07:42 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-02-2015

Baixo o lema “polas fillas dos nosos fillos” non temos máis que dicer, elas son o futuro, nadie máis que elas poderán defendela para poder vivir en galego

O noso idioma, a nosa razón de ser

Valorar (21)

HELENA VILAS VIÑAS



“ ¿Por qué hablas gallego, si el gallego no vale para nada? “ Son as palabras dunha nena de aproximadamente 8 anos a outra da mesma idade, mentras compartían xogos no parque. É só un exemplo, como este haberá centos, lamentablemente. Estamos diante dunha situación xeneralizada entre as nosas cativas e cativos, un exemplo claro do auto-odio ao noso, mais non é necesario investigar a fondo de onde provén ese desprezo ao idioma, claro está que a un inocente neno non lle saen estas cousas por pensamento propio, nin lles vén de nacemento, todo é gracias ao que escoitan na casa dos seus maiores e ao que o señor Feijoo lle chama convivir coas dúas linguas en paz e armonía. Unha situación lamentábel, unha vez máis alimentada gracias ás políticas que está a levar a cabo o Partido Popular, e o maltrato que esta recibe sen compasión alguna dos políticos que as gobernan.

Como non imos ter presente ese auto-odio, si inclusive o presidente do estado español, sendo el galego presume de non saber, nin de nunca intentar falar o idioma do país que lle dou á vida? Que podemos esperar? É máis, como se atreven a dicernos que a culpa toda témola as nacionalistas de tentar impoñela? Ou a escusa máis repetida dos últimos anos, a cal é un comodín estupendo tirando  sempre do bipartito… e o certo que é unha escusa demasiado moderna, todos os que temos certa idade, lémbramonos perfectamente da nosa época estudiantil, dende entón nada cambiou, todo segue igual que antes do famoso bipartito;  nas aulas, as materias danse case todas, por non dicer todas en español. Imposición? Sí, a do idioma colonizador.

A veces quero pensar que falar en galego non é cousa doada, só tendes que escoitar como o fai Núñez Feijoo, parece que mesmo o faga adrede, cun desprezo tal que non hai descripción posíbel. Outros dous exemplos máis son os medios de comunicación e as institucións públicas só está presente o español, como se pode vivir en armonía na nosa lingua? é imposíbel, pois aínda así non están contentos que até lles molesta que salgamos á rúa en defensa do idioma, algo que non debería ter lugar, que non debería de existir a estas alturas da vida!

Mais  non son quen de calarnos, aínda sinto a emoción no corpo dende o pasado domingo en Compostela, a Quintana ateigada, ben parecía o día da Matria, todos berrando ben forte o tanto que a amamos e respectamos, e que por moito que se empeñen  non nos quitarán o máis valioso que ten a nosa terra, o legado máis importante que nos deixaron os nosos ancestros, a herdanza máis prezada: a lingua.

O noso xeito de vida, simplesmente o que nos fai existir, o que nos fai país.

Baixo o lema “polas fillas dos nosos fillos” non temos máis que dicer, elas son o futuro, nadie máis que elas poderán defendela para poder vivir en galego. Non é pedir, non pedimos nada, simplesmente que se nos respecte e teñamos os mesmos dereitos lingüísticos que as castelán-falantes. Que non teñamos que dar explicacións de porque nos expresamos en galego, que algún día deixen de rechiarnos os tímpanos cada vez que escoitamos cousas como Sangenjo, Ginzo, Arteijo, Vivero, etc…  que non teñamos que falar nunca máis de auto-odio, ese é o noso soño, iso, non é pedir!!

É o noso dereito, e non nolo van a quitar, por moito que se empeñen, porque o noso idioma está cargado de historia e cultura, e ben saben que de seguirmos  defendéndoa con raiba como fixemos o pasado domingo, será indestructíbel.



-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña