22:54 Martes, 10 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-07-2014

Aconteceu en moitas localidades, cal é o caso da Coruña, que viu como desde 1960 abrochaban os populosos bairros da Agra do Orzán, Montealto ou Os Castros, ou Os Mallos

O labor cultural e reivindicativo dos colectivos veciñais: o exemplo na Coruña da AV “Agra do Orzán”

Valorar (22)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Unha grande parte das asociacións de veciñas e veciños no noso país naceu na década de 70 e 80 do pasado século como produto de varias circunstancias que se produciron na sociedade galega da altura: por un lado, o crecemento das urbes, consecuencia dun éxodo masivo de emigrantes rurais a partir sobre todo da segunda metade do XX, fixo que nacesen novos bairros nas grandes cidades alí onde antes só había terreos de cultivo ou aldeas pequenas. Por outro lado, moitas desas novas áreas citadinas, desenvolvidas mercé a unha terríbel especulación, foron ampliándose sen que as persoas que as habitaban contasen cun centro onde se reuniren ou sen que houbese un colectivo que defendese os seus intereses cidadáns perante o inoperancia xeral dos gobernos municipais. Así aconteceu en moitas localidades, cal é o caso da Coruña, que viu como desde 1960 abrochaban os populosos bairros da Agra do Orzán, Montealto, Os Castros ou Os Mallos, aos cales se unirían máis outros xa en décadas posteriores, como As Roseiras ou O Ventorrillo.

Mais centrémonos no primeiro dos citados, o bairro da Agra. Cunha populación que soborda con moito a cifra de 30.000 persoas, é o máis densamente habitado de todos os que constitúen a cidade ártabra. Orixinariamente, houbo unha relativa predominancia de xentes vindas da rexión de Bergantiños, ás cales se unirían, xa nos nosos tempos, mulleres e homes procedentes da China, de países sudamericanos e africanos etc. Linguisticamente, óuvense, para alén do galego, outros idiomas cunha relativa facilidade e considérase adoito que corresponde a unha das zonas en que o convivio de diferentes culturas e etnias se verifica con normalidade. Nesa zona da Coruña asenta a Asociación Veciñal Agra do Orzán, “Agra”, unha das máis interesantes no activismo cultural e reivindicativo de toda a cidade e, coa necesaria licenza do público lector e coa súa tamén precisa paciencia, a ela imos dedicar estas palabras.

A entidade, nada no ano 1976, conta cunha fecunda traxectoria na reivindicación dos dereitos cidadáns e na demanda dunhas mellores condicións de vida para o bairro, que ficou tradicionalmente esquecido nas decisións importantes adoptadas en María Pita: lembramos aquí a observación da chamada “Táboa reivindicativa” (texto da Xunta Directiva da asociación en que se recollen os principais planos de melloría para a zona), o apoio aos colectivos de mulleres, as actividades contra a violencia machista, a activa implicación nas mobilizacións contra a especulación urbanística na zona do Observatorio etc. Mais tamén posúe unha non menos importante traxectoria no ámbito da recuperación da cultura galega. Así, á marxe das actividades programadas anualmente (encaixe, gaita e percusión galegas, lanzamentos de libros, palestras, pandeireita etc.), foron constituídas hai unhas semanas dúas comisións de traballo destinadas a poren en valor o patrimonio cultural: a primeira delas tenta recuperar os restos do antigo muíño da Agramela perante o comportamento do actual goberno municipal, que non sabe senón proporcionar respostas nebulosas e inconcretas sobre a súa localización; a segunda tenciona organizar anualmente unha foliada de carácter tradicional, en que a música e as actividades de lecer para todos os públicos se constitúan nuns dos seus principais reclamos.

Precisamente no ámbito do activismo cultural é onde imos centrar a temática do presente contributo, pois faremos unha chamada de atención apenas sobre varios dos traballos destinados a este fin que leva a cabo esta entidade: primeiramente, o proxecto “AGRAdarache saber”, en segundo lugar as actividades coñecidas baixo o nome de “Polo gosto de cantar” e, xa en terceiro lugar, os recitais organizados nas sesións de Gosto de che ler un poema”.

O primeiro consistiu en proporcionar ás mulleres e homes que habitan o populoso bairro información relativa á orixe e significado dos topónimos tradicionais que aínda se conservan no rueiro da zona (tales como Agra da Bragúa, Agramela, Canceliña etc.), ben como informar igualmente a cidadanía dos nomes de persoas ilustres da historia galega con que tamén son coñecidas algunhas rúas (Francisco Añón, Gil Vicente etc.). Así, deseñaronse e foron colocados uns cartaces naqueles estabelecementos comerciais que quixeron colaborar, nos cales se resumía o máis elementar deses topónimos urbanos. O proxecto contou tamén cunha exposición dos tales cartaces nos locais da asociación e mesmo chegou ás salas do ensino universitario, pois foron igualmente expostos na Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña entre os días 22-29 de xaneiro de 2014. En resumo, pódese considerar unha moito plausíbel idea, xa que, por un lado, pondera o significado dos nomes das rúas en que se manteñen os topónimos tradicionais ou en que hai vultos da historia galega e, por outro lado, contribúe para sabermos máis de nós propios como pobo ao nos sinalar que quere dicir, por exemplo, Páramo, ou quen foi, poñamos por caso Pascual Veiga. Que exemplo tan diferente ao do actual goberno municipal do PP e ao do PSOE de Francisco Vázquez, para os cales un nome tan sonoroso cal As Eiriñas, no tradicional bairro de Cances, debe mudar para outro como Calle de los Derechos Humanos! Que modelo tan distinto para o PP de Negreira e o PSOE de Vázquez, para os cales un topónimo tan enxebre como Camiño das Eiriñas, no mesmo lugar de Cances, ten de se ver obrigado a converterse nun absurdo Calle Comuneros de Castilla…

A outra actividade que cómpre salientarmos aquí, organizada conxuntamente coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, enforma varias baixo o nome de “Polo gosto de cantar”. Todas as sextas feiras, contra o final da tarde, un grupo de veciñas e veciños reúnese nos locais da entidade e, dirixido pola comprometida e experta voz de Ricardo Seixo, veciño do bairro, aprende e recupera letras e melodías tradicionais galegas. O colectivo, integrado regularmente por unhas 40 persoas, e unha vez concluídas as sesións de aprendizaxe e ensaio, costuma dar conta do seu bo facer nunha taberna próxima, onde deleita a clientela con cántigas que devagariño van facéndose habituais nese tipo de celebracións. Entre petiscos caseiros e viño do país, esas veciñas e eses veciños do bairro da Agra pasan un agradibilísimo tempo de lecer a interpretaren cantares doutras épocas, cuxas letras dalgúns deles foran compiladas xa no século XVIII por Sobreira e por Sarmiento ou na segunda metade do século XIX por Pérez Ballesteros. De novo, que exemplo tan diferente a respecto da política cultural do goberno do PP no concello, preocupado por festexar o San Xoán con lemas trilingües (?) “San Xoán está de volta”, “San Juan is back” e “San Juan vuelve”, ou preocupado tamén nas celebracións das feiras de abril e na sublimación do traxe flamenco.

O terceiro dos proxectos colectivos de singular suceso, tanto polo número de persoas que se involucra nel canto pola transcendencia sociolingüística que ten, é o denominada “Gosto de che ler un poema”. Cada catro semanas, o grupo de traballo desa actividade escolle un autor ou autora da literatura galega contemporánea e un número determinado de poemas seus, normalmente uns 20; a seguir, comezan os ensaios de declamación e recitado das obras electas, que conclúen nunha xornada (derradeira quinta feira de cada mes) en que, após unhas breve palestra introdutoria sobre a escritora ou escritor en cuestión por parte de alguén entendido na materia, ten lugar a actividade en si propia, que consiste no recitado das poesías. Cada persoa vai encarregarse dun número concreto de poemas, que son declamados en público no día escolleito para tal ocasión: Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez, Dores Tembrás, Eduardo Pondal, Estíbaliz Espinosa, Manuel María, Miguel Mato Fondo, María Mariño, Ramón Cabanillas, Rosalía de Castro, Rosalía González Reial, Xosé María Díaz Castro etc. foron algúns dos vultos seleccionados. E dá xenio vermos como rapaces e raparigas de máis de sesenta anos len e recitan no noso idioma, sobre todo a termos en conta que a moitas desas persoas (por non dicirmos a todas) lles foi arrebatado o dereito fundamental a viviren en galego con normalidade. Máis unha vez, que concepción da nosa lingua e literatura tan distinta á do PP no concello, no goberno do país ou no Estado español: nun caso, a da Asocacición Veciñal, asenta na implicación directa co idioma e coa súa elaboración estética, a literatura; noutro caso, o do PP, consiste na teima no lingüicidio do galego, estudado e proxectado desde os gabinetes de tecnócratas.

En síntese, podemos concluír que a AV Agra do Orzán é unha das máis activas dentro do asociacionismo veciñal na comarca ártabra, pois, ao tempo que proporciona ao bairro unha determinada cobertura social e reivindicativa diante do escandaloso abandono do goberno municipal, tamén facilita ás veciñas e veciños actividades colaborativas que favorecen o contacto interxeracional, a convivencia e o encontro. Oxalá as autoridades locais tomasen boa conta do modo de entender a cidadanía por parte de entidades como esta e aínda por outras da cidade (Atochas-Montealto, Os Castros etc.). E oxalá tamén que esas mesmas autoridades municipais se deixasen de levar á práctica incomprensíbeis e faraónicas obras na Mariña, de promoveren con diñeiro público festas como as touradas (en que morren selvaxe e desnecesariamente seis bois de cada vez) ou de subvencionaren con diñeiro de todas e de todos festas cosmopailanisticamente rocieras. Parabéns, por tanto, á AV Agra do Orzán, “Agra”, por estes anos de compromiso coa cidadanía e coa cultura do país, e parabéns, igualmente, a todas as veciñas e veciños e a todos os membros das diferentes xuntas directivas desde o seu nacemento por ese excelso e constante labor colectivo.



[26-07-2014 18:03] mercedes raposo buján comentou:

Obrigada Xosé Manuel por ese retrato tan completo da Asoc Agra do Orzán. Eu como membro da Xunta Directiva non penso que sexa tan especial o que facemos mas contado así con cariño e admiración é moi fermoso, satisfácenos o labor e sabemos que debemos estar aí.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña