05:42 Luns, 14 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-03-2015

Uns dos textos máis representativos nesta liña sexan os procedentes de certas obras de Ánxel Fole, en que se fan atinadas observacións de carácter (socio)lingüístico sobre as variedades de galego que utiliza

As variedades do galego como motivo literario: o caso de Ánxel Fole

Valorar (12)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Polas circunstancias en que se desenvolveron a cultura e literatura contemporáneas galegas, os textos do século XIX e dunha boa parte da centura seguinte proporciónannos, uns máis e outros menos, unha abondosa atestación dialectal de fenómenos fónicos, morfosintácticos e semántico-lexicais. Obviamente, asumimos de entrada o consciente significado desa diversidade lingüística, pois a documentación de variantes dialectais nos textos literarios, cando menos en países normalizados, non costuma ser gratuíta. Así, os rexionalismos, permiten a evocación de certos aspectos de determinadas partes da nación, producindo efectos diferentes conforme o público for ou non for natural desa zona. Deste modo, ese recurso da cor local fixo posíbel que nos textos do Romantismo penetrasen formas xeograficamente marcadas, proporcionando ás variedades dialectais unha relativa dignificación artística. O escritor escocés Walter Scott, por exemplo, publicou The Heart of Midlothian en 1818 cunha estética lingüística dialectal e dando entrada a fenómenos considerados típicos do escocés ou “inglés de Escocia”, liberándose así o dialecto literario das vellas connotacións pexorativas e adquirindo unha nova dignidade.

Con todo, as nosas reflexións non se orientan cara á constatación do fenómeno dialectal na literatura, mais cara ás impresións que creou en certos vultos da expresión artística galega. Posibelmente, uns dos textos máis representativos nesta liña sexan os procedentes de certas obras de Ánxel Fole (1903-1986), en que se fan atinadas observacións de carácter (socio)lingüístico sobre as variedades de galego que utiliza propositadamente o escritor. Quer pola súa procedencia lucense, quer por ter vivido nas serras orientais do país durante algún tempo, o seu grao de coñecemento das variedades lingüísticas desas zonas non se pode considerar superficial. De aí que non sexa de estrañar que, para alén de as súas obras reflectiren unha grande parte dos fenómenos dialectais desas rexións, dirixise un atencioso ouvido cara a tales casuísticas gramaticais e que esa audición tivese como consecuencia a propria reflexión do autor sobre fenomenoloxías lingüísticas.

Noutros sistemas literarios, o sentir da autora ou do autor sobre a caracterización gramatical de personaxes pode contar cunha relativa tradición: xeitos de pronunciar, trazos lexicais ou morfosintácticos etc. singularizan personaxes e mesmo xeran comentarios ao respecto noutras personaxes ou mesmo por parte do narrador ou da narradora. Eça de Queirós observaba n’O Primo Bazilio en finais do século XIX como unha criada pronunciaba as vibrantes dun modo que se consideraba impropio, ao paso que romancistas e dramaturgos anglosaxóns dos séculos XVIII e XIX fixeron notar no público lector, a través dos seus textos literarios, a relación entre linguaxe popular ou dialectal e adscrición social: tal é o que se verifica con George Meredith e The Adventures of Harry Richmond (1871), Charles Dickens e as súas Great Expectations (1861), Thomas Hardy e A Pair of Blue Eyes (1873) etc. No noso mesmo ámbito lingüístico merece salientarse igualmente a obra de Marcos Bagno (2001) A Língua de Eulália, asisadamente subtitulada Novela sociolingüística. Nela o autor, servíndose das conversas mantidas por unha mulher e por dúas adolescentes que están de ferias na casa dela, tenciona tirar a forte carga pexorativa que caracteriza o portugués brasileiro nas súas modalidades máis populares. Estamos diante, así pois, dun texto en que os trazos que singularizan as variedades das clases sociais menos favorecidas son utilizados como pretexto para as tres mulleres reflectiren na importancia da variación lingüística (mulher e muié, problema e probrema, para eu fazer e para mim fazer etc.).

Voltando ao escritor galego, as obras de Fole aproxímanse, conscientemente, das falas lucenses. No entanto, cómpre matizarmos que, a pesar dese propositado verniz local que o autor proporciona ás súas obras, ningunha delas reflicte con exactitude o galego local desas tales comarcas: xunto á documentación de fenomenoloxías lingüísticas frecuentes no galego literario da segunda metade do século XX, o certo é que non existe unha correspondencia exacta entre a linguaxe literaria de cada obra respectiva e a súa adscrición a unha zona concreta das serras orientais lucenses. Como queira que sexa, varios textos de Ánxel Fole permiten que o narrador ou mesmo as personaxes reflictan sobre a diversidade dialectal do galego. O fragmento que reproducimos aquí é un excerto tirado de Á lus do candil, colección de relatos inspirados na tradición oral que foi publicada en 1953:

Fálase polo Caurel un galego que non se pode confundir co galego das comarcas veciñas, por tér moitas verbas e xeitos propios. Por unha parte, é moi enxebre, espallado de lediciosos arcaísmos; por outra, barbarizado de abondo. O acento é nasal e xordo, moi doce e grave.

Os nenos chámanse ninos, os mandiles cinguideiros, unha corda un liame. Outras falas son comús ás lindeiras comarcas do Incio e de Quiroga... Esfragarse é derrubarse, caírse por un derrubadoiro. Derramar val tanto como apedrar, botar a perder. A cepa ou poda chámase demouca. Escoitade a un petrucio: Por eiquí hai moitas fragas grandismas... O Pepe esfragouse cando estaba demoucando un carballo... Fórono atopar ó fondo do río...

Tamén se emprega coma, e non como. Encol disto diremos que se acha eiquí, coma na terra do Incio e da de Quiroga, unha i en moitas verbas, que non sei se chamarlle eufónica, e que non hai noutras comarcas. Dise forcia, aldeia, creio, ondia, partia dos cochos... En canto os verbos, as primeiras persoas de algún[s] pretéritos e futuros rematan en in.Asín, fuín, cantein, agardarein; e non fun, cantei, agardarei. E formas chás en vez de esdrúxulas coma fosemos, por fósemos. Tamén se di puña, e non poñía. Ouservei que moitos din quí é ou qui era. Cáseque sempre óucese decir us, mais non unhos.

Fagamos un paréntese... Niste libro adoitamos o xeito de falar distas terras. Por iso se atoparán moitas veces verbas en varias formas. Por exemplo, outro i autro, sexa e seña, cimo e cumial, cantare ou cantar, fitar ou ollar, voltar ou volver, lembrar ou recondar, etc. Galego falado, aínda que sexa escrito.

Certamente, non teñen perda estas palabras, tanto polas impresións de carácter sociolingüístico e dialectal canto pola súa propia percepción do galego da faixa oriental. Débense obviar, antes de máis, os xuízos de valor sobre a lingua da zona, que, sendo talvez lexítimos do punto de vista subxectivo, non son asumíbeis obxectivamente: unha alusión a un certo grao de rudeza se callar debido á interferencia do español (“barbarizado de abondo”), o feito de presentar un acento “xordo”, “doce” e “suave” como elementos de confronto etc. Porén, cando pondera as singularidades lingüísticas da rexión do Courel a afirmar que ten “verbas e xiros propios”, que posúe un “acento nasal” e que presenta certo grao de formas arcaicas vémonos na feliz obriga de recoñecermos a aguda percepción do escritor lugués en materia lingüística, aínda que sexa rudimentariamente e a pesar tamén de eses trazos non seren exclusivos do Courel. Nótese, en primeiro lugar, o acerto de Fole a sinalar a existencia de “lediciosos arcaísmos” nesa serra lucense, xa que o galego da faixa oriental se caracteriza, no seu conxunto, por manter un notábel grao de conservadorismo se comparado co doutras zonas da nación. E, canto ao cualificativo de “nasal”, é bastante probábel que veña inspirado polos casos como fuín, cantein ou agardarein, embora tamén se non se trate dun fenómeno exclusivo das falas da zona.

Por outra parte, algúns dos exemplos que expón como formas dialectais encaixan mellor como popularismos, de onde emerxe a sempre complicada distinción entre conceptos como arcaísmos, formas populares, dialectalismos etc: en primeiro lugar, obsérvese que o aparecemento de prolongacións silábicas en palabras oxítonas que viran paroxítonas mediante unha vogal paragóxica en “cantare ou cantar” parece explicarse pola adscrición a unha modalidade de lingua máis popularizante; a parágoxe, sendo un trazo denotativo dunha linguaxe popular, coñece unha grande representación nos textos literarios, e en particular naqueles de orixe tradicional anónima, transmitidos de xeración en xeración. E en segundo lugar, hai que notar tamén a presenza do iode antihiático en formas como aldeia, creio, que, podendo seren entendidas como reflexo da lingua oral popular, resultan igualmente explicábeis por unha relativa adscrición rexional: no galego é considerado un fenómeno dialectal frecuente en certas zonas de Lugo e de Ourense.

Noutra orde de cousas, os comentarios que fai Fole dedicados ás variantes dialectais participan de varios focos de atención disciplinar. Un deles é o fónico, en que o escritor de Lugo nos deixou as súas impresións de como no galego do Courel se podían rexistrar os exemplos citados no parágrafo anterior ou aínda a alternancia, posibelmente por motivos eufónicos, entre “quí é ou qui era”. Un outro centro de interese é o morfolóxico, onde asistimos ao feito de que, segundo o autor, se empregan nesas terras puña (de pór) “e non poñía”, ondia, us “mais non unhos” nin uns etc.; amparándose nas singularidades da zona, Fole declara igualmente que no libro aparecerán “moitas veces verbas en varias formas”, cal é o caso dos pronomes outro e autro (esta última propia dalgunhas falas do centro e do leste do país en que presumibelmente se desenvolve a trama de Á lus do candil), das variantes do presente do subxuntivo sexa e seña etc. Por outro lado, a compoñente semántico-lexical goza tamén de relativo protagonismo ao se poder constatar como as formas ninos ou cinguideiros son as detectadas por Fole nesa comarca para as equivalentes nenos ou mandís doutras partes do territorio; no tocante á duplicidade entre fitar e ollar, voltar e volver, lembrar ou recordar, por último, non hai que descartar que se traten de formas quizais atestábeis nalgunhas partes da montaña lucense no ecuador do século XX, aínda que máis ben correspondan a léxico utilizado por influencia literaria.

Finalmente, para concluír as súas impresións sobre as singularidades lingüísticas do galego courelao, o escritor termina esta digresión xustificando a súa lingua literaria coa adopción do “xeito de falar distas terras”. Agochadas baixo esta declaración afloran, cunha perspectiva actual, dúas cuestións: por un lado, a circunstancia de conceder unha relativa preferencia ás falas lucenses ten como pano de fondo a pretensión de dotar os relatos de Á lus do candil do maior grao de verosimillanza posíbel, unha vez que gardan evidentes paralelismos coas narracións orais. Mais, por outro lado, este feito permítenos corroborar como, no ecuador do século XX, unha certa polimorfía dominaba a expresión literaria en lingua galega, produto do contexto histórico e político-cultural da época.

En síntese, podemos salientar como a literatura galega contemporánea vira unha moi eficaz ferramenta non só para repararmos na variación lingüística que se detecta nunha boa parte das obras, mais tamén como, en ocasións, ovidos atentos como o de Fole nos informan directamente sobre aspectos gramaticais e lexicais do galego da época e sobre como foron aproveitados propositadamente polo autor ou pola autora en forma de motivacións literarias.  


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

[08-04-2015 23:50] Armando Requeixo comentou:

Boa síntese de investigacións precedentes. Parabéns ao autor por lembrar a importancia da literatura foleana, neste caso como documento lingüístico.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña