode ser a solución à discriminación contra a muller, como a segregación racial tamén non serviu para combater o racismo e fomentar o coñecemento e respeito mutuos.

Non obstante, alguén deu coa brillante idea de crear unha escola para estudantes LGBT  no Reino Unido, e xa hai antecedentes nos EUA. Tais iniciativas son compreensíbeis à luz da discriminación e acoso escolar que se pode chegar a sofrer por ter unha sexualidade diferente da que dita a heteronormatividade e que xa ten empurrado alumn@s à desesperación extrema do suicidio. Ora ben, a criación de espazos escolares reservados non pode ser a solución. As perguntas que se suscitan son moitas e moi preocupantes. Acaso o profesorado tamén terá que ser LGBT? Por que non segregar tamén por sexo e etnia? Clases para lesbianas pretas, outras para rapaces brancos gays, cada grupo co seu ou coa súa correspondente profesor/a lesbiana preta ou macho homosexual branco? Permitir contratar profesorado e recrutar estudantado atendendo à súa sexualidade deixa a porta aberta para outros centros contrataren preferentemente profesorado heterosexual e rexeitaren alumn@s homosexuais, que xa terán onde ir...

Non se trata de discriminación positiva; trátase de criar guetos, castigando as vítimas ao afastalas da sociedade normal. E non poño esta palabra entre aspas, pois non quero dicer viver segundo as normas, mais poder viver cada persoa a súa vida sen ter que identificarse e ser identificada en función da cor da súa pel, o seu xénero, a súa procedencia xeográfica ou a súa sexualidade. Esta normalidade debe construírse coa inclusión e implicación de tod@s, combatendo as normas dominantes para así dar cabida a tod@s e cada un/ha de nós.

E, à medida que o alumnado homo, bis e/ou transexual se vaia derivando a centros especializados para poderen viver ‘en paz’, os outros centros irán facéndose cada vez máis heterosexuais, o que axudará a fomentar o descoñecemento para co/a outr@, fonte de medo e rexeitamento.

A escola non é só un instrumento para transmitir coñecementos formais, mais tamén un espazo de convivencia social esencial que serve para a aprendizaxe en sentido amplo, isto é, o desenvolvemento persoal e colectivo do ser humano, unha educación en valores baseada no coñecemento e respeito mutuo, por encima das diferenzas, mais valorando a riqueza da diversidade.

O obxectivo é a integración, non a discriminación. A inclusión e non a exclusión. Por isto, a solución é a convivencia e non a segregación.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal