08:53 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-03-2015

A influencia da televisión nos medios sociais é abrumadora

Seguidores en Twitter a golpe de televisión

Valorar (10)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



En internet existen infinidade de blogs e páxinas nos que explican como conseguir seguidores e seguidoras en Twitter. A maioría coinciden en sinalar que ter un deseño atractivo do noso perfil público é o punto de partida esencial para que outros usuarios desta rede social decidan seguirte. Substituír por exemplo o ovo que aparece por defecto en todas as imaxes de perfil por unha foto, unha imaxe atractiva, é básico para incrementar os seguidores. Tamén axuda tunear o noso perfil con cores diferentes aos oficiais e mesmo cambiar a imaxe de fondo por outra máis chamativa.

Isto, como dixen é o esencial. Pero tamén é importante seguir a persoas ou colectivos acordes ás temáticas que nos interesan, que sexan influíntes nesta rede, o cal non quere dicir que teñen moitos seguidores. Unha conta de Twitter é influínte, non polo número de seguidores que teña, senón polo número de veces que se comparten os seus contidos, polo número de mencións que reciba, se interactúa ou non cos demais usuarios, etc. O número de seguidores é importante, pero non determinante para ser máis ou menos influínte na rede.

Outro aspecto importante é a mensaxe. Non é doado atinar coa mensaxe acaida en 140 caracteres, algúns menos se o texto o acompañamos dunha imaxe e/ou unha ligazón. A mensaxe ten que ser útil para o noso público obxectivo, se ademais usamos unha linguaxe ocorrente, retranqueira, ... axuda a que a nosa mensaxe teña unha boa aceptación e sexa compartida por outros usuarios, co cal aumentan as posibilidades de que consigamos máis seguidores.

Se es candidata ou candidato ás eleccións municipais e tes pensado abrir unha conta en Twitter, este é o manual básico e resumido para aumentar o número de seguidores e a influencia nesta rede social. Porén, se xa utilizas esta ferramenta de comunicación xa saberás a estas alturas do artigo que aínda seguindo ao pé da letra estas instrucións non é doado conseguir un bo feixe de seareiros. Mais, non nos desesperemos, nunha sociedade e nunha rede social como esta onde a imaxe o é todo, aumentar o número de seguidores tamén pode facerse a golpe de tarxeta Visa ou PayPal. Hai centos de páxinas que che permiten aumentar os seguidores da noite para a mañá ou de xeito máis ou menos escalonado para disimular e para presumir dos miles seareiros que tes. O problema é que estes non serán útiles, son contas valeiras, sen contido, que nunca compartirán nada teu, pero sempre quedará máis vistoso ter 20000 seguidores que 20, iso está claro!

Até aquí o xeito de conseguir seguidores en Twitter ao alcance de calquera persoa. Mais, como estamos vendo nos últimos meses, hai políticos que teñen unha facilidade pasmosa para aumentar o número de seguidores en Twitter, pero, agás contadas excepcións, este aumento pouco ten a ver coa orixinalidade e interese das súas mensaxes, senón pola exposición mediática á que están sometidos.

Un exemplo é Manuela Carmena, candidata das primarias de Podemos en Madrid. Non tiña conta de Twitter até o día 15 de marzo deste ano, pero nun só día pasou de cero a 10.460 seguidores, e non grazas ás súas ocorrentes e interesantes mensaxes en 140 caracteres, senón porque o día anterior foi entrevistada en “La Sexta Noche” en horario de máxima audiencia. Outro exemplo é o líder de Ciudadanos, Albert Ribera, que veu como o seu número de seguidores aumentaba, aínda que non de xeito tan espectacular como o caso anteriormente citado, pero si significativamente segundo incrementaba a súa exposición mediática, sobre todo a principios deste mes, cando se deron a coñecer diversas enquisas que situaban á súa forza política á par de PP, PSOE e Podemos en intención de voto.

Outro caso que tivo a súa repercusión no seu momento foi o de AGE e Beiras durante a campaña das eleccións Galegas de 2012, onde se sucedían artigos en prensa destacando o rápido crecemento de seguidores que tiñan nas redes sociais, especialmente Twitter, nun espazo temporal onde tiveron unha forte exposición mediática, inédita nunha forza que naquela altura era extra-parlamentaria.

Por iso, aínda que as redes sociais son tamén un medio de comunicación, e non nego a importancia destas na comunicación política, pero hoxe por hoxe a influencia social e política dos medios de comunicación tradicionais, especialmente da televisión, é abrumadora, tanto que até nos din a quen seguir en Twitter, e aos feitos me repito, como diría Manquiña.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña