12:22 Martes, 27 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-05-2010

A celebración dos Maios en Ourense ten unha dobre expresión artística: consiste na elaboración dun maio figurado e na confección das coplas

De coplas e maios

Valorar (8)

ISABEL PÉREZ GONZÁLEZ


"Ahí ven o maio de frores cuberto..." cantaba polo 1880 o insigne poeta de Celanova Manuel Curros Enríquez. Hai dous anos na celebración do centenario do seu pasamento a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña organizou múltiples actos na súa lembranza que culminaron cunha ofrenda floral no  Cemiterio de San Amaro da cidade herculina, onde repousan os restos do poeta  finado en La Habana o 7 de marzo de 1908.  Tamén o Concello de Ourense na súa homenaxe encetou a exposición Os Maios na memoria, que xa vai pola súa terceira edición. No poema de Curros quedaba ben patente o que el quería para súa terra

cantádeme un maio
sin bruxas nin demos:
un maio sin segas,
usuras nin preitos.
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.


Nos albores de cada mes de maio en Ourense e noutros lugares da xeografía galega, incluído O Bierzo, festexamos a chegada da primavera con flores e cantos. A  Festa dos Maios aínda mantén hoxe vivo o pasado rural da nosa cultura e tradicións. A súa orixe pérdese na noite dos tempos  mais como a maioría dos pobos da área cultural europea celebramos desde épocas remotas a fin do inverno e o comezo da primavera, o agromar das árbores e o renacer da natureza.

A celebración dos Maios en Ourense ten unha dobre expresión artística: por un lado consiste na elaboración dun maio figurado, estrutura cuberta con elementos naturais, e por outro na confección das coplas, composición poética sinxela de estrofas de catro versos, escrita para ser cantada.

Na capital das Burgas existen dous tipos de Maios: os tradicionais e os artísticos, ambos os Maios figurados, isto é, construcións exentas, confeccionadas sobre madeira, recubertas de musgo e adornadas con xestas, uces, carqueixas, carrabouxos e flores. Os tradicionais ou enxebres adoitan forma piramidal  que nos remonta aos tempos prehistóricos para enlazar cos cultos agrarios da fecundidade. Mais noutros lugares aínda perviven os Maios humanos, ou viventes, segundo terminoloxía empregada por Vicente Risco, normalmente unha nena ou neno baixo un manto de flores e follas; en Vilafranca do Bierzo mantense a tradición do Maio-mozo.

Neste maio de 2010 en Ourense, ademais dos Maios confeccionados por asociacións e colectivos ourensáns, participaron activamente un grupo de Maios-mozos chegados do Bierzo xunto cos Maios da Asociación Campañó de Pontevedra, como mostra das distintas expresións desta tradición secular. Os Maios pontevedreses tamén son figurativos, mais diferéncianse dos ourensáns na forma e nos materiais: forma cónica e emprego do fiúncho, margaridas e laranxas como ornamento, e ás veces complementados cunha coroa de grandes dimensións e artisticamente decorada.

Mais vaiamos ás coplas. Non hai maio sen coplas. A copla emana do maio e é o maio quen canta, por iso pode cantar o que queira, sen medo a ser censurado. Grazas as coplas podemos facer un  repaso aos acontecementos máis salientábeis da actualidade e ás preocupacións cotiás. Constitúen un documento imprescindíbel se queremos esculcar a vox populi, o que está na boca da cidadanía. Nos Maios deste ano en Ourense escritas e cantadas  moitas coplas dedicadas ao galego. Velaí van algunhas mostras:
 
Parece que en Galicia
quérennos liar
falando tres linguas
para nos modernizar.
O novo goberno
pretende liarnos
co novo decreto
está a cabrearnos.

Alumnos e alumnas do IES Otero Pedrayo

 
Este ano o Maio
fálache galego
aínda que o Feijoo
quixo dar o pego.
Quixo dar o pego
impondo un decreto
que obriga a falar
galego en secreto.
....................
Na lingua de España
nunca fales Maio,
se non queren galego
¡que os parta un raio!

Plataforma Queremos Galego

E díxolles o Maio
xa un pouco canso:
Fagan o favor,
isto é un espanto!
Ao señor conselleiro
farémoslle un agoiro
o Día das Letras
volvamos ao Obradoiro
Levántate Maio!
Levántate Galiza!
Hai que ir a Santiago
con orgullo e ledicia.

A Mesa Ourense.

Pois iso por mandato cidadán, érguete Maio! Vai a Compostela e canta ben alto para defenderte e para defender a túa lingua.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña