09:29 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-11-2014

Estados Unidos ten importantes intereses en Venezuela. O principal, a seguranza de contar cun goberno monicreque que non poña en dúbida o fornecemento permanente de petróleo aos EUA

Estado español: diplomacia «en negro»

Valorar (9)

XURXO MARTIZ CRESPO


Lilian Tintori e o presidente de Goberno español Mariano Rajoy

Entre estas dúas fotos existe un abismo. Teñen como protagonistas á oposición de extrema dereita venezuelana, representada por María Corina Machado (recibida por Bush na Casa Branca) e a Lilian Tintori, recibida («en negro») por Mariano Rajoy na sede do Partido Popular.

Que un opositor venezuelano sexa recibido polo presidente dos Estados Unidos ten repercusións económicas, diplomáticas e políticas en Venezuela e nos Estados Unidos (EUA), mentres que o mesmo recibimento feito «en negro» polo presidente de Goberno español non ten ningunha, a non ser a impostura que representa querer xogar a ser algo que non se é.

Estados Unidos ten importantes intereses en Venezuela. O principal, a seguranza de contar cun goberno monicreque que non poña en dúbida o fornecemento permanente de petróleo aos EUA.

A revolución bolivariana en ningún momento deixou de fornecer hidrocarburos a EUA, entre outras moitas razóns pola dificultade de atopar novos mercados e pola comodidade de ter o principal consumidor do mundo á volta da casa, pero esta relación comercial é de «socios» e non de superiores cara a inferiores, cousa que molesta e incomoda enormemente a EUA, que non sabe ben que esperar a futuro dos gobernos revolucionarios venezuelanos.

Malia ter o fornecemento asegurado, Estados Unidos apoia abertamente a oposición de extrema dereita venezuelana con medios económicos, materiais e militares.

Mentres para o goberno socialista de Zapatero ser recibido polo Goberno dos Estados Unidos  representaba un «acontecimiento histórico para el planeta», Rajoy tivo que esperar máis de dous anos para ser recibido e levar como agasallo do presidente Obama unha caixiña de chocolates M&M’s.

As prioridades, os intereses de EUA, son claros.  Cando reciben unha líder opositora venezuelana, financiada e apoiada por eles, sen ter que esperar anos e sen que isto represente para os venezuelanos ningún acontecemento histórico,  deixan claro que entre as súas prioridades está Venezuela e o seu petróleo e non os distintos gobernos españois e as súas ladaíñas económicas.

María Corina Machado e o presidente estadounidense George W. Bush.

O Estado español leva anos, desde o período de Aznar, facendo a mesma política que os Estados Unidos en Venezuela pero sen diñeiro, sen ningún interese e sen ningún xeito. Abraiados, os españois observan como o xefe (EUA) manipula e defende os seus intereses e reciben na Casa Branca a calquera opositor venezuelano[i] mentres eles agardan a súa quenda para seren recibidos. Non podían ser menos e decidiron xogar a que tiñan intereses en Venezuela.

Os hidrocarburos venezuelanos non son de interese económico para o Estado español. Cos anteriores gobernos prerrevolucionarios o Estado español mantivo as mesmas distantes relacións que co goberno revolucionario bolivariano. O comercio bilateral sempre foi inexistente e Venezuela decidiu facer o seu maior investimento económico no Estado español durante o goberno de Chávez coa compra de equipamentos militares, barcos e avións, compra esta última abortada pola negativa estadounidense a fornecer equipamentos de alta tecnoloxía nos avións.

Por iso, a xuntanza entre Mariano Rajoy  e Lilian Tintori non deixa máis ca unha foto sen ningún tipo de consecuencia nin para a oposición nin para o goberno venezuelano. Deixa clara unha  profunda ignorancia e un desinterese histórico por Venezuela malia ter España máis de 100.000 cidadáns no país caribeño e a incapacidade histórica de ser un referente, nin positivo nin negativo, en Venezuela en particular e en Latinoamérica en xeral.  

[i]
María Corina Machado cando foi recibida na Casa Branca, en 2005, era só a presidenta dunha ONG, Súmate fundada por ela tres anos antes.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña