12:36 Luns, 30 de Novembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-11-2014

O que descubrimos neste libro é un Lugo descoñecido, real e máxico, monumental e humano, íntimo, alonxado do que nos ofrecen esas frías guías

O Lugo de Lois Diéguez

Valorar (25)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Somos lectores de Lois Diéguez desde os anos setenta, case desde a nosa adolescencia. Descubrímolo como narrador na súa primeira novela (A Torre de Babel, que tanto nos gustou) e desde aquela non deixamos de ler todo canto el escribiu, desde os seus primeiros poemas até o seu último libro. No seu día celebramos tamén con gran gozo o seu regreso á literatura tras uns anos de intensísimo traballo político a prol do país como Secretario-Portavoz da AN-PG e como deputado do Bloque-PSG na primeira lexislatura do Parlamento galego, con Bautista Álvarez e Claudio López Garrido.  Lembro perfectamente que foi xantando un día con Manuel María na Tita, en Compostela, como fomos sabedores de que o Lois, despois dun longo silencio como creador, ía publicar un novo libro de poemas. O ferro dos días significou, certamente, o seu retorno definitivo á escrita, e moi axiña a súa obra narrativa sería recoñecida co premio Eduardo Blanco Amor. Coñecemos ben, así mesmo, o seu compromiso coa nación desde moi mozo e a coraxe coa que enfrontou a cruel represión que seguiu ao asasinato de Moncho Reboiras. Por todas esas razóns, polo conxunto da súa obra literaria e pola súa militancia activa durante tantos anos e en circunstancias moi duras, Lois Diéguez é para nós non só un dos autores máis sólidos da prosa galega contemporánea, senón tamén un referente dun tempo, dunha loita e dunha historia que outros ocultan intencionadamente. Só por iso -e aínda que non houbera unha vella relación de amizade polo medio- temos e teremos sempre un grande aprecio por Lois Diéguez, porque moitas e moitos de nós non ignoramos que se o nacionalismo galego foi capaz de reorganizarse en plena ditadura e de construír unha alternativa política para a nosa nación foi precisamente pola entrega e a lucidez de homes e mulleres como Lois Diéguez, polo esforzo e a ilusión dunhas poucas ducias de galegas e galegos que tiveron moi claro cal era o seu país e a orixe dos principais problemas de Galiza, algo que lamentabelmente segue a ser hoxe un exercicio intelectual moi pouco practicado na sociedade galega, máis pendente dos programas da Sexta que de redescubrir e coñecer en profundidade a historia, a cultura e os problemas do seu propio país.                

En Lugo pasou Lois Diéguez boa parte da súa vida e non é estraño que a cidade amurallada esteña moi presente en moitas páxinas da súa obra. Por exemplo en A canción do vagamundo ou en Henriqueta na galería. Mais un autor que publicou hai xa algúns anos un libro tan delicioso como Viaxe ás terras encantadas de Lemos tiña necesariamente que entregarnos unha guía de Lugo, a súa cidade e unha das nosas cidades máis ricas en historia, en arquitectura e en arte, e tiña que ser, ademais, unha guía escrita dunha forma diferente, como quen conta un conto, como quen escribe un relato, buscando o corazón da cidade, a oralidade do texto e a participación dos lectores e das lectoras, descubríndonos con emoción os tesouros ocultos, guiándonos a través da memoria histórica, da xeografía humana e dunha vivencia íntima, algo que fai deste libro unha guía única entre todas as guías de Lugo que hoxe pode haber nas librerías. Lugo. A cidade dos tesouros encantados é o título deste último traballo de Lois Diéguez, e xa desde a portada a lectora ou o lector ten que dialogar co autor. Da súa man percorremos a muralla, iniciando o paseo na Porta de Santiago, atravesamos a cidade desde a Porta Nova até o Parque Rosalía de Castro, entramos na catedral e achegámonos a Santalla por un treito do Camiño Primitivo de Santiago. Un itinerario cheo de sorpresas, de xoias agochadas, de historias descoñecidas, de referencias históricas e literarias, de nomes propios de lugueses e luguesas que habitaron ou habitan a cidade, de personaxes reais e imaxinados. Neste percorrido acompáñanos a choiva, a néboa, o sol, a lúa e o ar, o bispo Francisco Izquierdo, Manuel Soto Freire, Rosalía de Castro, Luís Pimentel, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Manuel María, Uxío Novoneyra, a nai de Branca, a irmá Carme, dona Maruxa Negro, a Sabela, a señora Remedios, a señora Clotilde, o músico Xoán Montes, o escultor Felipe de Castro, Cornelis de Holanda, Francisco de Moure, Xesús Corredoira, Manuel Gómez Román, Francisco Asorei… e polo camiño atopámonos tamén con personaxes populares como o Pepiño ou a Manuela da vara ou con personaxes da literatura que saen ao noso encontro das páxinas dos libros: Ramón Lamote, don Claudio, o Melle de Loboso… O que descubrimos neste libro é un Lugo descoñecido, real e máxico, monumental e humano, íntimo, alonxado do que nos ofrecen esas frías guías cheas de datos e sen un só fío de vida. Memoria viva dunda cidade e memoria de nós. É o Lugo de Lois Diéguez, que agora desexa compartir con todos e todas nós cun certo misterio propio dun secreto longamente gardado.            

Co libro de Lois entre as mans, Medos e eu achegámonos unha fermosa mañá de outono á cidade amurallada, desexosos de redescubrila, de ollala doutro xeito, de contemplala a través da palabra do escritor. E abofé que o conseguimos. O momento cume tivémolo no interior da catedral, redescubrindo a Capela Maior, as pinturas da bóveda, a capela da Virxe dos Ollos Grandes, os retablos de Cornelis de Holanda, o coro ou a capela do Pilar. Talvez o que máis nos impactou foi a capela de San Domingos dos Reis e a capela de San Froilán. Creo que nunca antes nos percatáramos da beleza destas dúas capelas. A luz, a soidade e a fermosura da capela de San Froilán pareceunos o mellor lugar do mundo para o exercicio espiritual, para o reencontro con nós mesmos. Tivemos algo así como a síndrome de Stendhal. E estabamos en Lugo, non en Florencia.

Este libro de Lois Diéguez é tamén de Xulio Gil, autor das magníficas fotografías que recolle o volume. Unhas veces busca o detalle do tesouro, non sempre doado de observar na foto, e outras a imaxe panorámica ou a vida da cidade. Hai fotos espléndidas, fermosísimas, que non nos cansamos de ver unha e outra vez, como a das pinturas da bóveda, a vista da cidade desde as cubertas da catedral, a Porta do Bispo Aguirre, o Círculo das Artes no espello da auga da Praza Maior, o campanario da igrexa do Carme ou a rúa de San Marcos. E que dicir da edición! Coidada, exquisita, un pracer para os ollos e para o tacto. É obvio que o bo facer de Xosé Fernández Puga e de Xan Carballa está detrás deste novo libro de Engailoarte Edicións, un selo editorial que vén para facer historia, para quedarse, para devolvernos a emoción e o gozo da lectura en papel.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña