00:55 Xoves, 09 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-07-2014

Deberíamos combater estes falsos argumentos “democráticos” que a FAES impulsa

Facendo trampas na elección de alcaldes

Valorar (12)

FRANCISCO GARCÍA SUÁREZ



Como serpe de verán ou como globo sonda, o PP coa complicidade do PSOE está a especular coa posibilidade de modificar a Lei de Réximen Electoral Xeral para favorecer os seus intereses electorais de cara ás vindeiras eleccións municipais de maio 2015.            

Con toda a demagoxia estase presentando esta proposta de elección directa dos alcaldes e de privilexios electorais para a lista mais votada coma unha medida de rexeneración democrática, de profundización na democracia ou de respecto da vontade popular e de lexitimidade electoral.

A realidade é que primar sen mais a lista mais votada e considerar electo alcalde a quen a encabece non significa en absoluto maior respaldo electoral, significa en expresión do BNG negar o pluripartidismo, a democracia, para impoñer a ditadura da minoría fronte a maioría social que vota nas mesmas urnas a forzas políticas que podan pactar entre elas para gobernar un concello con total lexitimidade e con mais respaldo electoral –e social– que a lista mais votada.              

Esta deriva, cada vez mais antidemocrática e presidencialista, ten inspirado xa moitas modificacións da lexislación municipal. A última coa sacralización das políticas de estabilidade orzamentaria e de redución de servizos públicos ten sido mesmo facultar ao alcalde en detrimento do Pleno da corporación para a aprobación do orzamento municipal.                

É evidente que os votos que respaldan aos concelleiros das formacións políticas que escollen por maioría absoluta no pleno da corporación a un alcalde son sempre mais numerosos que os correspondentes á lista mais votada se esta non acada a maioría absoluta. Polo tanto non é certo que os alcaldes elixidos por pactos nos plenos da corporación municipal teñan menos respaldo ou lexitimidade que os eloxidos cando forman parte da lista mais votada. A non ser que haxa quen pense que valen mais os votos que se outorgan á lista mais votada que aqueles que votan por outras opcións.                      

O máis democrático é que o goberno municipal e o alcalde conten co apoio da maioría social, sexa esta outorgada a un ou a varios partidos, e non atribuír á lista mais votada, polo simple feito de selo, a maioría absoluta obviando a regla da proporcionalidade e discriminando antidemocraticamente as demais listas en beneficio da mais votada. Xa hoxe a lei D’Hondt favorece ás forzas mais votadas e antidemocraticamente o número de votos necesarios para obter concelleiros é maior nas forzas menos votadas.  Por iso o descaro desta proposta para intentar afianzar o bipartidismo e garantir alcaldías para o PP ou o PSOE é un auténtico pucheirazo. Vai na liña do recorte do número de deputados no Parlamento Galego, da circunscrición electoral estatal para as eleccións europeas, no mantemento das deslexitimadas -estas si- deputacións provinciais, ou nas desiguais condicións de concorrencia das forzas políticas nos procesos electorais.                

Deberíamos combater estes falsos argumentos “democráticos” que a FAES impulsa. Os mesmos que non queren deixar votar e expresarse aos cidadáns de Catalunya sobre o seu futuro, os mesmos que cada vez impoñen mais decisións adoptadas lonxe da vontade e do control dos cidadáns no FMI, no BCE ou na Comisión Europea. Os mesmos que en Santiago de Compostela designan concelleiros a dedo sen lexitimidade electoral, os mesmos que criminalizan as loitas sociais e impoñen multas millonarias a manifestantes pacíficos, queren agora impoñer unha elección antidemocrática dos alcaldes para intentar manter o poder que a maioría social lles está cuestionando.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña