13:44 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-09-2014

É a historia dos traballadores, non das coroas dos imperios

Mariñeiros atlánticos

Valorar (12)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



A finais de agosto tiven a posibilidade de visitar a Angra do Heroísmo na illa Terceira dos Açores. Alí, entre moitas cousas, descubrín que o Museo da vila está situado no convento de São Francisco, e nalgures da súa igrexa xace o corpo do mariño João Vaz Côrte-Real, un pioneiro nas augas atlánticas do século XV, alá cando os imperios incipientes inducían os valentes a desafiar as ondas do mar maior na procura de novas terras cara ao oeste.

Os mariñeiros galegos e portugueses, e mesmo os arrantxales vascos, deberían profesar grande devoción por este navegante, ao igual que por San Telmo ou a Virxe do Carme, xa que o descubrimento de Terra Nova deulle aos nosos pobos una grande posibilidade de desenvolvemento por mor da explotación dos seus inmensos recursos mariños: bacallaus e baleas. Non hai que esquecer que para nós a illa dos bacallaus ficou pola popa do arrastreiro "Estay" alá por 1995, como quen di, o outro día.

Os Côrte-Real


O primeiro membro desta familia foi Vasco Annes da Costa, que alá por finais do século XIV destacou na defensa do reino contra os ataques de Castilla. Por eses méritos, e outros, el-rei D. Duarte concedeulle o honor de usar o apelido de Côrte-Real, e posteriormente nomeouno Alcaide Maior de Tavira e Silves, Fronteiro Maior do Algarve. Neste ámbito xeográfico nace João Vaz Côrte-Real no seo dunha familia de guerreiros valorosos e protexidos da monarquía. Don João elixiu o camiño do mar e das descubertas, tan de moda naquela altura.

No século XVI as crónicas falan do cabaleiro João como que nunca deu “batalla no mar, nin na terra, que non vencese, e tan afortunado, que sempre tomou aos castellanos as maiores presas que neste reino de Portugal se tomaran”. A coroa enviou a este navegante ás descubertas oceánicas con grande secreto, para evitar a cobiza doutros reinos. Posiblemente a través de expedicións luso-danesas para a a localización de caladoiros de bacallau e do paso para a China, dado que ambas as coroas estaban emparentadas naquela altura e existía grande interese nas exploracións do Océano Ártico. Tras chegar ás terras americanas entre os anos 1471-73, acompañado de Álvaro Homem, o secretismo e a ausencia de probas non permitiron divulgar suficientemente a súa descuberta e non foi considerada oficialmente como a chegada a un novo continente.

Ambos os navegantes estaban afincados xa na illa Terceira e, a pesar de non haber documentación que relacione o descubrimento e a concesión de privilexios, a coroa portuguesa dividiu a illa, en 1474, en dúas capitanías, concedéndollas en doazón polos gastos e servizos prestados, aos capitáns navegantes João Vaz Côrte Real e Álvaro Martins Homem. Quizais foi unha estratexia política procurando o establecemento de portos base para o salto ao coñecido continente americano.

A illa dos bacallaus


Côrte-Real tivo seis fillos, tres deles homes e navegantes audaces: Gaspar, Miguel e Vasco Annes, que continuaron o espírito aventureiro do seu pai. O máis novo, Gaspar, fixo a súa primeira viaxe en 1500 á illa de Terra Nova, en 1501 partiu de novo nunha segunda expedición ao continente americano mais nunca regresou. Ao non ter novas do seu irmán, Miguel partiu en 1502 na súa procura mais tampouco foi visto nunca máis. Vasco quixo ir en busca dos seus irmáns, mais o rei non llo autorizou, deixándoo na illa como capitán-donatario, en sucesión do seu pai.

Curiosamente o mariño Giovanni Caboto tampouco dispuxo de documento probatorio das súas descubertas. Foi enviado pola coroa británica, que principiaba tamén coas súas navegacións particulares, a buscar o paso do oeste. A xesta da navegación dende Bristol a terras americanas, no ano 1497, foi utilizada como argumento reivindicativo para expulsar de Terra Nova os pescadores vizcaínos (todos os pobos do norte Peninsular) e portugueses no século XVIII, expulsión ratificada mediante o tratado de Utrecht. Curiosamente da súa segunda viaxe no 1499 Caboto tampouco regresou.

Testemuña dos Côrte-Real nas costas americanas


O paso do tempo deu cunhas inscricións nunha pedra atribuída aos Côrte-Real. É a denominada Pedra de Dighton, no esteiro do río Taunton, Berkley, Massachusetts. Os gravados eran xa coñecidos a finais do século XVII e constan de cruces, de estilo portugués, e dunhas letras que poden dicir: “MIGUEL CORTE-REAL pela vontade de Deus chefe dos indios 1511”, a interpretación da mesma é aínda controvertida. Hoxe en día a pedra, que estaba na auga a expensas da erosión, está custodiada nun parque deseñado para tal fin.

A pesca en Terra Nova


Independentemente da polémica cuestión da descuberta, a constatación dos prezados recursos nas augas da illa americana provocou a inmediata presenza dos pescadores atlánticos, que na altura cobizaban o bacallau e foran expulsados dos caladoiros das augas do norte de Europa. Nestes anos, de principios do século XVI, abriríase a ruta denominada portuguesa que, saíndo da costa peninsular, recalaba na illa Terceira dos Açores. Os barcos galegos antes de internarse no océano ao longo desa ruta, dirixíanse cara ao sur, ata Aveiro ou Lisboa, para abastecerse de sal.

Na primeira década do século dátase a chegada de pescadores portugueses e franceses ás illas, a primeira viaxe galega data de 1517, procedente de Pontevedra. Os vascos chegarían a partir de 1527 mais non sería ata mediados de século cando comezaron a explotar só as baleas. A ruta vasca, en cambio, evitaba pasar polas illas Açores.

Deberiamos destacar na nosa propia historia marítima a descuberta de Terra Nova, sobre todo o traballo desenvolvido polos pescadores de bacallau, pois, a pesar de ser un feito crucial para o desenvolvemento económico da época, foi un asunto ignorado polas coroas española e portuguesa. Non tiñan ambición na illa xa que o seu tesouro estaba no mar, non había ouro nin pedras preciosas que espoliar e por iso interesaba tan pouco o asentamento continuado, a instalación administrativa ou tan sequera a defensa dos pescadores cando a coroa británica comezou a expulsalos daqueles caladoiros. É a historia dos traballadores, non das coroas dos imperios.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña