14:55 Martes, 16 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-03-2015

A resposta é clara e rotunda: SI

Pódese reverter a situación do galego?

Valorar (25)

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO



Os últimos datos do IGE son unha mostra máis da alarmante situación do idioma galego. Son a radiografía do exterminio. Demostran con clareza quen toda a propaganda de “bilingüismo”, “harmónico” e “cordialidades” non son máis que escudos que agochan a verdade: na Galiza estase producindo un proceso de substitución lingüística do galego polo español.  Un proceso clave para manter a unidade de España e asimilarnos definitivamente.

A diagnose está clara, son moitos anos de estudos de socio- lingüística.  o resultado é coherente cunha política oficial que durante trinta anos non tiña por obxecto normalizar a lingua galega. Realmente, galegas e galegos, vivimos un proceso de inmersión lingüística en español, sen que as institucións autonómicas tiveran vontade de frear o desastre. Mais, a pregunta que moitas e moitos se fan é se é posíbel reverter a situación? A resposta é clara e rotunda: SI. Hai exemplos claros nos noso entorno, vascos e cataláns recuperan falantes, mentres só o galego pos perde. De certo, hai moitos e variados ámbitos nos que podemos actuar de cara reverter a exclusión e marxinación.                

O vindeiro martes 10 de Marzo o BNG presenta un elenco de propostas que serán positivas para  o idioma. Propostas que emanan do manido Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Un documento que unha década despois da súa aprobación segue a ter vixencia, pois a maioría das súas medidas non foron aplicadas. A súa actualidade é tamén acusación. Demostra a inacción en positivo do goberno e pon de relevo os retrocesos vividos neste anos.              

O PP, con recen estreado Conselleiro no ramo, clama polo consenso. Mais preguntamos, que credibilidade teñen os consensos do PP? Que credibilidade teñen se até incumpren os acordos que en teoría se deron con gobernos do PP, como o do Plan Xeral? Que consenso é ese que pretende que aceptemos un decreto que prohibe o uso do galego en materias como matemáticas e ciencias no ensino?              

Desde o BNG apoiamos sempre todas as medidas e propostas que supuxeran pasos adiante cara o idioma. E fixemos moitas e variadas propostas. Propostas para ampliar dereitos. Propostas para actuar contra a marxinación da lingua propia da Galiza. Son outros so que están instalados no inmobilismo e na reacción. Para mostra acompaño este artigo das que serán debatidas no vindeiro pleno do Parlamento, das que de seguro -agás honrosas excepcións- ningún medio dará conta, nin informará.              

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa da súa deputada Ana Belén Pontón Mondelo, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, formula a seguinte Moción consecuencia da Interpelación con número de rexistro 31162.
                   

O Parlamento insta á Xunta de Galiza a cumprir a legalidade vixente e acordos en materia de normalización da lingua galega, sinaladamente a Lei de Normalización Lingüística de Galiza, Carta Europea das linguas Rexionais e Minoritarias e Plan xeral de Normalización da Lingua Galega e adoptar as medidas necesarias para garantir o dereito de galegos e galegas na vivir en galego na Galiza.
En congruencia adoptaranse as seguintes medidas:

1. Derrogar o Decreto 79/2010, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza e elabore un novo decreto que cumpra as medidas acordadas por unanimidade no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG)  para este ámbito que fixan  

a. No ensino infantil:          

I. Establecer unha oferta educativa en galego en preescolar (0-3 anos) e na educación infantil para todos os nenos e nenas galegofalantes.
             

II. Fixar, como mínimo, un terzo do horario semanal en galego nesta etapas educativas para os contextos e contornos nos que a lingua predominante sexa o castelán, coa intención de que esta porcentaxe se vaia incrementando progresivamente.

III. Desenvolver programas experimentais  en galego para castelanfalantes, asegurando o seu rigor pedagóxico, así coo o seu seguimento e avaliación.


IV. Fomentar a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego, na perspectiva de que este se converta no idioma de base da aprendizaxe escolar.

b. No ensino obrigatorio:        

I. Na educación primaria garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. Á parte da área de coñecemento do medio natural, social e cultural fomentarase que se impartan nesta lingua materias troncais en toda a etapa, como as matemáticas.

II. Na educación secundaria obrigatoria garantir, que como mínimo o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. Dentro das posibilidades de cada centro, tenderase a que entre as materias que se impartan nese idioma figuren as matemáticas e a tecnoloxía.

III. Nos bacharelatos garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego.

IV. Nos ciclos formativos garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. Deberase asegurar, ademais, que o alumnado coñeza o vocabulario específico da especialidade en lingua galega.

V. Realizar en todos os centros un seguimento e avaliación anual do grao de galeguización do currículo e da súa efectividade.              

2. Aceptar o ofrecemento das universidades para realizar unha avaliación científica a competencia lingüística do alumando galego.
           

3. No ámbito da administración adoptaranse as seguintes medidas:
           

a. Establecer o galego como lingua de contacto inicial entre o funcionariado e as e os administrados nas relacións presenciais.
             

b. Cumprimento do artigo 15.2.7 da LEI 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.            

c.
Establecer que todas as axudas públicas, de calquera tipo, deberán producir un aumento efectivo da presenza do galego na entidade receptora e avaliar o cumprimento.              

d. Recuperar a proba en galego sobre capacidade lingüística esixible nos procesos de acceso á función pública e no desempeño desta función.
               

e. Programar un novo proceso de formación lingüística do funcionariado que teña como obxectivo mellorar as actitudes, a fluidez expresiva e mais o coñecemento do vocabulario técnico específico.                

4. Na xustiza adoptaranse as seguintes medidas:              

a. Impulsar a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial co fin de que sexa considerado como requisito para o exercicio de funcións xurisdicionais na Galiza o dominio oral e escrito da lingua galega, así como o coñecemento dos Dereitos Público e Civil propios da Galiza.

b. Deseñar e executar campañas de información e popularización sobre os dereitos lingüísticos das e dos cidadáns nas súas relacións coa administración de xustiza, que lembren a legalidade do uso do galego no ámbito xudicial e animen a súa utilización con normalidade.                

c. Verter ao galego as aplicacións informáticas e todos e cada un dos formularios de uso neste ámbito. Garantirase que a aplicación informática de xestión procesual para o soporte da información relativa aos procedementos xudiciais en galego, con cobertura para xulgados de primeira instancia, instrución, etc até as Audiencias Provinciais e Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.                  

d. Galeguización de toda a rotulación, sinaléctica, selos, mataselo e elementos análogos de todos os xulgados e rexistros civís radicados na Galiza antes de que finalice o presente ano.


e. Elaborar unha normativa que garanta, no ámbito da notarías, o dereito inalienábel das persoas ao uso da lingua galego en toda actuación, tanto oral como documental, sen discriminación en termos de prezo ou demora.              

5. No ámbito sanitario adoptaranse, como mínimo, as seguintes medidas:              

a. Campaña de información entre os profesionais da medicina pública e privada verbo da utilidade terapéutica de utilizar a lingua do paciente, os dereitos do usuario a que o atendan en galego e invitándoos a practicar a Oferta positiva cos seus pacientes.
               

b. Garantir que a documentación normativa, a sinalética dos centros públicos, as publicacións oficiais, así como as aplicacións informáticas provenientes da Consellería de Sanidade e do Sergas están en galego.
             

c. Organizar probas de competencia lingüística en galego, anuais e voluntarias, que, no caso de seren superadas, achegarán puntos adicionais aos baremos de contratacións, oposicións, traslados, etc.
               

d. Establecer programas coa industria farmacéutica, comezando pola establecida en Galiza, para que nunca falte a versión galega nos prospectos dos medicamentos vendidos en Galiza.


6. Nos medios de comunicación adoptaranse, como mínimo, as seguintes medidas:

a. Establecer normas para que os/as entrevistadores na Radio e Televisión de Galiza utilicen sempre o galego, a non ser en casos en que a condición do entrevistado recomende utilizar outra lingua.                

b. Elaboración na CRTVG dunha axenda de especialistas nos máis diversos temas, cunha opinión autorizada e con dominio da lingua galega, aos que poder acudir cando a actualidade informativa esixa o comentario ou a valoración do especialista.
                   

c. Incrementar os medios para a formación en galego dos traballadores das radios e televisións, tanto públicas coma privadas, esixindo nas de titularidade pública para as novas contratacións un nivel lingüístico de calidade
.

d. Dar  maior presenza ás culturas de fala portuguesa en programas da TVG, establecendo acordos cos televisións de estados de lingua portuguesa.


e. Dotar á CRTVG dunha programación moderna e de calidade dirixida ao público infantil e xuvenil.                  

f. Modificar as bases que regulan as axudas de normalización lingüística no ámbito dos medios, de forma que se garanta unha galeguización efectiva da prensa escrita en base a porcentaxes mínimas e establecer liñas de axudas reais que afortalen e consoliden os medios que veñen empregando a lingua galega.


7. Outros ámbitos sociais impulsaranse, como mínimo, as seguintes medidas:                  

a.
Desenvolver unha política activa de creación e de adaptación ao galego de programas, xogos informáticos e videoxogos, de banda deseñada, e de programas audiovisuais destinados ao público mozo.                  

b. Establecer os acordos precisos para dispoñer dunha oferta abonda e competitiva de produtos audiovisuais en vídeo e en DVD en lingua galega, dobrados e/ou subtitulados.

c. Fomentar a exhibición en condicións de igualdade do cine en galego respecto do cine en castelán promovendo a produción propia de cinema galego e en galego e a dobraxe ao galego do cine exhibido en Galiza, garantir a súa distribución.

d. Fomentar a utilización do galego nas actuacións e actividades musicais, establecendo convenios de colaboración coas asociacións profesionais pertinentes.

e. Incrementar a política de tradución ao galego das mellores obras da literatura universal, así como das obras de maior actualidade e proxección internacional dirixidas ao público xuvenil.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

[11-03-2015 00:36] Abreu comentou:

A rotunda resposta em galego: pode-se

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña