13:22 Martes, 27 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-05-2010

Percorrer as rotas de Rosalía de Castro é a constatación do desleixo de quen deberían mostrar actividade e conciencia de noso

As tristes rotas de Rosalía

Valorar (16)

LOIS DIÉGUEZ


Mostra de desleixo absoluto das institucións respecto de Rosalía de Castro


Difícil é, en tempos de caos, asimilar mesmo con timidez a diferenza. O caos embrutece, despersonaliza, oculta a variedade, e nós, no devalo dalgún xeito imposto, seguimos a pensar que actuamos baixo o aprecio dos nosos criterios, individuais ou colectivos.

Se aquilo que máis admiramos, ou que máis defendemos, queda esquecido ou descoidado como un pardiñeiro de rexas pedras que se substitúe por un impersoal pendello de refugallos, é ben claro que non nos podemos gabar dunha mínima coherencia, nen traballar, loxicamente, pola realización  dos nosos xustos obxectivos.

No percorrido que fixemos hai uns días polas terras de Santiago e Padrón, tomando como guía os profundos e engaiolantes poemas de Rosalía de Castro, verificouse o que antes afirmaba. Todo o mundo ama a esta poeta, todos a admiran, mais moi poucos coñecen a súa obra e biografía ou seguen cunha idea folclórica sobre a mesma. Non o pasou ben en vida, precisamente porque, adiantada a esa escura etapa do XIX, tivo que enfrontar arreo críticas, persecucións e desprezos. Levantar a bandeira dos oprimidos, leva a iso. E despois de tan inxusta historia, no século XX e actualmente, estudosos e estudosas, investigadores como Francisco Rodríguez ou María Pilar García Negro, Catherine Davies ou Andrés Pociña e Aurora López, tiveron que iniciar unha dura batalla para sacar a  nosa poeta  da furna rexionalista e choromiqueira onde o oficialismo españolista e mesmo xente galeguista a querían soterrar.

Concordamos nós, quizabes, en que a figura de Rosalía de Castro foi fundamental para que os e as defensoras dunha Galiza de seu, poidamos existir hoxe. Que a súa obra marca o verdadeiro espírito dunha nación que se segue a negar. Que o maxisterio da súa obra venceu fronteiras e acadou a admiración de practicamente todas as culturas escritas. Estamos de acordo, non si?

Pois vaiamos a verificar esa práctica abrindo, poñamos, os tres libros, Cantares Gallegos, Follas Novas e En las orillas del Sar. E con eles e a compaña dun guía excepcional ao respecto como Francisco Rodríguez, comecemos a percorrer os escenarios galegos da súa vida e a profundizar nos poemas que inspiraron emocións, dores e alegrías. En Santiago de Compostela morou en varias casas, a maioría mudadas xa ou desaparecidas. Cada unha cóntanos algo do seu duro vivir. Fixemos un percorrido de fantasía. Pero nengunha placa, nengunha guía indica nada. Que itinerario fermoso se podería facer. As casas, Catedral, San Martiño, San Agostiño, San Domingos, onde repousa, Conxo (e non Conjo, como pon á entrada do Psiquiátrico)... cos seus poemas   afirmando  os históricos muros que ela contemplou.

Terras de A Maía, verdes e longas, cruzadas polo Sar adormecido. Ortoño, onde pasou os primeiros anos. Bastavales, cumio dunha historia cantada polas campás famosas, escura aínda para min, e tan, tan nostálxica. Fontes, auga, cruceiros..., a pedra florecida. Grandes paneis repiten o percorrido. Pintados polos grafiteiros. No seu día foi boa obra, e está ben sinalada para chegar deica alí. Pero nen unha explicación, nen un poema, nen un dato da súa autora. Até os contedores do lixo se mesturan cos indicadores.

Iria Flavia, baixo a mirada da casa da Matanza ou da Casa Grande de Arretén. Coa igrexa románica e gótica onde se garda o Corpo Santo sobre o que Rosalía foi exorcizada. E o cemiterio de Adina, tan cantado, fermosísimo, onde o seu corpo estivo soterrado. Deixaron no lugar da sepultura unha pedra cos versos xa borrados do seu canto. Nada máis. Nen unha indicación para saber onde se atopa. Mentres, o cabezón de Camilo J. Cela e a súa sepultura ocupan lugares ben destacados, mimados, como se o seu fin fose o de esconder a nosa autora. Non falemos xa do edificio da súa fundación no que se investiron cartos a esgalla.

Padrón ten unha placa na casa onde viviu coa nai. E unha escultura nun extremo do Espolón, á beira do Sar. Con boa intención, pero desafortunada, pobre. No outro extremo, coas bólas do macho, érguese Camilo J. Cela, imperante el e soberbio, con máis acerto escultórico, non vaia ser. E ás entradas da cidade xa se titula a vila como rosaliana e celiana. Fermosas paisaxes dos ríos Sar e Ulla, boas construcións, mais pobres resonancias da máis grande escritora que deu a nosa historia. Que itinerario se podía facer pola vila cos poemas de Rosalía dedicados a estas terras. E cos tempos en que morou aquí. Unha miga máis arriba, a propietaria e a coidadora (Cristina, unha filla de Agrelo Ermo) do pazo de Ermida intenta agasallar o visitante cos escenarios relacionados tamén co Pacto de Lestrove, os escritos e o nacemento de Ovidio e Gala. Cristina até ten que limpar as pintadas do panel público que anuncia este punto da rota. Canto non daría isto para explicar os problemas económicos non só de Rosalía e Murguía, senón da fidalguía galega que morría tamén atacada polo fisco, dos labregos e da mesma Galiza.

Houbo moito traballo para se facer coa Casa da Matanza por un grupo de xente á que lle temos que agradecer o esforzo. Necesitaría, ao meu entender, unha volta nese aspecto que lle deron como museo. Non hai vídeos sobre a escritora, nen películas, nen tan sequera cartaces, publicacións, outros enfoques. Non é máis que unha proba da despreocupación das distintas administracións, non dos que rexen a Casa. Rosalía de Castro nunca lles interesou como símbolo da Galiza loitadora e arriscada.

Praga ofrece itinerarios e documentación baseados na obra de Kafka. Os viaxeiros e viaxeiras deixan alí moitos cartos, coñecen a cidade, divírtense  e aprenden. O mesmo podemos dicir de Dublin, que enaltece aos seus numerosos escritores, Bernard Shaw, Oscar Wilde, James Joyce, Bram Stoker. Que cidade ou nación orgullosas do seu non aproveitan cartos e cultura para enaltecerse? Pero iso non pasa aquí. Xa non falo dos políticos de oficio que odian as súas orixes ou non valoran a propia diferenciación nosa; eses, esas, que afogan todo o que de riqueza e variedade ofrecen as distintas nacións, en nome -que hipocrisía- da mesma democracia.  Refírome a quen, na teoría, debería entender que Rosalía de Castro, como símbolo nacional, tiña que recibir outro trato. Por ela e tamén por unha dinamización económica que traería consigo. E pola terra que cos seus ollos nos ofrece. Mais non, na práctica, fan como os outros, e isto é decepcionante e, obviamente contraditorio cos principios que din defender.

Concellos (Santiago, Ames, Brión, Dodro, Padrón), Deputación da Coruña e Xunta de Galicia, aos que se poden unir os outros escenarios da biografía rosaliana, como Lugo e A Coruña, deben ofrecer unha alternativa común ás rotas rosalianas e todo o que ten que ver co seu mundo. Se non o fan uns, que sexan os outros, os máis sensíbeis (os tristes, en palabras de Rosalía) que agora adormecen. Poden realizarse proxectos variados e atractivos. Pero que non siga o silencio que nos mata a todos, porque temos que ser consciente de que os símbolos das nacións oprimidas son fundamentais para avanzar na historia e na liberdade, no NÓS que animou a unha xeración da que vimos tamén. E sen eles, sen estes símbolos, seguiremos a coutar esa historia que na teoría queremos mudar. Espertade, pois, das vosas cadeiras e movédevos, que para iso vos puxemos nelas. E se non, deixade o sitio para que renaza a esperanza.


[08-05-2010 02:34] Galego comentou:

Concordo plenamente co que vostede expresa dunha forma tan clara e sincera.
Só desexaba informar de que o Concello da Coruña organizou un roteiro sobre Rosalía na Coruña en marzo deste ano, e agora oferece esta posibilidade a centros de secundaria. Un saúdo a todas e todos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña