08:41 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-05-2010

Cales son as relacións que existen hoxe e as que deberan existir entre os povos de Galiza e Portugal?

Ó meu Portugal formoso!

Valorar (11)

XOÁN COLAZO PAZÓ


Rúa Augusta en Lisboa [Miquel Gonzalez]

Non imos falar do Portugal formoso, berço de latifundiários, onde um primeiro ministro, já manda a merda os operários. Non, malia que a voz do José Afonso é das que de verdade permancen no tempo. Fica para outra ocasión a análise da realidade e problemática que este fermoso país ten internamente. En troques esta é unha reflexión sobre a ollada que galegos e galegas conscientes deitamos sobre Portugal, un país que consideramos "meu", "noso", por máis que empiricamente non lles pertenza máis ca a eles propios, portuguesas e portugueses.

Confeso que son máis as preguntas cás respostas as que de cote me fago sobre a relación de Galiza e Portugal, e que o nivel de subxectividade é grande. Non hai grandes certidumes alén de sermos povos irmáns -poucas veces esta frase feita é tan acaída para un caso como o noso-, de que a Galiza como nación convenlle entrar na órbita portuguesa, de que o grao de interrelación é menor ao desexado, e de que non existen superestruturas que estean a canalizar os contactos e o intercambio entre os respectivos países. Logo, que hai que mudar? como camiñarmos á procura do mutuo beneficio? cal é o grao de integración a acadarmos? con que finalidade? cales os medios? De novo, preguntas.

O relacionamento de Portugal e Galiza ten moitas ambivalencias, flutúa nun nin arre nin xo, no descoñecemento, nos prexuízos en moitas ocasións. A propia existencia do Estado Español e a nosa inserción nel fai de velo que todo o cobre, funciona de elemento mistificador onde nin os propios galegos se recoñecen conscientemente coma tales, e exercen como españois cando na realidade o noso substrato achéganos moito máis ao país luso. Portugal é ese país ocultado, desprezado, "pobre", demasiado semellante a nós para que nos poidan permitir que nos identifiquemos demasiado. Así, as relacións entre Galiza e Portugal deben facerse en español e integrar o noroeste peninsular. A carón do rexurdimento desta vella terminoloxía e destes conceitos xeopolíticos resesos están as tentativas do españolismo de esluír, noutro ámbito máis, as posibilidades de desenvolver Galiza como un ámbito de actuación soberano. Só dous mínimos exemplos: co progresismo español na Xunta fomentábase un achegamento oportunista a Asturias, de resultados descoñecidos para o noso país alén de admitir o cuestionamento do nome da Ría de Ribadeo; cos populistas igualmente españois a macrorrexión do N.O. peninsular pasa por coller dirección Castilla León para ir a Portugal, non vaia ser.

O nacionalismo galego debe ser a panca que supere isto, que nos encarreire cara a unha auténtica relación preferente e específica con Portugal por vieiros menos tortos. Porén, non podemos caer na idealización. É Portugal o noso paraíso perdido? Hai algo máis por baixo dese referente en certo sentido nostálxico que moitas veces lle apoñemos? Alén de conforto para as nosas ánimas, de reserva que sempre está aí, existe algo real sobre o que apoiármonos? Logo de case nove séculos de independencia podemos ollar Portugal como algo máis ca unha simples Galiza normalizada, un país que puido realizar historicamente un "proxecto galego"?

A nivel económico nos últimos anos o grao de intercambio entre os nosos respectivos países medrou considerabelmente, dentro do contexto de integración na C.E.E. e Unión Europea. Na década de 2000 as nosas exportacións case se duplicaron e as nosas importacións de Portugal case se multiplicaron por 3, só decrecendo un pouco o seu volume en 2009 debido á crise económica. Se facemos a comparanza dos territorios fronteirizos do Estado Español comprobamos que Galiza é con diferenza a "comunidade" que en maior medida comercia con Portugal, tanto en valores absolutos como no incremento relativo dende os anos 90. Somos o primeiro destino dos produtos, servizos e capitais portugueses, e os seus terceiros exportadores dentro do Estado; e sempre contando que o tamaño da nosa economía é comparativamente menor ca outras. E estes intercambios comerciais son máis intensos en relación coa rexión norte de Portugal, que grosso modo concentra a metade do volume total. Amais das vantaxes competitivas que decantan ás empresas a efectuar intercambios económicos, como os custos salariais ou a localización de centros de produción e comercialización, existen outros factores que axudan a que a relación sexa máis doada, como a proximidade cultural ou o aumento do tamaño dun mercado semellante ao doméstico, aínda que isto se enfronte dun xeito máis intuitivo ca consciente e estrutural. Amais, non se teñen aproveitado abondo as complementariedades económicas e todas as outras potencialidades que a proximidade xeográfica, cultural e histórica pode achegar.

Noutras esferas, a relación Galiza-Portugal está pexada polas mesmas limitacións dunha concepción nin decidida nin estratéxica. O 18% dos inmigrantes na nosa terra son portugueses, constituíndo con diferenza o principal colectivo estranxeiro. Porén, son un grupo cunha grande invisibilidade, por non falar dos traballadores que todos os días ou semanalmente cruzan a fronteira para traballar na construción en Galiza, e que nin sequera recollen as estatísticas. Lonxe de ser isto unha proba de integración e convivencia o que reflicte é un novo desencontro entre ambos países.

E en canto ao aparello institucional pouco se pode dicir que vaia por mellor camiño. Nin o goberno do Estado Español nin o Portugués fomentan que Galiza xogue papel determinante ningún nin exista un verdadeiro achegamento pola nosa banda, todo o contrario. Tampouco os gobernos da Xunta anteriores nin por suposto o actual fixeron ren por dinamizar as relacións entre os nosos países. Fica nun segundo chanzo o labor de entidades como o Eixo Atlántico, a Eurorrexión ou as iniciativas comunitarias ao abeiro do INTERREG, cun traballo puntual, limitado e desigual, fallo tamén de vontade política estratéxica e que considere a Galiza como suxeito de pleno dereito para falar con Portugal sen precisarmos de tradución simultánea. Só proxectos xurdidos do ámbito asociativo, póñase por caso o do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, amosan a potencialidade e a fondura das propostas comúns e sacan as cores ás institucións públicas e aos lobbys empresariais, presos doutros intereses.

Entón, cal é o enfoque de base sobre o que considerarmos o intercambio entre as respectivas nacións? Que debe mudar? Cales os instrumentos que se poden crear? É posíbel facer máis? Non se pode agardar a que Galiza sexa un país normalizado, isto é, soberano. Sabemos que fóra do nacionalismo galego non é posíbel pensar noutra vía que troque o estado das cousas. E dentro das nosas posibilidades e responsabilidades o fundamental é traballar para que haxa unha confluencia de intereses e unha estratexia conxunta identificando posíbeis aliados -parceiros na terminoloxía dos proxectos europeus-, crear estruturas e apoiar aquelas iniciativas en todos os terreos que vaian en prol do obxectivo de intensificar ao máximo as relacións igualitarias entre Portugal e Galiza. Por moito que exista unha absoluta continuidade e sen perda do intercambio preferente co norte portugués, a visión non debe restrinxirse a este espazo da Gallaecia sen funcionalidade política agora mesmo, senón que o verdadeiro calado das nosas relacións prodúcese co ámbito de todo Portugal. E como o nacionalismo aspira e traballa para unhas relacións en pé de igualdade entre os povos, tamén isto debe inspirarnos ao respeitarmos ao máximo as decisións que Portugal poida tomar, pretendendo iso si que considere a Galiza como un parceiro preferente e diferenciado de España.

Podemos dende o nacionalismo aspirar a intensificar e formalizar as relacións galego-portuguesas? É posíbel dar verdadeiros pasos adiante para reintegrármonos e normalizármonos dentro do ámbito cultural galego-portugués? Podemos facer que a sociedade galega olle Portugal como unha oportunidade e unha necesidade, e viceversa? É preciso que o esbozo de Castelao ao remate do Libro IV do Sempre en Galiza se faga realidade e Portugal sexa o contrapeso que precisamos para defendérmonos do imperialismo español?

Alén da inacción institucional autonómica, das relacións partidarias que mantemos con organizacións políticas portuguesas e do labor das propias entidades que traballan a nivel local e sectorial, é posíbel e desexábel construírmos unha ferramenta que dea pulo e cobertura a un salto cualitativo nas relacións dos dous países cunha orientación liberadora e transformadora?

Camaradas là do Norte
Venham ao Sul passear
           ...

Remata así o cantar que dá título a este artigo. Tirado un pouco fóra de contexto, pero podemos darnos por aludidos e interpretar o convite para algo máis ca pasear: para redescubrirmos Portugal e procurarmos unha nova e proveitosa ollada.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña