11:30 Xoves, 29 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-11-2014

Afortunadamente non toda a mocidade ten reparo en falar a súa lingua materna

"Coitadiños, ¡que pouca cultura!"

Valorar (14)

ADOLFO DE ABEL VILELA



O concello de Becerreá (Lugo), e os limítrofes de Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreriro, deron colectivos importantes de emigrantes a Cataluña. Resultábame rechamante que no verán, especialmente no mes de agosto, as estradas e as localidades enchíanse de coches con matrícula de Barcelona, ata taxis, de maneira que un tiña a impresión de que en lugar de conducir polas estradas dos Ancares andaba polas dos Pirineos cataláns.

Estas persoas que veñen pasar as vacacións nas súas aldeas de orixe, e nas que moitos viven xa a súa xubilación, veñen á Becerreá, capitalidade do partido xudicial, á feira, que se celebra os días 3 e 19 de cada mes, e a facer as compras. Por iso é frecuente atoparse con elas nos comercios, nas boticas, nos bancos, nos bares e na rúa. Sempre me chamou a atención que aos tendeiros lles falasen nun castelán raro, cunha fonética catalanogalega.

Preguntándome porque non lles falarían en galego, por exemplo á panadeira ou ao carniceiro, cheguei á conclusión de que era para diferenciarse, para demostrar que viñan dunha gran cidade, onde aprenderon a falar castelán, e tamén catalán, seguramente convencidos de que así se civilizaran, como si antes non o estivesen, e que esa segunda lingua a falaban mellor que os de alí. Con todo tamén constatei que os fillos e os netos, a segunda e a terceira xeración de galegos nada en Cataluña, cun mellor nivel de formación, saben e adoitan falar galego, seguramente porque tamén falan en catalán, e en castelán, e están libres de prexuizos.

Vivamos como galegos


No mes de setembro cando xa marcharon os galegos de nación, como dicía Miguel de Cervantes, e os cataláns de adopción, Becerreá volve perder brío, esmorece. Estando no supermecado GADIS facendo a compra, a caixeira anunciou pola megafonía a oferta do día imitando, se conseguilo, a unha locutora dun grande almacén madrileño, e, ¿en que idioma o fixo?, pois claro... en castelán. Nese momento non había máis de seis persoas no establecemento, todos autóctonos. Cando cheguei á caixa para pagar pregunteille porque dixera o anuncia en castelán en lugar de facelo en galego, e respondeume moi seria, nun castelán con acento cervantino [non me refiro á lingua do escritor Cervantes, senón ao concello do mesmo nome de onde parece que é natural a traballadora], que era "porque alo mejor había alguna persona que no  entendía el gallego", ao que lle repliquei con sorna que o comprendía porque aquilo estaba cheo de andaluces.

A caixeira retrucoume que "alo mejor yo no nací aquí", ao que lle contestei que pola fonética xa se lle notaba que non era autóctona, e para non seguir a polémica engadiu que "era mejor que solo hubiese un idioma", ao que eu lle dixen que estaba de acordo en que so houbese unha lingua,  universal, pero como non era así, cada un tiña que falar, conservar e defender a súa.

Eu dubido de que a empresa obrigue á rapaza a facer os anuncios en castelán, mais ben penso que o fai por iniciativa propia.

En calquera caso, non deixa de ser unha contradición para a empresa GADISA, que nunha zona na que a maioría fala habitualmente en galego, que fixo unha campaña publicitaria magnífica, e polo mesmo premiada, feita en galego, que exaltaba os valores da nosa terra, da nosa peculiar forma de ser, o orgullo de ser galegos, e que nos dicía berrando "Vivamos como galegos", se esqueza da recomendación, e renuncie a utilizar o elemento que máis nos identifica, que é a lingua.

Lingua de pobres e de poetas


Miguel Anxo Murado, no seu libro Otra idea de Galicia, no capítulo titulado "Lingua de pobres e de poetas", ao dicir de Álvaro Cunqueiro, axuda a comprender este fenómeno, e danos algunhas claves para entender ese proceder absurdo, que hoxe, malia ter todos unha formación básica, non ten xustificación que se siga pensando que o galego é lingua exclusiva de pobres e de xente sen formación, inculta, analfabeta, que non sabe falar castelán, o que só se pode atribuír, eu non digo a un auto odio, porque me parece moi forte, pero si á ignorancia.

O pasado día 4 de outubro, a Radio Galega dedicou o programa "Coñecer Galicia" de 12 a 13 horas, ás festas de San Froilán que comezaban nese momento co pregón a cargo do xornalista lucense afincado en Madrid, Pedro Revaldería.

Chamáronme para que falase do libro "A orixe das feiras, das exposicións e dos concursos", do que son autor, que se ía a presentar o día 8. Pero antes tocoulle falar a un rapaz que era da empresa pirotécnica encargada das sesións de fogos artificiais, establecida en Outeiro de Rei (Lugo). A entrevistadora, Isabel Freire, facíalle as preguntas en galego e el contestáballe invariablemente en castelán. Cando terminou, e despois de que saíse o rapaz do estudio improvisado, mirei á entrevistadora e díxenlle: "¡Vaia por Deus! Como se nota que o fogueteiro é andaluz".

Pero afortunadamente non toda a mocidade ten reparo en falar a súa lingua materna. Noelia Gómez Calo, e tres amigos, Martín Piñeiro, Ana Rei e Carlos Rey, fixeron un vídeo que colgaron na rede titulado Ghaleghos, no que se mostran orgullosos de falar o galego que escoitaron desde que naceron, con gheada e seseo, reivindicando seguilo falando, defendendo así as distintas variantes do idioma, pois como dixo Anxel Fole "A lingua é a que se fala". "Coitadiños, ¡que pouca cultura!", di unha das rapazas que participa no vídeo, dos que se rin da súa forma de falar. E iso mesmo se lle podía aplicar aos dous protagonistas de antes a aos que veñen a continuación: "Coitadiños, ¡que pouca cultura!".

Cousas do país onde a xente é riquiña

A miña curmá e afillada María del Carmen, que naceu, se criou e vive nunha aldea,  e que moi seria se declara defensora do galego, lingua que fala desde que naceu, que recoñece ser nacionalista [española], discúteme  con vehemencia que no ensino so se debe impartir en galego o galego, entón dígolle que o mesmo cariño que lle ten ao galego llo aplique ao castelán, e que no ensino so se dea en castelán a materia de Lingua e Literatura Española. Seu pai, e dicir o meu tío, nado no mesmo lugar, que vai cumprir 90 anos, que sempre viviu na mesma aldea, agás os dous anos da mili que a fixo en Pontevedra, e que sempre falou galego, vai máis aló, e opina, como a caixeira do supermercado, que so debía existir un idioma, xa se imaxinan cal, efectivamente..., o castelán. E todo isto dinllo sen pestanexar a un que estivo no primeiro Parlamento de Galicia, que participou na elaboración e aprobación da Lei de Normalización Lingüística, que foi director xeral de Política Lingüística e que lles explica, sen que o queiran comprender, porque hai que protexer o galego. "Coitadiños, ¡que pouca cultura!".

Tamén soubemos no mes pasado que houbo pais de colexios de Vigo que protestaron por unha campaña de Galicia Bilingüe, eses que entenden o país como monolingües exclusivos en castelán, que os hai, ou monolingües exclusivos en galego, que non existen, porque todos os galegofalantes somos cando menos bilingües. Esa asociación que preside a falaz nacionalista [española] Gloria Lago, que fai o que denuncia que fan outros, é dicir, utilizar a lingua como arma ideolóxica, emprendeu unha nova cruzada para liberar aos nenos do terrible dano que lles causa aprender galego, e fano como aquela bruxa dos contos, que para gañar a confianza dos nenos dáballes caramelos envelenados.

O que ofrecen é un videoxogo que entre outros obxectivos, ten o de "denunciar las falacias, el adoctrinamiento y los pseudo argumentos que el entorno nacionalista [galego] suele usar para rechazar la libertad de lengua".  ¡Toma castaña! Os exemplos que puxen antes, do fogueteiro de Outeiro de Rei e dos rapaces de Rianxo, demostra que aquí hai liberdade de lingua e que cada un fala o que lle peta e como quere. Non podía ser doutro xeito no país "onde a xente é riquiña", segundo o anuncio mencionado antes.

E para poñerlle broche de ouro ao artigo, fágome eco do plante dos catro grupos da oposición no Parlamento de Galicia (PSdeG, AGE, BNG e Mixto), ao acto conmemorativo do décimo aniversario do Plan Xeral de Normalización Lingüística, que cualificaron de farsa polo incumprimento, ao que asistiron representantes da Xunta, da Real Academia Galega, do PP e de varias asociacións de empresarios. Para min o que máis me chamou a atención da noticia é o que din que dixo Xesús Alonso Montero, presidente da RAG, non por ser o presidente desta institución, senón por ser o autor do polémico e apocalíptico Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973), no que fixaba a data de defunción do galego. Agora, corenta anos despois, din que dixo que hai grandes avances na normalización, aínda que insuficientes. Non sei se o dixo porque, como di o anuncio de GADIS, os galegos "somos optimistas por natureza", ou se  é unha apreciación de cortesía feita desde un salón con moqueta.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña