14:38 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-11-2014

Este movemento é respectable, mais non podemos confundilo co ecoloxismo que defende a protección do medio ambiente no seu conxunto, nin moito menos coa ecoloxía

Discurso ambiental e neomalthusianismo

Valorar (11)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



A percepción da problemática ambiental depende da análise e dos achegamentos teóricos e ideolóxicos ao discurso, polo que non é posible falar dun discurso ambiental en abstracto. Imos ver algún aspecto do animalismo, ou a defensa a ultranza dos dereitos dos animais, respecto do discurso ambiental.

A preocupación polos animais criados e abandonados pola sociedade humana dignifica á humanidade, mais nada disto ten que ver coa conservación da natureza, elemento base do discurso ambiental. Existen moitos exemplos no gume da navalla, como os animais secuestrados do seu medio para cautividade, nos que se dá unha evidente limitación da liberdade animal ao restrinxir o seu espazo vital, ou o caso de animais irrecuperables como é exemplo do mantemento en cautividade, de por vida, dun golfiño salvaxe varado coa cauda seccionada. Estes casos, na beira de..., ábrese o debate sobre a conservación ambiental dos ecosistemas versus dignidade animal.

Indo máis alá, imos ver cal é o discurso teórico e ideolóxico do movemento pola defensa dos dereitos dos animais, ou animalismo. É un produto netamente urbano, impulsado desde ámbitos filosóficos e xurídicos, xerado na humanización das relacións entre as persoas humanas e as súas mascotas, e estendido ao conflito máis xeral entre o ser humano e o resto das especies, moitas veces sen consciencia de que os animais salvaxes non son mascotas e de que no seo da natureza carecen de dereitos e deberes individuais.

Existe ademais unha tendencia que é a do animalismo extremista, que pon os dereitos de animais, como o visón destinado á industria peleteira (unha especie foránea), por diante dos da conservación dos ecosistemas, neste caso da dos ríos galegos. Estes casos, que poden ser cualificados de social-patolóxicos, son extremdadamente graves e atentan contra o propio discurso ambiental.

Este movemento é respectable, mais non podemos confundilo co ecoloxismo que defende a protección do medio ambiente no seu conxunto, nin moito menos coa ecoloxía, ciencia que estuda a interrelación dos seres vivos coa súa contorna.

Máis alá do animalismo, @s galeg@s somos quen de ver no touro de La Vega ou nas corridas un acto cruel, pois non comprendemos o obxectivo. Na nosa terra a matanza de animais domésticos mantidos en cautividade ten o obxectivo directo de alimentación e sustento, ou como moito tiro de carro e arado. Tampouco estamos libres de prácticas crueis de manexo, como a cría de capóns, estabulación deficiente, etc, nada que non se poida corrixir con información, investimento e dedicación suficiente, mais iso non vai mudar o obxectivo da cría para alimentación.

Sen dúbida compre incidir na oposición aos actos de crueldade e morte animal sen sentido para eliminar esas prácticas do noso territorio. Mais, como este sentimento é gradual, a este primeiro paso virán outros como o da oposición a que un animal leve unha corda, un colar ou que se lle poña diante o televexo cun programa lixo. A eses debates posiblemente nós non chegaremos.

Animalismo e ecoloxismo son cousas con orixes, fins e traxectoria diferentes, que se mesturaron nunha etiqueta "verde" ocupando un aparente espazo ideolóxico común, refundado en ideogramas políticos de partidos sectoriais verde/animalistas. Mais, tratar de fundir ecoloxismo e animalismo desvirtúa o que debería ser un discurso ambiental transversal, converténdoo nunha confusa bandeira buenista e vegana, empapada de pseudociencia, convertendo feitos irrefutables, dende o punto de vista científico, en opinables, e así pasa co sufrimento animal, o cambio climático, a conservación das especies ou a capacidade destrutiva dos lumes. Denunciar que os arroaces desaparecerán se non eliminamos o ritmo de destrución dos ecosistemas mariños non é opinable nin subxectivo; mais demonizar e enviar ao ostracismo @s ex-traballador@s das factorías baleeiras, porque o seu traballo nos resulta antipático si o é.

Chegamos así ao máis aló do animalismo extremista, cuns principios baseados nunha reacción visceral de odio fronte a relación do ser humano coa natureza, e nunha constante acusación homicida a todas actitudes precedentes, mesmo desexando a extinción da especie á que pertencemos antes que permitir o sufrimento, aínda que sexa subxectivo ou aparente, dun só animal, por moi invertebrado que sexa.

Ata tal punto que mesmo hai quen defende a Extinción Voluntaria da Humanidade, a través dunha entidade que propugna eliminar a reprodución para evitar o aumento de poboación, que tenderá á extinción paulatina da especie humana, baixo o lema "sobra xente no planeta", cun discurso ambiental neomaltusiano. Hai tempo que o reverendo Thomas Robert Malthus no seu ensaio sobre a poboación, publicada no ano 1798, reflexionaba sobre o aumento da poboación e a dispoñibilidade de alimento, concluíndo tamén que sobraba xente.

Ah!, mais o problema é que normalmente o neomalthusianismo está dirixido contra os países “subdesenvolvidos” en proceso de industrialización, é dicir, con desexos de acceder ás vantaxes do primeiro mundo e ao estado de benestar. Esta é a fronteira que establece esta análise ideolóxica subxectiva. Se o primeiro mundo ten unha pegada ambiental insostible, consume máis do que dispón, cal é a receita?, permitir que toda a humanidade asuma o seu papel destrutor ou rebaixar o papel destrutor dos que o producen?. Así o neomaltusianismo volve ao discurso da defensa da sobrevivencia dos máis fortes, caendo nas redes máis espesas do fascismo.

Marx, naquela altura, contestou a Malthus, a súa crítica foi no sentido de que non era demasiado orixinal, xa que as súas ideas só defendían os intereses dos terratenentes e non se preocupaba o más mínimo polo benestar das masas. A pobreza e a miseria xeralizadas, dixo, non se debían a ningunha lei natural externa senón a unha organización da sociedade mal concibida, ao capital. Eis a análise sobre a problemática ambiental defendida por Malthus, dende un plantexamento teórico e ideolóxico diferente e oposto.

Así, volvendo ao principio, o animalismo di non entrar a valorar o modelo de produción, pois, sexa cal sexa, ameaza igualmente a súa defensa dos dereitos dos animais. Mais vemos como, se afondamos no seu discurso, unha parte do mesmo recae nos principios do neomalthusianismo, unha defensa máis do capitalismo que a cada pouco reinvéntase para dar argumentos ideolóxicos á súa pervivencia. Este discurso é o contrario do discurso ambiental que defende un mundo holisticamente máis xusto (para as persoas humanas, animais e o resto do planeta), nun proceso dialéctico (posición, oposición e combinación) inverso.



[19-11-2014 13:36] JOÁM LUÍS FERREIRO comentou:

Muito bem, chamando ás cousas polo seu nome. As etiquetas verde ou ecologista parece que valem para todo, mas nom é assim.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña