19:50 Venres, 20 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-07-2014

O resultado das pasadas eleccións europeas debuxou un novo escenario electoral, aínda que o ámbito europeo non é o máis axeitado para mostrar un mapa electoral galego e de ámbito do Estado español

Bipartidismo Imperfecto

Valorar (21)

FRANCISCO GRAÑA



O resultado das pasadas eleccións europeas debuxou un novo escenario electoral, aínda que o ámbito europeo non é o máis axeitado para mostrar un mapa electoral galego e de ámbito territorial do Estado español con unha certa estabilidade.

O certo é que un bipartidismo perfecto baseado na representación política de dous partidos principais foi ferido gravemente no Estado español , trocándose por un bipartidismo imperfecto, co avanzo dos partidos minoritarios na zona máis españolizada do Estado. Mas, nos territorios pertencentes a Catalunya e Euskal Herria, os máis desenvolvidos, que contan cunha potente burguesía nacional; o bipartidismo españolista, perfecto e imperfecto, nas súas distintas variantes foi varrido da face destas nacións sen Estado.

No entanto, non podemos afirmar que o bipartidismo españolista foi erradicado do Estado español e menos da Galiza. O PSOE vai ser refundido ( Non necesita máis que outro maletín como o que recibiu  Felipe Gonzalez no seu día da Fundación Ebert, e aínda o Imperio,  a pesares da súa decadencia, ten euros e dólares de abondo para iso....) Esquerda Unida que xa mudou de siglas, para ocultar o seu “comunismo” eurocéntrico, é condenada a ocupar o lugar que lle corresponde de eterno comodín do PSOE que aínda non mudou de siglas, incluso na Galiza, a pesar do presente recibido do beirismo. E plausible que o PP lle vote unha man ao PSOE, como fixo no seu día Felipe con Fraga para promover o PP, ante a desfeita da dereita española coa UCD. A refundición do bipartidismo é un tema estratéxico para o Imperialismo subalterno español, ao servizo do Imperialismo EU/USA.

Na Galiza á marxe dos erros e acertos do nacionalismo galego......o papel predominante da opresión colonialista española, que padece o noso pais é abafante, tendendo a agudizarse. O colonialismo secular da nosa nación condiciona fortemente, sen dúbida, a psicoloxía do pobo galego. A alienación foi estudada polo marxismo no que atinxe a clase obreira na relación co Capital, mas carecemos de reflexións sobre o alleamento  colectivo producido polo colonialismo. O marxismo non saíu do ámbito eurocéntrico, nesta materia como noutras. VI.Lenín limítase ao final da súa vida a declarar que o espertar das nacións oprimidas fronte o Imperialismo é a derradeira loita social que abrirá as portas a unha nova era da Humanidade. O noso pais historicamente derrotado en proxectos colectivos nacionais, desde a perda da súa soberanía e do seu Estado (O primeiro de Occidente), levou a deriva do noso pobo cara un individualismo exacerbado, e a ser proclive a unha admiración polos fenómenos políticos e sociais exóticos, sempre que non sexan propios do pais.

O novo bipartidismo imperfecto é atravesado polo xurdimento de fenómenos socio políticos como o 15M ou PODEMOS até de agora, que constitúen unha secreción do sistema españolista, que síntese ameazado, dun xeito análogo a coma a lura segrega  a tinta para confundir aos seus inimigos cando esta se ve en perigo. Na Galiza tiveron un apreciábel éxito. Tamén os colonialistas europeos trocaban abelorios sen valor con moita facilidade polos valiosos recursos naturais do continente africano no pasado. No campo cultural a colonización do noso pais é abafante.

O 15 M serviu para deslexitimar ao nacionalismo galego, o verdadeiro inimigo do sistema, non puido co nacionalismo basco e catalán, e para debilitar a esquerda estatal en beneficio do Partido Popular para gañar as eleccións. Porén, tamén carrexou unha importante perda de votos do PP, ao popularizar o lema “todos son iguais” que incluía aos políticos do PP. Na Galiza ca axuda do poder omnipotente do aparello mediático o BNG foi esmagado mas non liquidado,  por ser o inimigo principal do sistema españolista.

O fenómeno PODEMOS cociñado na Universidade madrileña, tivo tamén un éxito na Galiza, como é natural, e independentemente dos desexos e obxectivos dos seus promotores, hoxe está a cumprir un papel beneficioso para o Partido Popular, na medida que lle axuda obxectivamente a  mobilizar os seus votantes para recuperar a súa maioría, co conto do perigo “comunista” “chavista”......ao tempo que tamén favorece o esmorecemento do nacionalismo galego o seu principal inimigo.

Malia estas condicións tan difíciles para o nacionalismo galego, hai que contar sempre que o espertar do pobo galego, para que poida identificar os seus propios intereses, é máis tarde ou máis cedo, un feito que nunca poderán evitar os seus inimigos dun xeito permanente. Mas este necesario espertar que sen dúbida se producirá (Os Imperios pasan, as Nacións permanecen ), vai depender das transformacións na psicoloxía do pobo galego.

O papel do BNG e das e dos nacionalistas coherentes é o de promover a autoorganización do pobo galego, partindo dos seus problemas e demandas concretas, coma xa está a facer o BNG,que son moitas, fronte aos culpábeis do colonialismo, que non son outros que a diversidade e a pluralidade de axentes do españolismo, disfrazados ou non, que esmagan a Galiza. Hai mentes colonizadas que avogan porque o BNG se axunte con españolismo de esquerdas para buscar a súa “salvación” no propio españolismo. A nosa “salvación”, se de algo temos que salvarnos,está en  xuntarse e autoorganizarse co pobo galego para construír unha forza poderosa coa que conquistar a nosa Soberanía Nacional, que abra as portas a liberación da Galiza.



[01-08-2014 11:18] OLGA GARCIA QUIAN comentou:

Con relacion ao comentario de Manuel Bouzon o seguinte:
Non estou dacordo coa simplificación de que "Os mas media" pra min "a masa social" sexa manipulada "sempre " e sobor de todo totalmente .Mais ven penso que "PODEMOS" xurde dunha situación de crise xeneralizada do sistema , e que polo tanto veremos que percorrido e derivas pode ter. En principio penso que para a sociedade é un revulsivo contra esta coba de Ladrons que dirixen a politica .

[31-07-2014 18:18] Manuel Bouzón Vila comentou:

Paco, como o prometido é débeda , e o que paga descansa , alá vai o comentario sobre o artigo que acabas de publicar. En primeiro lugar unha corrección; dis que a alienación foi estudada polo marxismo..., na realidade a alienación foi estudada polo materialismo anterior a MARX de xeito restrinxido, con relación ao orixe e á natureza da relixión. É MARX quen estende o estudio a todas as esferas da actividade humana, ademais de relacionala coa explotación da clase obreira no terreo da actividade produtiva , estrutural, na sociedade capitalista coma ti ves a dicir. Derivan dela outras formas; cito: a” social” que divide a sociedade en clases, a” política” que divide a sociedade civil do estado da que á súa vez derivan outras formas de alienación “ideolóxica” (a relixión e a filosófica) que buscan confundir e mistificar a realidade , creando unha falsa conciencia da mesma , para xustificar o status quo, etc.É neste contexto (entendo eu) no que ten cabida ou, polo menos, debe ser o punto de partida para estudar o alleamento colectivo producido polo colonialismo.
No tocante ao artigo en concreto, comezas dicindo que o resultado das eleccións europeas debuxou un novo escenario electoral,que o bipartidismo perfecto foi ferido gravemente. Se deixamos a un lado Cataluña e Euskadi onde o bipartidismo leva xa moito tempo ferido con mais ou menos sangría, onde as forzas nacionalistas conseguiron que a maioría da poboación teña canto menos conciencia de pobo diferenciado- e gran parte dela incluso conciencia nacional catalá ou vasca-, no resto do estado, incluída Galiza, as cousas non cambiaron tanto, o bipartidismo está a salvo (por desgraza). Comecemos uns meses antes das eleccións: a desmotivación xeral era moi importante a consecuencia dos anos que levan as organizacións capitalistas afundíndonos na crise; mais estes, coma expertos trileros, sacan da manga no último momento o efecto ” PODEMOS”. Explico: desde os mass media (nas mans do capital, non dos lacaios do goberno, incluído co PP o PSOE), lánzase unha candidatura conformada por un líder carismático, habitual das tertulias televisivas e acompañado das persoas necesarias para configurar a lista de candidatos; outórganlles as características do 15M e a súa representación, e tras unha campaña intensa, chega ao fin o resultado electoral: a participación é similar ás das eleccións anteriores ¡¡estamos salvados!!, “PODEMOS” cumpriu a súa función.Un dato curioso é que, a partires de aquí comeza a facerse a organización “PODEMOS”, e non antes, (realmente, se o observamos ben, todo o proceso de creación de “PODEMOS”, non deixou de ser un timo piramidal típico).
Xa imos vendo como, a partires das eleccións devanditas, comezou o lavado de cara do goberno do PP, os mass media falan agora do inicio da saída da crise, xusto nestes días chégase ao acordo de negociación tripartita(goberno,patronal e os sindicatos CCOO e UGT), onde o único que acordan é precisamente que estamos a saír da crise, o demais queda mais ou menos pendente de negociar a partires de outono, mais a ninguén se lle ocorre falar de que medidas das tomadas para saír da crise quedaron obsoletas e hai que eliminar.Iremos vendo pouco a pouco como os mass media iran borrando da memoria colectiva a corrupción e toda a parafernalia que despregaron para distraernos da cuestión fundamental: a mellora e consolidación dos dereitos sociais, que no caso dos galegos vai inequivocamente unida á “ liberación nacional de Galiza” .
Todo fai pensar que o PP segue a ser a forza na que acredita o capital, e PODEMOS facilitaralle (incluso involuntariamente) o labor, poñéndolle unha dificultade engadida ao PSOE, que seguirá a ser a alternativa de recambio, e desviando a atención das organizacións que teñen realmente unha vontade transformadora da sociedade.
Concordo cos dous últimos parágrafos case que literalmente; o próximo comentario , tomando un café.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña