04:27 Mércores, 01 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-10-2014

Os animais teñen dereitos, dereitos básicos, tan básicos como o de non recibir maltrato por parte do que se supón que é o ser “evolucionado”

España y sus complementos

Valorar (20)

HELENA VILAS VIÑAS



Machos montados a cabalo, armados con longas e puntiagudas lanzas, perseguen a súa presa; acurrálano, crávanlle cruelmente os pinchos en calquera parte do seu corpo; esgotado, derrotado, aterrado e desorientado, cae no chan polvento, aínda vivo, humillado, os seus inimigos aproveitan para arrancarlle os testículos e o rabo coa axuda dun puñal.  Agonizando até o derradeiro suspiro de vida, desexa de que chegue rápido a morte, sen saber o por que, só quere que remate xa ese tormento, esa tortura horrible e vil.

O certo é que podería estar relatándovos como se cazaba no Medievo peninsular, chamada “Caza Maior” , onde principalmente se perseguían osos , xabarís, cervos, etc…  a o cal a finalidade da práctica era pretender rematar os dañinos ataques que estes causaban ás colleitas ou ó gando. Tamén para alimentarse, vestirse ou como adestramento e preparación física para levar a cabo os seus compromisos guerreiros…

En fin, que non, non é na Idade Media, senón que se trata da “Idade Moderna”, supostamente no século actual. Toda esta sanguenta historia, transcorre todos os anos no mes de Setembro en honra a unha Virxe, seica;  nun poboado de Castellanopitecus chamado Tordesillas. Maltratan e acribillan co fin de que sufra até a morte un indefenso e inocente touro, simplemente por diversión e porque según estes intelectuais que ocupan o poboado chámanlle tradición milenaria… que incriblemente foi declarado como interés turístico rexional por a Junta de Castilla y León en 1999. Unha vez máis, volve a soar na miña cabeza a pandereta como instrumento nacional!!

E que fai a nosa gran salvadora UE? Absolutamente nada. Pon como escusa que se trata dunha “tradición cultural” e que é competencia dos Estados Membros.  Alarmante resulta, que a maioría dos partidos políticos defendan , se laven as mans e incluso se poñan dacordo  para este tipo de festexos, sen cuestionar o máis mínimo o seu fin.

Máis preocupante son esas 35000 “persoas”  que normalmente acoden a este espectáculo sanguento. Onde tamén nos atopamos con nenos en idade de aprender, en idade de crecemento, (grandes ensinanzas para os cativos!), no que non lles basta con observar o linchamento , cómplices xunto cos salvaxes nativos,  que si non tamén  se dedican a insultar e apedrar ao grito de ecoterroristas, abortistas ás defensoras dos animais e antitaurinas. Un espectáculo dantesco, tanta xente ao mesmo grito, quédame máis que claro que o Estado español nunca puido desprenderse do seu pasado inquisitorial…

Ó mundo parécelle unha barbaridade, pero non podemos facer nada, a algúns políticos tamén lles parece unha bestialidade, pero tampouco reaccionan…  entón, quen pode? Non é iso, de que si só hai  unha minoría a favor, o máis normal sería prohibilo? Non se fan as cousas así nunha democracia de verdade?

Os animais  teñen dereitos, dereitos básicos, tan básicos como o de non recibir maltrato por parte do que se supón que é o ser “evolucionado”…

Isto non é festa, nin arte, nin cultura, nin nada, isto é un escarnio e unha brutal tortura que avergoña a calquera país civilizado que se aprecie de selo.  Gañáns, necios, zafios, populacho inculto, animais depredadores en forma de “persoas”,  e logo aínda me pregunta moita xente por que non quero compartir nacionalidade nin respirar o mesmo aire que respiran estes bárbaros? Non! Claro que non quero, non quero pertencer a unha España arcaica e anacrónica. Non me presta, nin me da a gana.

Por desgraza  temos que convivir con estas costumes tan típicas do Estado español, facéndonos partícipes, como si dunha pandemia do ébola se tratara impoñéndonos obrigatoriamente a formar parte da súa festa. 

Erradicalo fulminantemente do noso territorio, nada teñen que ver coa nosa cultura, coa nosa forma de vida, posto que nós, por natureza temos unha convivencia obrigatoria e unha débeda cos animais no noso país, que tanto nos deron, que tanto nos aportan.

De pensalo, sinto ese doloroso estado de angustia, de ansiedade, frustración e impotencia, de ver o que pouco podo facer  para acabar con estas malditas “tradicións” baseadas no sufrimento, simplemente para o goce e divertimento duns cantos sádicos famentos de sangue.  Dende que andaba en tacatá farteime de escoitar iso de: “si no existieran estas fiestas, la raza de toro de lidia desaparecería”.

Efectivamente , con argumentos tan aplastantes coma este, deberíamos probar nós, deixar de tourear imbéciles, a ver si é certo iso da extinción…



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña