11:23 Xoves, 29 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-05-2010

A Fronte Polisaria, coa intifada saharaui de fondo, entre a continuidade da negociación e o retorno ás armas

O Sáhara na encrucillada

Valorar (8)

NÉSTOR REGO CANDAMIL


Mulleres nun pobo saharahui


Fronte á constatación da incapacidade da ONU para resolver as obstrucións de Marrocos e para cumprir a súa promesa dun referendo libre e xusto, crece entre os saharauis a convicción de que só vai restar como saída  o retorno á guerra. Neste contexto, a dirección da Fronte Polisaria atópase nunha difícil encrucillada. O propio presidente saharaui, Mohamed Abdelaziz expresábao con claridade: "Se rompemos o cesar-fogo o mundo non o vai entender, se non o rompemos, seguimos esperando". E son xa 35 anos de espera.

O pasado 30 de abril a ONU certificou máis unha vez a súa real incapacidade para resolver os máis agudos conflitos internacionais, cando menos se esa resolución non é do interese dos Estados Unidos. Ou o que é o mesmo,  a incapacidade para defender o dereito dos pobos á súa autodeterminación e para facer valer as súas propias resolucións nese sentido. O Consello de Seguranza acordou renovar o mandato da Misión para o Sáhara Occidental, logo de case 20 anos sen conseguir a celebración do Referendo de autodeterminación, adiado unha e outra vez polas manobras dilatorias de Marrocos, que entre tanto asenta o seu dominio do Sáhara e avanza cara á aplicación unilateral dun estatuto de autonomía.

Todos os esforzos saharauis nos días previos resultaron vans para modificar unha  decisión que xa se perfilaba no informe que presentara o Secretario Xeral da ONU, Ban Ki-Moon, acusado de parcialidade pola Frente Polisario por pretender a continuidade da MINURSO só para o mantemento do cesar-fogo. Para os saharauis, isto equivale a que a ONU aceptou as pretensións de Marrocos de que un referendo xa non é posíbel e só cabe unha 'xenerosa' autonomía baixo soberanía marroquina.  Inaceptábel para os saharauis resulta tamén a posición de Ban Ki-moon, de  dar carta de natureza, mesmo contra os informes do seu enviado persoal Christopher Ross, á afirmación de Marrocos de que a Polisario formula a necesidade de velar polo respecto dos dereitos humanos só como unha táctica política. E así mesmo, a inexistencia de calquera referencia ao continuado  espolio marroquino dos recursos naturais do Sáhara Occidental.

A decisión das Nacións Unidas, que non recolle ningunha das demandas da Polisario, conduce aos saharauis á constatación expresa de que a ONU non ten nin a capacidade nin a forza para facer fronte ás obstrucións de Marrocos e organizar un referendo libre e xusto. Mohamed Abdelaziz pregunta, dirixíndose a Ban Ki-moon: "En ausencia de calquera esforzo serio por parte das Nacións Unidas para cumprir a súa promesa de celebrar un referéndum, como vou explicar ao pobo saharaui o valor de continuar co noso compromiso e de boa fe co proceso político liderado pola ONU?"

Poderosos intereses xeopolíticos e económicos sustentan a posición de Marrocos, que tivo sempre -e segue a ter- nos Estados Unidos e Francia os principais apoios. E tamén, por acción ou por omisión, no Estado Español. De facto, para alén da responsabilidade histórica de permitir a ocupación do Sáhara a seguir dos Acordos de Madrid (1975), veu sendo fundamental fornecedor de armamento para o exército marroquino e un dos países que en maior medida participa do espolio dos recursos saharauis.

Nese contexto, as recentes declaracións da vicepresidenta do Goberno español nas Nacións Unidas, nas que avogaba polo recoñecemento do dereito de autodeterminación para o Sáhara Occidental, sen tirarlles nada da utilidade que poidan ter para a causa saharaui, non van acompañadas de feitos no mesmo sentido e é evidente que están pensadas fundamentalmente para consumo interno, como así o entendeu tamén Marrocos.

A contrastada incapacidade da ONU está a exasperar á Frente Polisario e a desesperar á poboación saharaui até o extremo de considerar a volta ás armas. O presidente da RASD, deixou claro que na medida en que a ONU se vaia afastando do obxectivo final, o referendo de autodeterminación,  aproxímanse con máis celeridade as outras opcións, as dos enfrontamentos militares. Declaracións semellantes escoitámolas nos últimos tempos en boca de representantes da Fronte Polisaria, e poderían ser consideradas dentro dunha estratexia de presión á ONU e a Marrocos para avanzar nas negociacións.

Porén, o presidente Abdelaziz non oculta a posición difícil na que se atopan e confesa con sinceridade que a dirección saharaui ten cada vez máis dificultades para convencer á súa xente, especialmente á xuventude, de que é preciso seguir tendo paciencia. De facto, este foi asunto central de debate no último congreso da Fronte Polisaria, celebrado en Tifariti, no territorio liberado. Da discusión resultou unha tendencia maioritaria a romper co  proceso de negociación, e só no último momento dun duro debate se lle deu á dirección da Polisario algunha marxe para prolongar o diálogo mediado pela ONU.

Así as cousas, a intifada no territorio ocupado está a converterse na mellor baza dos saharauis para que a súa causa non sexa esquecida. Polo momento conseguiu cortar de raíz o plano de asimilación deseñado por Marrocos, volvendo incómoda a situación dos colonos marroquinos e mesmo logrando frear a presenza de empresas estranxeiras dispostas a participar da rapina. A resposta de Marrocos foi intensificar a represión e a violencia contra a poboación.

Precisamente por iso, resulta escandalosa a decisión do Consello de Seguranza de renunciar a incluír a protección dos dereitos humanos entre as competencias da MINURSO, precisamente nun momento no que se agravan as violacións dos mesmos no territorio ocupado. Organizacións de apoio á causa saharaui contabilizan mais de 500 desaparecidos nos cárceres marroquinos desde o comezo da intifada en maio de 2005. Marrocos, pola súa parte só recoñece a existencia de 50 presos políticos, e non facilita ningunha información sobre o resto.

Claro que esta grave situación non alcanza o eco mediático  internacional do que outros asuntos que integran as campañas do Estado Unidos, xenerosa e profusamente difundidos pola mediática afín, que é case toda. A existencia de máis de 30 presos políticos saharauis en folga de fame nos cárceres de Marrocos non merece nin a décima parte da atención que a prensa do sistema, incluída a que se dirixe á progresía española, dedica por exemplo aos opositores cubanos. Como acertadamente o expresaba  o columnista  Mustafá M-Lamin Ahmed, en referencia a Alí Salem Tamek, líder saharaui en grave situación de saúde tras unha prolongada folga de fame, "ten a desgraza de chamarse Tamek, non Fariñas nin Zapata; a desgraza de non nacer cubano, senón saharaui".

Malia a todo, está a ser  precisamente a situación dos dereitos humanos a que máis ten contribuído nos últimos tempos para colocar de novo o conflito saharaui na axenda internacional. A persistencia da loita dos patriotas saharauis no territorio ocupado levou a Marrocos a ver debilitada a súa posición no conflito e ter que facer cesións. E non só no caso máis coñecido, o de Aminatou Haidar. En días pasados as autoridades marroquinas víronse na obriga de chegar a un acordo con 6 presos saharauis que levaban 41 días en folga de fame tras ser detidos por visitaren os campamentos de Tinduf, e agárdase a súa próxima liberación. Deles, da combativa poboación do interior, depende agora en boa medida o avance e o éxito da causa saharaui.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña