22:24 Venres, 14 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-07-2014

Os viquingos están de moda. Non é que deixasen nunca de estalo, pero é que agora están tan de moda que os podemos ver por todas partes

De normandos e bispos santos

Valorar (21)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



Os viquingos están de moda. Non é que deixasen nunca de estalo, pero é que agora están tan de moda que os podemos ver por todas partes. Renace o xénero de películas vinculadas a este pobo, da serie Vikings  que acaba de remata-la súa segunda tempada. O xénero literario tampouco se queda atrás e vemos como aparecen novelas e publicacións históricas que teñen a estes famosos e afamados piratas como protagonistas.

O mítico desembarco  viquingo de Catoira, a principios do mes de agosto, xa non é a única festa deste tipo, pois no concello de Foz este verán, a fins do mes de agosto, celebrarán a IV Festa Normanda.

Nesta Festa Normanda fozega conmemórase o “milagre” que o bispo de San Martiño de Mondoñedo, Gonzalo Fróilaz, realiza para salva-lo seu pobo.

Conta a lenda que cando unha poderosa armada normanda asomou polas costas mariñáns, os veciños da comarca, aterrados polo que lles ía  pasar, acudiron ante a autoridade máis importante, o bispo da Sé episcopal de Mondoñedo, que nese tempo (864 – 1117) estaba asentada no lugar de San Martiño de Mondoñedo. O bispo Gonzalo, sabedor de que os soldados que defendían a catedral eran a única forza armada ca que se podería contar para repele-lo ataque, decide marchar en procesión ata o monte coñecido como A Cruz do Agrelo. O prelado portaba unha cruz de madeira que se lle facía cada vez máis pesada, debido a que el era xa unha persoa de idade avanzada e á orografía do camiño, para alivia-lo peso descansaba cada pouco, aproveitando ese tempo para rezar. Por cada vez que se axeonllaba e pregaba a Deus, un barco normando se afundía. Así cando chegaron ao alto do monte tan só quedaba unha nave, tres noutras versións, á que deixa marchar para que informe aos seus paisanos do poder de Deus.

Para conmemorar este “milagre” o pobo decide construír unha capela no monte da Cruz do Agrelo e mandar realizar, esta vez en San Martiño, unha pintura na que se puidese ver ao bispo, aos romeiros e ao fondo un grupo de barcos afundíndose.

Realmente existiu San Gonzalo, tamén coñecido como o Bispo Santo?

Tódolos investigadores que abordaron este tema chegaron á conclusión de  que si é certo que existiu un bispo,  chamado Gonzalo, que por realizar tan portentoso milagre foi  santificado polo pobo. O problema xorde cando os mesmos investigadores intentan datar cronoloxicamente tanto a prelatura deste Bispo Santo como a da frustrada invasión normanda.

Na segunda metade do XVII aparecen os estudos dos historiadores Bartolomeu Villapol e Vega ( en 1665)e o de frei Filipe da Gándara (en 1678). Este último opina que a morte do Bispo Santo (ou San Gonzalo) sería no ano 850 e que o milagre tería lugar entre o 845 e o 50. Non era nova esta teoría, xa que cinco anos antes o cóengo mindoniense Gil González Dávila defendía que o milagre tivera lugar inmediatamente despois do traslado da Sé episcopal de Bretoña cara a San Martiño. O que si é unha novidade é que xa non se trata dunha armada normanda senón dunha flota musulmán procedente de Córdoba mandada polo capitán xeneral Abdelhamuit no ano 888.  

Rematamos este século XVII coa opinión do bispo frei Miguel Quijada quen, no ano 1696, afirmaba que San Gonzalo podía ser datado entre a chegada da Sé episcopal a San Martiño (864) e o bispado de San Rosendo (925-942).

No século XVIII será outro bispo quen opine sobre San Gonzalo, esta vez trátase de Manuel Francisco Navarrte, quen edita o seu Teatro Eclesiástico de la santa Iglesia de Mondoñedo no ano 1716. Dedica os capítulos 17, 18 e 19 do citado Teatro Eclesiástico á figura do Bispo santo. Navarrete sitúa a San Gonzalo entre os anos 922 e 934. A inexistencia de documentación sobre eses anos permitía colocar nese tempo a prelatura do bispo Santo. O cóengo mindoniense Francisco Villaamil e Saavedra pensaba que a prelatura do Bispo Santo debería encaixar entre os anos 922 e 974. Hoxe estas ideas son indefendibles pois nese período estaban ocupando os cargos de bispo de San Martiño de Mondoñedo Sisnando II (907 – 925) e San Rosendo (925 – 942), sobriño do anterior. Huerta e Vega, no seu Annales del Reyno de Galicia (1763) coloca a San Gonzalo no ano 846. Opta por esta data pois nese ano o rei Horrich capitaneaba unha poderosa armada en dirección ás costas galegas e españolas. A citada armada estaría dividida en escuadras e unha delas sería a protagonista do milagroso afundimento. O grande historiador do XVIII, Henrique Flórez, na súa obra España Sagrada, no tomo XVIII, adicado a Mondoñedo, aborda a figura de San Gonzalo do que afirma que é moi difícil situar cronoloxicamente, aínda que se aventura a situalo entre os anos 922 e 969, por atopar un oco e por ser esas datas anos de invasións viquingas.

No século XIX serán os historiadores Xosé Villamil e Castro e Félix Álvarez Villamil os que se enfronten co problema de datar a este Bispo Santo. Para o primeiro, na súa Crónica de la Provincia de Lugo (1867) as datas que baralla son os anos 966 a 971. O segundo publicaba no ano 1869 o seu libro titulado Vida del Santo Obispo Gonzalo de San Martín de Mondoñedo, elixindo os anos 974 a 983 como posible ubicación da prelatura de San Gonzalo.

O século XX empeza coa obra de Antón Correa Fernández, Historia Fin de Siglo: Descripción Histórico – Geográfica de la Provincia de Lugo (1900), quen defende que o milagre tivera lugar no ano 846 e que a armada normanda ía capitaneada por Witingur. Francisco Mayán Fernández publicaba no ano 1955 un libriño titulado Gonzalo. El Obispo Santo. Consciente o profesor Mayán de que non había lugar no século X para colocar a San Gonzalo e rexeitando calquera posibilidade de que o Bispo Santo e Gonzalo Fróilaz  fosen a mesma persoa opta polo camiño máis sinxelo, o de situar ao Bispo Santo en anos anteriores ao asentamento en San Martiño da Sé episcopal. De igual opinión será o historiador viveirense Henrique Chao Espina, quen na súa obra Los Normandos en Galicia, publicada en Coimbra no ano 1965, sitúa o milagre entre os anos 844 e 846.

Debemos de agardar ata o ano 1972 en que Hipólito Sa Bravo publique a súa obre El Monacato en Galicia, para ver por primeira vez como se iguala a figura do bispo Gonzalo Fróilaz coa de San Gonzalo. No ano 1975 o estudo antropolóxico levado a cabo polo profesor Carro Otero e a profesora Varela Ogando confirmaba que o Bispo Santo e Gonzalo Fróilaz eran a mesma persoa. Baseábanse tanto nos restos óseos como no anel e o báculo atopados no sartego, que segundo eles foron executados a principios do século XII.

Máis non tódolos investigadores contemporáneos comulgaron con esta nova teoría e así Santos San Cristóbal Sebastián no seu libriño titulado Catedral de San Martín de Mondoñedo, continúa ca teima xa iniciada por Álvarez Villamil de situar ao Bispo Santo en tempos anteriores a que se instalase a Sé episcopal en San Martiño. Para este autor San Gonzalo non tería sido nunca bispo senón abade do mosteiro que existía antes de instalarse a Sé con xurisdición tan só sobre algunhas igrexas patrimoniais do citado mosteiro. Polo tanto para o señor San Cristobal a datación do Bispo Santo iría dende o ano 693 ata o 864. Esta é unha teoría indemostrable pois non hai documento algún que o confirme nin tampouco que o desminta.

Rebate esta teoría Ramón Izquierdo Perrín no seu De arte et architectura. San Martín de Mondoñedo, editado pola Deputación de Lugo no ano 1994. Para este investigador a figura do Bispo Santo, a de San Gonzalo e a de Gonzalo Froilaz son a mesma persoa. Para iso ten en conta a datación do anel e do báculo que os sitúa nos primeiros  anos do século XII.

Nós pensamos que sen dúbida algunha este Bispo Santo é Gonzalo Fróilaz (1070 -1118). Baseámonos nos estudos que o profesor Ramón Izquierdo Perrín ten realizado sobre o anel e o báculo que apareceron no sartego de San Gonzalo.

Moitos investigadores seguen a manter que a fins do XI e principios do XII no se pode falar de ataques normandos.

Se ben é certo que as grandes expedicións normandas a Galiza céntranse no século X, iso non quere dicir que non continuasen, iso si en menor medida, en séculos posteriores. Lembremos que no ano 1066 a monarquía saxoa que gobernaba na actual Inglaterra foi desbancada polos normandos dirixidos por Guillerme. Tralo seu asentamento no trono non nos parece ilóxico pensar que organizase pequenas incursións nas costas cantábricas. A mesma Historia Compostelana relata nas súas páxinas varios ataques navais dirixidos por efectivos normandos e sarracenos ás nosas costas a principios do século XII.

Na Colección diplomática de San Martín de Jubia, escrita por Montero Díaz podemos ler un documento datado no ano 1086. Nesta data o conde Froilán Bermúdez doa ao bispo de Mondoñedo, Gonzalo Fróilaz, uns territorios que pertenceran á súa familia e que lles foran arrebatados polos normandos ata que o bispo Gonzalo os recuperara para seu pai e este, en agradecemento, os doa ao bispado: “sancti Iuliani de Mondego in territorio de Nemitos quos fuit de proienie nostra … et post hoc venerunt gentes laudomanes in ipsius provinciis et destructa est veritas et mendacitas et tenuerunt illa homines que non fuerunt ex proienie nostra ad usu fructuario”.  Unha tradución libre diría “ San Xián de Mondego, no territorio de Nemitos, que foi da nosa proxenie (familia) e despois viñeron xentes normandas a estas provincias e destruiron a verde e tivérona (a terra de Mondego) homes que non son da nosa familia en usufructo”. Esta situación manteríase ata que o bispo Gonzalo Froilaz recupere, supoñemos que co emprego da forza armada, ese territorio usurpado polos normandos.

Este documento é un claro exemplo da presenza de viquingos ou normandos nas nosas costas a fins do século XI.

Sempre me pasa que cando escavo na documentación, sexa cal sexa o tema que busque, atopo que a nosa historia é moito máis rica de todo o que nos levan contado.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal