09:09 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-07-2014

Nas páxinas de “Inmateriais” está o alento dun país que loita infatigabelmente pola súa existencia e polo seu porvir

A prosa biográfica de Suso de Toro

Valorar (14)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Inmateriais
, de Suso de Toro (Edicións Xerais, 2013). Velaquí un libro co que estamos a gozar as lectoras e os lectores que gustamos das semblanzas literarias, da biografía, do retrato, de obras como Los Precursores, de Manuel Murguía, O libro dos amigos, de Ramón Otero Pedrayo, Escritores de Portugal e do Brasil, de Francisco Fernández del Riego, A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Baixeras, de X. L. Franco Grande, ou, fóra xa das nosas letras, Póquer de ases, de Manuel Vicent. Suso de Toro escribiu inicialmente esa galería de retratos para as páxinas do suplemento de letras de “El País”, hoxe desaparecido, como tantas outras fiestras abertas no seu día á nosa lingua e á nosa cultura. Estas trinta narracións sobre outras tantas figuras de nós tiñan que ser necesariamente recollidas en libro, porque no seu conxunto todos estes traballos conforman un relato histórico de grande valor, escrito, ademais, nunha prosa deliciosa, que podemos saborear como un licor-café na sobremesa.

A diferenza entre achegarse a persoeiros como Domingo Fontán, Vicente Risco ou  Álvaro Cunqueiro a través da Galipedia, dun ensaio de investigación ou da fría análise da obra e do pensamento desas figuras ou facelo como o fai Suso de Toro nesta obra é a mesma diferenza que existe entre escribir e facer literatura, entre andar a pé e voar, entre elaborar unha biografía sen alma ou facer unha narración biográfica con vida de seu e desde a beleza da palabra. Non é que Suso de Toro non utilice o dato ou non escriba estas prosas desde o rigor. Todo o contrario: cada un dos retratos ten detrás da súa elaboración moito labor de documentación, moita erudición, moito esforzo intelectual, moitas lecturas, moitos libros de estudo e de creación, moitas horas de biblioteca privada, moito coñecemento da nosa historia, da nosa literatura, da nosa lingua, da economía, da ciencia, das artes... Mais o que se propuxo facer o escritor foi relatos con vida, con vontade de estilo, mesmo cunha certa expresión poética, sempre desde o respecto e o interese por estas figuras senlleiras, na maioría dos casos tamén desde o aprecio e a admiración, e sen ocultar nunca, por suposto, as contradicións e as sombras de cada unha destas persoas. A vida tal e como é, a vida, a ideoloxía e a obra destes trinta persoeiros tal e como Suso de Toro as ve, sen que o autor pretenda que sexa a única visión que se poida ter de Afonso X o Sabio, de Rosalía de Castro, de Valle-Inclán, de Vicente Risco, de Eduardo Blanco-Amor, de Ramón Piñeiro ou de Valentín Paz Andrade. É a súa propia visión, escrita desde unha inmensa curiosidade intelectual, ás veces tamén desde o corazón, aberta a outras posíbeis interpretacións, desde a apoloxía ou desde a discrepancia, mais endexamais desde ese sectarismo que tanto dano causa na nosa cultura e que incluso habita e medra vizoso nesa Real Academia Galega que non é capaz de recoñecer publicamente unha figura de nós tan excepcional como don Ricardo Carvalho Calero. Este libro de Suso de Toro é, nese sentido, un exercicio de liberdade, de respecto e de xustiza fronte á miseria humana de moitas persoas ilustradas, á miopía intelectual e a esa cultura do sectarismo que non nos deixa ver máis aló dos cómaros da nosa leira.

O libro de Suso de Toro é, asemade, unha viaxe pola historia de Galiza a través dalgúns dos seus grandes personaxes, de figuras como Diego Xelmírez, o Padre Sarmiento, Domingo Fontán, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Castelao, Ánxel Casal, Luís Seoane ou Francisco Fernández del Riego. Desde aquela Compostela de Xelmírez que coroaba e enterraba reis e que era centro de poder relixioso, político, económico e cultural -non só na Península, senón en toda Europa-, as lectoras e os lectores desta obra podemos facer un percorrido apaixonante polos momentos escuros e de esplendor do noso país, polas súas posibilidades históricas - que as houbo en diferentes épocas- e tamén polos seus avatares e os seus fracasos, as súas frustracións como nación. Este traballo que agora nos entrega Suso de Toro permítenos coñecer moito mellor a nosa propia historia como país, a historia da nosa lingua e da cultura propia, e incluso achegarnos a personaxes sobranceiros de orixe galega que non contribuíron a facer país ou que mesmo fixeron todo o contrario (Emilia Pardo Bazán, por exemplo), mais que cómpre non ignorar para comprendermos o papel que tivo Galiza ao longo da súa historia, o lugar que ocupou a nosa lingua ou os grandes debates que houbo en cada encrucillada histórica. Aquí, nestas páxinas, está Galiza como preocupación, como tarefa, como paixón, como soño. Está o esforzo inxente, lúcido e xeneroso, de moitas xeracións por situar na historia o nome de Galiza. Está, en definitiva, a vitalidade dun país, o alento dunha patria que loita infatigabelmente pola súa existencia e polo seu porvir. Inmateriais é unha obra que nos ilustra sobre múltiples aspectos do noso pasado, que nos abre camiños, que nos convida a outras lecturas, unha obra para redescubrir o que fomos e o que podemos ser, unha obra que nos axuda a non renunciarmos endexamais á firmeza dos soños. Unha lectura imprescindíbel e deliciosa, para estes días de verán, para o inverno, para calquera hora que teñamos para aprender, un libro para regresar unha e outra vez á luminosidade desta inmensa fraga.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña