02:59 Xoves, 22 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-11-2014

Se isto era así xa percibido hai case 130 anos, non renunciemos a todo ese patrimonio lexical

De novo sobre a fala das persoas de idade: aproveitamento lexical e rexistros coloquiais

Valorar (24)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Non é a primeira ocasión en que desde esta plataforma dixital son postas en valor as variedades lingüísticas da xente idosa. As persoas que acumulan moitas primaveras ofrécennos con relativa frecuencia a posibilidade de (re)aprendermos vocabulario actualmente preterido e mesmo construcións morfosintácticas e fraseoloxías que dan conta dunha interesante autenticidade idiomática, sobre todo en rexistros coloquiais e populares. Por unha serie de motivos de diversa índole en que adquiren protagonismo especulativo varias disciplinas da reflexión científica (gramática, pragmática, sociolingüística, neurolingüística, xerontoloxía etc.), o certo é que os homes e mulleres de idade avanzada ilustran en ocasións fenómenos gramaticais que teñen chamado a nosa atención por seren expoñentes de usos de tempos pasados, como se o cérebro voltase a outras épocas, en que tales prácticas parecían coñecer unha utilización normal. Referíndonos en particular ao léxico, tamén puidemos verificar que nin sempre ese vocabulario fica recollido regularmente na literatura especializada de referencia, isto é, dicionarios e glosarios, ou, mesmo estando lematizado en tales obras, non posúe certos significados particulares detectados na xente idosa en contextos coloquiais. Sen ánimo ningún de exhaustividade, nas liñas que seguen imos comentar varios deses elementos lexicais, algúns deles exclusivos de certas zonas do país.

Comecemos polo que se emprega na maior parte da nación a respecto de verbos que indican que algo mudou de cor e que se puxo branco ou que case se pon: en tales contextos, o máis frecuente é o uso de formas como branquear ou branquexar. Porén, é certo que tamén existen os verbos abrancazar ou abranquexar, se callar menos habituais, que figuran recollidos nalgúns dicionarios modernos e que coñecen un relativo uso na contorna de Cedeira, cando menos o primeiro deles. E se algo se tornar máis branco poderase dicir nalgunhas partes do país, como en Arteixo, que virou máis branco, concidindo así coa variedade brasileira da nosa lingua; virar, en tales usos, faise equivalente a verbos como converterse ou transformarse (Virou un lobo), pórse (O leite virou amarelo) etc.

Falarmos das variedades da nosa lingua lévanos a comentar outra solución lexical. A forma estándar preferida polas actuais normas vigorantes é presentar, moito embora algúns dos dicionarios clásicos da lingua galega tivesen incluído tamén o verbo apresentar, como é o caso do dado a lume pola Real Academia Galega entre os anos 1913-1928. Precisamente, apresentar, detectábel aínda nalgunhas falas, tamén continuaba na oralidade de Sobrado dos Monxes até non hai moito tempo, tal e como o puidemos ouvir cando unha señora, nunha atmosfera que lembraba as narracións de Fole, nos relatou que a un veciño dun lugar próximo apresentóuselle o lobo durante a noite. Sen dúbida, ese encontro co cánido bravo debeu de producir nese home unha certa sensación de desasosego e medo, ou as dúas combinadas; con certeza, pois, ese señor ficaría espretuado ou esprituado, segundo se di hoxe en día na comarca da Coruña, participio dun verbo que recolle unha grande parte da esfera semántica de ‘alertar’, ‘asustar’, ‘desacougar’, ‘intranquilizar’, ‘sorprender’ etc.

Seguramente, os contos de inverno tráennos á memoria temperaturas xélidas e montes nevados, o cal volta a nos lembrar a narrativa de Fole. A respecto da neve, escoitamos nalgunha ocasión na Fonsagrada o verbo nevarar a persoas de idade, que se emprega, conforme puidemos deducir, cando caen varias nevadas ou nevaradas cun pequeño lapso de tempo entre cada unha. E nun monte ou nun camiño nevado, algo lonxe de lugares habitados, bater co lobo ou dar co lobo por parte dunha persoa costuma ter como consecuencia que esta poida gañar medo, expresión popular que dá conta da mudanza anímica da muller ou home que experimentar tales vivencias e que ocorre a carón doutras máis comúns do tipo coller medo ou ter medo.

Ouvir os lobos no lonxe debe ter sido a causa de que máis de unha persoa ficase, como se comentou máis arriba, espretuada. Por iso, hai que salientar tamén que nalgunhas zonas do país os lobos non se ouven, mais séntense, como acontece en certas partes da rexión de Bergantiños, en que o verbo sentir se apropia dos valores de escoitar e de ouvir, os cales case chega a substituír (Sentín o novo disco de Milladoiro con moita atención / Sentín o barullo da rúa desde o meu cuarto). Sen deixarmos aínda os míticos lobos, tórnase bastante probábel que aquela xente que tivo un encontro con eles chegase á casa cun alto nivel de excitación, cunha profunda sensación de intranquilidade, ou mesmo que botase algún tempo sen ser capaz de razoar: en tales circunstancias diríase que esa persoa está estalabordada ou con algún tipo de demencia pasaxeira. Tamén se di que un individuo é un estalabordado cando sofre ataques de xenio repentinos, cando, tamén como se di no galego popular, é un arroutado.

Imos deixar por aquí tales singularidades lexicais, algunhas hoxe en perigo de seren definitivamente esquecidas polas xeracións máis novas, até por aquelas que aínda continúan a se expresar normalmente en galego. Interesa ponderarmos, a modo de síntese, que a valorización dese léxico pode servirnos para aprofundarmos nos nosos propios recursos expresivos. Aínda que advoguemos por unha imperiosa normalización do idioma que precisamente torne ‘normais’ tanto o seu uso en todos os contextos como os seus trazos idiosincráticos e que camiñe ao mesmo tempo cara a unha necesaria confluencia coas variedades lusitana e brasileira da nosa lingua, coidamos que se non debe renunciar a ese importante legado lexical capaz de ampliar as capacidades de expresión, cando menos en determinados contextos. Non se trata de identificarmos praxe e reivindicación lingüísticas con arqueoloxismos fáceis, vernizados con óleos de folclorismo ruralizante: trátase, polo contrario, de repararmos no enorme potencial de que dispón o galego en rexistros populares, tan beliscados polo español, e de o sabermos aproveitar e utilizar nas variedades coloquiais, perigosamente interferidas por esa lingua.

Así pois, contra a opinión de que o galego só parece ser rendíbel en contextos desenfadados acudindo ao español como recurso expresivo e até como medio para provocar o efémero riso fácil, o idioma posúe un notabilísimo léxico para dar conta desas situacións determinadas pola coloquialidade e polo ton popular. Xa no século XIX era ben consciente disto Pérez Ballesteros, o cal, nas notas en rodapé que acompañan as máis de 2.600 estrofes compiladas no seu cancioneiro (uns textos –repárese– totalmente coloquiais e populares, quer polo contexto en que se xeran e se reproducen, quer pola proveniencia estrática das persoas que axiron como transmisoras), subliñou tanto os usos tradicionais estilístico-expresivos desa modalidade de galego canto as erosións do español nas cuadras anónimas.

Se isto era así xa percibido hai case 130 anos, non renunciemos a todo ese patrimonio lexical. Escoitemos con atención a xente idosa a que faciamos referencia no inicio deste texto e saibamos apreciar a súa validade como usuaria dun modelo lingüístico que, xustamente nos rexistros coloquiais, e debidamente destonados do foráneo, dá mostras dunha autenticidade digna de nota.



[25-11-2014 19:10] --- comentou:

Parece un bó artigo, pero non entendo a ansia do autor por desenterrar palabras, que xa ninguén usa. O galego, evoluciona coma todalas línguas, e é normal que reciba influencias das mais próximas, como o castelán. Tamén este recibeu influencias do galego.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña