05:05 Luns, 04 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-07-2014

Espertou o meu interese ler hai uns días un polémico intercambio de mensaxes na páxina de facebook do Círculo Podemos de A Mariña

Podemos ignorar o conflito lingüístico?

Valorar (40)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA



Espertou o meu interese ler hai uns días un polémico intercambio de mensaxes na páxina de facebook do Círculo Podemos de A Mariña. En resposta a unha serie de airadas pero ben argumentadas críticas externas sobre a utilización en exclusiva do español por parte dos administradores desa esa páxina, o responsábel local de Podemos reduce a existencia do conflito lingüístico para “quien no tenga libertad de escoger o utilizar la opción que desee” e interpreta que as opinións en defensa do galego proveñen de quen pensa “que su verdad es la auténtica verdad y se la quiera imponer los demás de forma totalitaria”. Como imaxinarán, non é pola súa orixinalidade polo que traio estes comentarios a reflexión senón pola súa procedencia e, quizá, pola súa representatividade: unha vez consultadas outras fontes da mesma organización política, cabe deducir que sobre estas coñecidas bases se estarían forxando boa parte dos alicerces ideolóxicos de Podemos en Galiza.

Vaia a miña primeira observación en ton tranquilizador: ninguén pretende impoñer a Podemos a lingua na que ha facer a súa actividade política. Cada organización é perfectamente libre de expresarse no idioma que lle viñer en gaña, como non. Mais a súa liberdade de escolla vai parella á liberdade do resto do mortais para opinar sobre o asunto, e iso é o que farei.  Certamente considero que chegar a asumir a relación entre o conflito lingüístico e o conflito social non é doado nesta terra, onde os argumentos da supremacía do español e da harmonía lingüística son tan falsos como aceptados de facto polo común da cidadanía, despois de ser asañadamente traballada polas canles ideolóxicas habituais.  Ninguén nace aprendido en ningures, mais diríase que na Galiza -perdoen a esaxeración- nacemos desaprendidos e alcanzar certas conclusións, á parte de moita apertura mental, leva o seu tempo. 

Porén, para unha organización política ignorar o problema lingüístico galego é ignorar a esencia da sociedade na que se pretende actuar. Para o negacionismo presente na nova organización política nunca tería existido un conflito lingüístico en Galiza. Aquí nunca se terían repartido labazadas por falar galego nas escolas, nin se tería humillado a xeracións enteiras de galegas por razón da lingua, nin se tería perseguido o uso do galego no cinema, nos tribunais, nos seminarios ou alí onde puidese ter adquirido unha mínima relevancia. Nunca o problema tería sido historicamente denunciado polas mentes máis libres do País, nin seriamos as persoas galegas de hoxe o produto desta secular teima por acabaren connosco.

Quen ignora o conflito debe entender que aquí se poden facer cousas tan normais na maior parte do planeta como aprender matemáticas, facer a declaración da renda, asinar unha denuncia diante da policía, ler a prensa diaria, recibir educación infantil ou zapear na tele para poder recibir informacións contrastadas no idioma do país. Aquí non se cambia de lingua cos nenos como se fosen todos de Valladolid ou como se quixésemos que fosen. Aquí  todas aquelas persoas adolescentes do século vinte e un que nun acto de valentía infinita deciden retar os marcos conceptuais establecidos e mudar de lingua para andar polo instituto, xogar ao fútbol ou ligar en galego son entendidas e animadas polos seus compañeiros no seu afán e non hai un profesor bilingüísta que as vacile e/ou as intente ridiculizar diante dos amigos. Non. Aquí non pasa todo iso porque aquí, en ausencia de conflito,  cadaquén é libre de elixir a lingua que queira e pode facer en galego todo o que pode facer en español.  

Recoñece o representante de Podemos a existencia de persoas que no seo da organización utilizan o galego "aunque ellos sean tolerantes y no vean el problema". Quen di querer cambiar o sistema político identifica tolerancia co feito de non ver o problema lingüístico, unha das veas abertas polas que Galiza se desangra. Premio en tolerancia, pois, para quen ignore que unha cultura milenaria está a ser implacábel e velozmente substituída pola do país veciño. Premio a quen ignore que na nosa sociedade a día de hoxe se está a desenvolver un dos conflitos lingüísticos máis dolorosos e máis letais de Europa.  

Moi ben terá que argumentar quen defenda que o conflito armado vasco ten unha orixe política e o conflito lingüístico galego non. Unha organización que se reclama transformadora non pode asumir alegremente os binomios que identifican o uso do castelán como sinal de liberdade e a defensa do galego como intento de imposición, nin pode virar as costas á realidade evidente do conflito sen situarse no terreo da miopía máis torpe ou, sen máis ambaxes, no da archicoñecida hipocrisía supremacista. No discurso de Podemos en Galiza estanse a coar elementos argumentais máis propios do neoliberalismo ou da extrema dereita que dunha organización que se reclame de esquerdas. Parécense ignorar as perigosas relacións entre lingua e poder, á vez que se pasa de longo polo feito contrastado de que a represión lingüística é un dos variados e moi eficaces recursos para o control social e para a desigualdade entre seres humanos, usados nesta e noutras terras desde hai séculos polo sistema capitalista que se di deostar.



[28-07-2014 08:55] Raúl comentou:

Estamos afeitos a que as organizacións estatais proclamen unha cousa en Madrid e fagan outra diferente en Galiza e iso é o que parece estar sucedendo con Podemos nos seus primeiros pasos da súa implantación no País. A teórica mensaxe do seu líder, máis comprensiva cos fenómenos nacionais, non parece estar tendo gran predicamento entre os seus seguidores residentes en Galiza.
Dos círculos de Podemos consultados na rede só unha minoría usa o galego como lingua habitual. A maioría debátese entre o bilingüísmo harmónico e o o uso exclusivo do español, con casos tan significativos como o de A Mariña ou A Pontenova. Deste feito e das mensaxes dos simpatizantes pódese concluír que gran parte da organización está a demostrar un sesgo preocupantemente antigalego.

[23-07-2014 17:35] Pereira comentou:

Pois daquela moita xente vai ter de marchar de Podemos. Mais que non teñan pena. Sempre lles queda UPyD ou Vox.

[16-07-2014 13:33] Miguelanxo comentou:

Os principios programáticos de Podemos encol da defensa activa das linguas minorizadas están ben claros. Quen se manifesta contra destes principios autoubícase fóra de Podemos, por moito que diga representar o movemento. Podemos está en proceso de formación, terá a súa asemblea constituínte durante o vindeiro outono e a partir de aí, unha vez estabelecidos sólidos criterios organizativos, quedarán excluídos quen non asuman a súa indeoloxía, programa e compromisos éticos, como é o caso do pretendido representante do "círculo" da Mariña: como ben expresan as súas opinións, esta persoa e quen o ampare non poden dicir que estean con Podemos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña