12:16 Xoves, 06 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-07-2014

Un claro exemplo dos problemas que crea o centralismo español

A inxustiza territorial española

Valorar (7)

XOÁN COLAZO PAZÓ



O goberno do Estado, ao servizo do Partido Popular, teima en implantar unha nova Lei de Demarcación e Planta Xudicial que é desastrosa dende o punto de vista territorial. No fundamental prevé aprobar a eliminación na práctica dos partidos xudiciais para concentrar os xulgados nas capitais  de provincia (audiencias provinciais). Isto conleva necesariamente a anulación dos xulgados de primeira instancia de vilas e comarcas enteiras. Mesmo cidades que non son capitais dentro do organigrama territorial español ficarán sen os servizos da administración de xustiza. Así é a política que desenvolve o PP, decote a tomar medidas que baleiran os servizos públicos, privatízaos, fainos máis inaccesíbeis, aforra en dereitos cidadáns para destinar inxentes recursos á banca e ás grandes corporacións, sempre coa mente posta en centralizar, uniformizar todo o territorio do Estado e arrasar calquera “peculiariedade” que dificulte o seu proxecto imperial.            

Se isto é indefendíbel dende calquera razonamento lóxico, dende unha perspectiva galega o problema vólvese moito máis fondo e grave. Galiza leva mal estar embutida no corsé territorial español. O caso da administración de xustiza –en parte e con percorrido limitado- era un dos poucos ámbitos onde esta se adaptaba minimamente ás necesidades que xurden dunha realidade diferenciada. Polo xeral os partidos xudiciais implantábanse até o de agora ao longo do territorio dun xeito bastante coerente cos nosos asentamentos comarcais, cuxas cabeceiras máis importantes dispoñen/dispuñan de xulgados de primeira instancia. Malia que as audiencias provinciais eran as que centralizaban logo calquera recurso de apelación posterior é certo que até o de agora existía unha certa proximidade da administración de xustiza aos cidadáns e cidadás, que nun raio de poucos quilómetros dispuñan dos tribunais de referencia para moitos dos asuntos que lles podían afectar.

Betanzos, Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Noia, Carballo, Corcubión, Arzúa, Ortigueira, Ribeira, Negreira, Muros, Padrón, Ordes, Mondoñedo, Chantada, Vilalba, Lugo, Viveiro, Monforte de Lemos, Becerreá, Sarria, A Consagrada, Bande, Celanova, O Carballiño, O Barco, Verín, Xinzo de Limia, Ribadavia, Ourense, A Pobra de Trives, Marín, Caldas de Reis, Redondela, O Porriño, Lalín, Cambados, Ponteareas, Vilagarcía, Vigo, Pontevedra, A Estrada, Tui, Cangas. 45 partidos xudiciais. Agora todo isto desaparecerá de se materilaizar a intención do PP nas vindeiras semanas. Só as capitais de provincia concentrarán a actividade xudicial toda. En Galiza este sensentido ultrapasará calquera límite do entendimento e tomará dimensións kafkianas. Se no Estado as capitais provinciais concentran sobre a metade da poboación total (en Madrid o 49,38%, Ávila 48,92%, Lleida 31,71%, Araba 74,78%,...), en Galiza esa porcentaxe non ten nada a ver, é moito máis baixa, de só o 8,41% na provincia de Pontevedra, o 21,28% na Coruña, o 28,22% en Lugo e o 32,29% en Ourense, pero sempre tendo en conta que a poboación tendeuse a concentrar nestas dúas últimas provincias nas respectivas capitais nos últimos anos, entre outras cousas por falla de servizos e espectativas económicas noutras áreas máis rurais. Daquela a grande maioría da poboación, 8 de cada 10 persoas que viven en concellos diferentes ás capitais provinciais terá que desprazarse moitos máis quilómetros do que até agora viña facendo para os máis básicos trámites xudiciais, sexa da orde que sexa (social, civil, penal, administrativa...). Casos aberrantes poden ser os de Vigo, Vilagarcía, Compostela, Ferrol,... pero calquera cidadán das outras comarcas que non estean achegadas á capital provincial verán mermadas as súas posibilidades de acceso á xustiza. En definitiva, unha irracionalidade e unha inxustiza totais. Amais, isto vén sumarse á recente Lei de taxas que impón unha elevada peaxe económica para acceder ao dereito á xustiza.                        

Mais nun país tan desartellado coma o noso, onde campan o confusionismo e a estreiteza de perspectivas, a reacción quérese realizar dende un localismo míope, disgregador e inútil. A defensa do partido xudicial vigués, e noutras vilas e cidades en menor medida, trátase como un caso illado e singular, sen ningún tipo de vencello co problema territorial galego no seu conxunto. Isto, alén de ser mesquiño é pouco efectivo e nada interesante para os galegos e galegas. Coma sempre ten que ser o nacionalismo o que dea coerencia á oposición ás intencións do PP. Con perspectiva nacional, que é o racional nesta coma en moitas outras problemáticas, deféndese unha organización territorial máis xusta da administración da Xustiza. Pero o discurso do BNG non sempre logra chegar con toda a forza dos seus argumentos, porque é silenciada ou terxiversada. Interésanos non só atacar as retrógradas intencións do Partido Popular neste ámbito, senón que teriamos que ir alén, e ser didácticos ante a nosa sociedade. Transmitir con clareza que España non nos serve, que sempre e en toda parte nos está a limitar, a coartar, a esganar. O modelo territorial actual non é a solución senón o problema. E a eliminación dos partidos xudiciais é un dos máis claros exemplos de que a Galiza sóbralle centralismo e faille máis falla ca nunca organizarse a partir da nosa realidade comarcal. A única alternativa á desfeita do PP na xustiza só pode erguerse dende as propostas nacionalistas que consideran Galiza no seu conxunto e que a vertebran en comarcas para mellor atender e dar solucións a todos os galegos e galegas. O resto é auga de castañas.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña