04:10 Martes, 17 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-12-2014

O declive e a corrupción económicos actuais son consustanciais a un modelo de Estado unitario e uniforme

Máis que indignación, termos decisión

Valorar (9)

ALBERTE SOUTO SOUTO



O éxito colleitado polo filme “A Esmorga” está a sacar á luz as variadas e ricas interpretacións da monumental novela de Eduardo Blanco Amor. Porén no meu caso, fiquei estacado dun xeito simplista no que evoca o propio título, unha noite de esmorga, onde van transcorrendo feitos que, nos instantes da voráxine festeira, vívense como anéctodas sucesivas, e que porén, unha vez se aproxima o seu remate, vaise abrindo camiño a dura realidade da desfeita e agroma unha resaca que non tolera refuxiarse na lembranza.

Sen repararmos nas personaxes, nos seus matices, na cidade e nos suburbios decorados no pano de fondo, o sustrato común desde relato tamén é comparábel con moitas das situacións vividas na actualidade. Nunha conversa recente, unha persoa que traballara no sector financeiro empregaba unha parábola onde a esmorga tamén desempeñaba un papel central para ilustrar a desfeita das caixas de aforro. Segundo o seu relato, o acontecido recordaba a unha longa noite de folión protagonizada por un grupo numeroso de xente, quen, para facer máis intenso o momento lúdico e desinhibirse de calquera pudor, acordan apagaren as luces, aumentaren o volume da música, hidratarense compulsiva e repetitivamente co vaso rebordante de bebidas alcólicas, consumiren a maiores outras drogas sintentizadas que potencian elementos químicos con maior poder alucinóxeno. Canto máis alimentan o festexo, máis se refuxian na súa fantasía e máis ao lonxe vai ficando a realidade. Ao tempo que todo isto acontece, nun pequeno recuncho un grupo de persoas comentan a deriva da festa, para alarmárense despois, xa que encetan a ser visíbeis os seus efectos máis negativos, que imaxinamos e non mencionamos, sen que por iso a maior parte da xente se decate pois só partillan da festa. Até que de súpeto algunha das persoas do recuncho, activa axilmente os interruptores eléctricos, acéndese as lámpadas e saen á luz as miserias nas que se transformara a esmorga. Decisión fatal, que provoca, non só o reencontro brusco coa realidade, senón a descuberta de numerosas pegadas, indicios noxentos de que estiveran festexando enriba de numerosas sentinas.

Esta alegoría remata en frustración e indignación. Non podía ser doutro xeito se enxergamos e comparamos este episodio imaxinado, non só no que atinxe ao desastre das caixas de aforro que recreaba, senón coa historia recente nunha perspectiva máis ampla. Após anos de "espertar" económico e estabilidade do sistema político no Estado español a base de liberalizacións, que dilapidaron importantes sectores de actividade económica cara oligopolios empresariais vinculados á vella casta empresarial que medrara ao abeiro da ditadura. A forza de privatizacións de sectores esenciais económicos, que arrombaron servizos públicos para seren transferidos ao sector privado para engordar a un reducido número de empresas con relacións íntimas co bipartidismo alternante no poder. A golpe de decisións politicas e económicas aprobadas desde o centralismo estatal, que completaron a transición dos vellos poderes económicos ao novo sistema político, que embora, recaeu na corrupción, na apropiación dos recursos públicos para proveito de reducidas elites que sobreviviron da ditadura á democracia monárquica e constitucional, adaptando para iso o sistema político para artellar un bipartidismo perfecto que mantivo o centralismo das decisións políticas e económicas, que mesmo se tornou máis férreo cando a crise puxo ao descuberto as súas miserias.

A alternancia bipartidista non é causa deste modelo político que agora provoca fondo rexeitamento. O bipartidismo foi introducido no guión por ser acaído nun momento determinado para manter unha España única e uniforme, do mesmo xeito que nas décadas anteriores ese rol recaera nunha ditadura, primeiro militar e logo polícial e tecnocrática. E semella que agora cando tamén se reescrebe a partitura, haberá no reparto novos actores, cada vez máis dispostos a ser interprétes axustados fielmente ao papel que avezados artistas dispostos a improvisar para que mude realmente a obra e se adapte aos gostos do expectante público. Antes da saír  a escena xa recean e recúan de intervir nas causas reais da corrupción e declive económico, acaso atallar algún síntoma e sempre que non se moleste ninguén. Non é por acaso que, no canto de propór unha restitución de dereitos laborais e sociais, apenas se esgrime que "podemos" acordar un pacto social, entre os denominados "axentes sociais", á usanza do bipartidismo, cando aínda está quente a agresión brutal ás clases populares, a traballadoras e traballadores por medio dunha reforma laboral aplaudida pola confederación empresarial.

O declive e a corrupción económicos actuais son consustanciais a un modelo de Estado unitario e uniforme, dado que só pode manterse en pé a través dunha acumulación e concentración de poder que permita gobernar desde os outeiros mesetarios do Estado, amasando a prol de reducidos círculos económicos e políticos que se ven parapetados e nunha arquitectura xurídica constitucional que lles outorga unha blindaxe para actuar con impunidade, soberbia e prepotencia que son caldo de cultivo para que agrome a corrupción, a cambio de aloumiñar ao goberno español de turno. Crear outros círculos, aínda que non incorporen a representantes poderosos, nada pode solucionar se ao final tamén acaban nutrindo un círculo máis grande en Madrid, que terminará superpóndose e dominando a todos os restantes. Repítese a xeometría, vóltase a ceder ao núcleo central o máis prezado: a capacidade de exercer libremente e decidir desde cada nación o seu futuro.

Non abonda con acender as luces, outear  os restos, sanear lixeiramente o ambiente e manter o recinto para outravolta rematar nunha esmorga frustrante e anoxante. Nada arranxa apelar a expulsar sen máis aos causantes da algarada senón se aspira a derrubar o escenario e reaundar o folión baixo un modelo diamentralmente distinto, vacinado contra a intolerancia radical do uniformismo e onde se acepte que cadaquén pode decidir como participa da festa, como entra no baile.   



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña