08:11 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-01-2015

A guerra contra o terror leva por diante a liberdade de expresión

A liberdade de expresión no tempo das redes sociais

Valorar (13)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Días despois dos atentados de París, concretamente o domingo 11 de xaneiro, cando aínda resoaban os ecos da gran manifestación que percorreu as rúas da capital gala, o informativo da televisión pública española daba conta nunha noticia da importancia da nosa “marca persoal” nas redes sociais. Segundo o informativo, as empresas revisan na rede os perfís persoais, como quen revisa as cualidades dun produto manufacturado, xa non dos seus empregados e empregadas, senón tamén das persoas que queren contratar, para ver se atopaban algo pouco axeitado nos seus taboleiros, que non encaixe na súa política de empresa.

É dicir, que o que fagamos nas redes sociais xa non entra no estritamente privado, é de dominio público, e o que se publique pode ter consecuencias laborais. Podes quedar sen traballo ou podes non conseguilo se as túas actualizacións non se axustan ao que o sistema agarda de ti. Mais tamén pode ter consecuencias penais. Así, no Estado español non é a primeira vez que o Ministerio de Interior fai redadas contra o que eles chaman “apoloxía do terrorismo”, delito no que non debe entrar a apoloxía do fascismo, que tamén hai nas redes sociais, e xa non digamos nos campos de fútbol. E sen ir tantas semanas atrás no tempo, o mércores 14, detiveron a un humorista francés por verter en Facebook un comentario que suscitou a intervención das autoridades policiais por consideralo apoloxía do terrorismo, algo que tamén tamén aconteceu en Valencia polo mesmo motivo. E todo isto acontecía cando aínda algún dirixinte político dos que participou na manifestación de París cacarexaba hipocritamente que a liberdade de expresión é un dos piares da democracia en occidente.

Mais é curioso que neste intre histórico no que as persoas contamos con múltiples e variadas ferramentas coas que expresármonos e informármonos, de feito, coñécese a esta sociedade como a da “información”, é tamén o intre no que hai máis censura, mais tamén autocensura. Sen ir máis lonxe, o día dos atentados de París, así como os días posteriores, non había máis que botar unha ollada ao “timeline” de Twitter para ver que as mensaxes eran practicamente idénticas unhas das outras, e as escasas entradas que cuestionaban minimamente o papel de Francia na invasión de Libia ou no que “eles” chaman a guerra contra o terrorismo, onde Occidente ten un papel importante no financiamento e adestramento de grupos terroristas como o Estado Islámico, eran simplemente ignoradas e non se compartían.

É evidente que a maquinaria mediática traballou arreo aquel día e os posteriores para que callara na sociedade que había uns malos aos que había que ter moi controlados, obviando calquera referencia ao papel tradicional que veñen desempeñando as potencias occidentais e os seus aliados en Oriente, e silenciando, cando non linchando mediaticamente a todo aquel ou aquela que levara unha voz contraria ou minimamente crítica cos ditados do sistema; e facíase todo isto mentres se reivindicaba urbi et orbi o dereito á liberdade de expresión como o dereito supremo das democracias occidentais.

Con todo este aparato mediático a pleno rendemento a autocensura nas redes sociais é inevitábel. Por unha banda para “coidar a nosa marca persoal” nas redes sociais, polas consecuencias laborais e penais que poidan suscitar as nosas opinións como xa expliquei anteriormente; de feito están avisándote; a noticia á que facía referencia ao principio é un exemplo; pode ser casual, pero aí está. Mais por outra banda, o narcisismo que impregna as redes sociais fai que as nosas mensaxes vaian acordes ás que son maioritarias, así é máis doado conseguir máis seguidores e amigos, que que se levas un discurso pouco acorde aos ditados do sistema. O caso é caer simpático ou simpática!

Calquera pode ter un blogue, abrir unha conta en Twitter ou en Facebook para expresarse libremente. Pero paradoxicamente cantas máis ferramentas temos ao noso alcance, canta máis información hai en toda a parte, máis difícil é comunicar unha mensaxe, sobre todo se esta non goza das bendicións do sistema.



-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña