06:35 Venres, 01 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-05-2010

A batalla que hoxe libra a sociedade grega mañá librarase nas rúas de Lisboa, Roma, Vigo ou Santiago

Os especuladores contra a sociedade

Valorar (18)

CLODOMIRO MONTEIRO MARTÍNEZ


Revoltas en Grecia


O Plan de axuda a Grecia por 110.000 millóns de euros cun xuro aproximado do 5%. contrasta coas inxeccións de liquidez do Banco Central Europeo (BCE) á banca europea por 540.000 millóns de euros (a xaneiro 2010) cun xuro do 1%. Só os bancos e caixas do Estado Español recibiron 88.600 (xaneiro 2010). Europa rescata a banca sen condicións pero precisa do FMI para axudar a un Estado membro, impoñendo ademais condicións mais duras no financeiro e reaxustes e recortes sociais repetindo casos anteriores.

No anos oitenta os países de África, América Latina e Asia viviron unha crise da débeda externa provocada polos mercados financeiros internacionais, aquela crise da débeda externa foi unha estratexia a longo prazo que permitiu ao FMI e ao Banco Mundial implantar o modelo económico ultraliberal. Agora Grecia está no ollo do furacán coa esixencia de recortes nos salarios do sector público e privado, das pagas extras, do valor das horas extras, con recortes nas pensións e co alongamento da vida laboral, ou con subas dos impostos indirectos.

Fai vinte anos o FMI aproveitando a crise da débeda externa, impuxo medidas que a longo prazo buscaban cambios profundos na sociedade e no estados, tratábase de desmontar o Estado do Benestar e o seu papel na economía como axente con participación fundamental nas cuestións económicas. O Estado debía adelgazar, a economía e as relacións sociais e entre pobos debían estar regulada polas forzas do mercado. No canto dunha economía ao servizo das persoas, o ser humano e a súa organización social ao servizo da economía.

En América Latina e África sucedéronse recortes sociais, privatizacións e desregulacións das condicións de traballo, implantando as máis das veces estas medidas ao amparo de gobernos ditatoriais e/ou corruptos pregados aos intereses das multinacionais e das élites económicas mundiais.

As raíces do renacemento da esquerda en América Latina xorden daquel proceso que estendeu as desigualdades sociais e incrementou os índices de pobreza nese continente. Pero a desaparición dos nacentes sistemas de proteción social nalgúns países árabes permitiu que moitos servizos básicos (saúde ou ensino) quedasen en mans das redes asistenciais islámicas, o que favoreceu o medre do fundamentalismo e o integrismo.

Volvendo a Europa actual, os países membros do euro perderon a posibilidade de utilizar as políticas monetarias en tempos de crise e o déficit público debe ser financiado polos mercados, deixando todo o poder en mans dos especuladores financeiros que actúan sen ningún tipo de limitación. Provocaron a crise económica e agora cos ataques á débeda de Grecia, o elo débil de Europa, tratan de axilizar a implantación dun modelo neoliberal pregando os últimos redutos de resistencia social.

Os países que os anglosaxóns denominan PIIGS (porcos), Portugal, Italia, Irlanda, Grecia e o Estado Español están no ollo do furacán e xa o di o refrán "a cada porco chégalle o seu San Martiño", a batalla que hoxe libra a sociedade grega mañá librarase nas rúas de Lisboa, Roma, Vigo ou Santiago.

Ou a esquerda europea é capaz de rearmarse ideoloxicamente liderando o proceso de contestación social como en América Latina, cunha alternativa económica e social fronte ao neoliberalismo, ou a crise e os recortes serán esterco para o populismo e a extrema dereita como sucedeu no mundo árabe. Estamos ante un momento histórico que definirá o futuro da nosa sociedade, onde o nacionalismo galego político e sindical ten moito que dicir e moito que facer, esta é a nosa.


1 2 seguinte

[13-05-2010 23:20] O demo de bichocuntín comentou:

Noraboa MONTERO. Boa reflexión e moi bon reforzo gráfico.
Agardo que non sexa o último.

[11-05-2010 11:57] en loita comentou:

Parabéns polo artigo.
Moitas veces se nos ten explicado como se implanta o sistema, pero desde os anos 90 (coa caída do pano) xa non se di aquelo de que o Wellfare State serve para mellorar a nosa vida e evitar que cheguen outros modelos. O autor dio claramente, e ademáis poñendo os dous casos paradigmáticos (estados enriquecidos vs estados empobrecidos) que mellor explican a reacción ante o implantamento do neoliberalismo. De feito o auxe da ultradereita na europa rica (Italia, Suiza, Austria...) ven a ratificar a túa tese.
É traballo noso, do nacionalismo e da esquerda, facer que a loita contra o imperialismo teña un caracter liberador e superador do sistema polo lado máis humano, porque o sistema, o PP e o opus xa pulan desde fai tempo por un "yihadismo católico" que da moito moito mediño.

[09-05-2010 16:02] EDUARDO GARCIA SANTIAGO comentou:

NORABOA POLO ARTIGO COMO MARUSIA QUE A CRISE A PAGUE O CAPITAL,E UN GALEGO COA CAMISOLA DO NUNCA MAIS

[08-05-2010 22:48] Tomen nota comentou:

O último parágrafo resume moi ben as conclusións que son de necesaria aplicación. Que tomen nota as organizacións nacionalistas que se din de esquerda e marxistas. É desesperante porque ante algo ben sabido se levan anos sen reaxir. Ollen ao Bloco de Esquerda de Portugal, por favor.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña