07:00 Venres, 01 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-05-2010

Hai un duplo negocio:as eléctricas cobran agora e os bancos asegúranse, co aval do Estado, uns moi importantes fondos cunha rendabilidade asegurada

Os beneficios das eléctricas

Valorar (12)

FERNANDO BRANCO PARGA



Recentemente un alto directivo dunha empresa eléctrica solicitaba que as tarifas eléctricas se incrementasen un 20%, unha proposta que, nun tempo de crise, foi mal recibida pola sociedade. A realidade é que estas empresas, en colaboración con diferentes gobernos do Estado, foron xerando no tempo conceptos retributivos, opacos para a sociedade pero moi lucrativos para as empresas, que nalgúns casos  supoñen un recargo na tarifa e noutros foron ingresos directos do Estado.

O primeiro deles foi a denominada Moratoria Nuclear, que supuxo pagarlles a paralización da construción de 5 centrais hai uns vintecinco anos; e xerou un recargo na tarifa como custes permanentes do sistema, que está previsto se remate de pagar no ano 2015. Precisamente, en base a este precedente, a empresa Nuclenor reclama agora ao Goberno do Estado, pola vía xurídica, unha indemnización de case 1.000 Millóns polo peche de Garoña.

Posteriormente, a finais dos anos 90, obtiveron os Custes de Transición á Competencia (CTC's), polos que recibiron do Estado sobre 1 billón das antigas pesetas. A desculpa era que ante a aprobación dunha nova Lei Eléctrica (Lei 54/97), o sector tería que empezar a competir, cando ata ese momento estaba totalmente regulado polo Estado. Trece anos despois, as eléctricas xa cobraron e a competencia está máis no papel que na realidade.

Máis recentemente crearon outro concepto novo polo que cobrar: o Déficit Tarifario. A argumentación é que as tarifas non cobren os custes de produción; e por iso na tarifa, tamén como custes permanentes do sistema, recárgase unha porcentaxe sobre consumos pasados.

No entanto, a existencia deste Déficit é unha verdade só a medias. A realidade é que as diversas tecnoloxías de produción eléctrica teñen custes de produción moi diferenciados, porén todas as do Réxime Ordinario (as renovábeis retribúense por outro sistema) perciben os mesmos ingresos, o de custe da tecnoloxía máis cara que, en cada franxa horaria, é necesaria para atender á demanda. É dicir, a tecnoloxía máis cara dálle prezo sempre ao resto de tecnoloxías empregadas.

Dado o mix de produción enerxética, na maior parte das horas do día é necesario que funcione algunha central das que usan combustíbeis fósiles. Estes, como é ben sabido, experimentaron un importante incremento nos seus prezos de orixe; por este motivo, outras tecnoloxías, como é singularmente o caso da hidráulica, con instalacións altamente amortizadas e usando un recurso público, están a recibir un sobre-ingreso cada vez que sobe o petróleo. Fica claro que os seus avultados ingresos non teñen ningunha relación real co seu baixo custe de produción e, por tal motivo, son coñecidos no sector como beneficios caídos do ceo (windfall profits).

Este sistema de regulación eléctrica vén funcionando desde o ano 1998. Daquela o petróleo estaba a 10$ o barril, chegou aos 140$ e hoxe está no entorno dos 85$. Por iso, o Goberno debería actuar no sistema regulatorio, limitar estes escandalosos beneficios extras e non cargar todo o custe do déficit tarifario nas rendas das traballadoras e traballadores e dos sectores produtivos.

Mais nestes momentos de crise, onde diferentes Gobernos (como o galego) están reducindo o gasto público e privatizando servizos básicos, sorprende que o mesmo día que se aproba o Real Decreto de medidas para o impulso da recuperación económica e do emprego - o pasado 9 de abril - tamén se aprobe un aval do Estado de 10.000 Millóns de Euros para que as eléctricas poidan vender o déficit acumulado aos bancos, e así adiantar o seu cobro que, polo sistema actual, levaríalles quince anos. En definitiva, un duplo negocio: as eléctricas cobran agora e os bancos asegúranse, co aval do Estado, uns moi importantes fondos cunha rendabilidade asegurada.

Que contraditorio resulta escoitar as argumentacións que se dan para non apoiar os sectores productivos estratéxicos no noso País -entre outros, o sector naval en Fene- e logo ollar con que facilidade e baixo a cobertura legal dunha regulación interesada, as eléctricas e os bancos reciben miles de millóns... !!!


[07-05-2010 18:27] Medios comentou:

A facturación da electricidade doméstica, estase tornando no máis opaco de cantos existen. Fai un ano, todos os fogares fomos vítimas de un auténtico bombardeo de facturas eléctricas, de cambios de tarificación que ninguén entendía e a duras penas xustificaba, pero que todos tivemos que pagar a risco de nos cortaren o subministro, e para colmo, logo termos que asumir os gastos do novo enganche. Que algo de primeirísima necesidade esteña en mans de empresas privadas sen nengún tipor de regulamentación clama ao ceo. Francamente, non sei a onde imos parar.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña