14:50 Martes, 16 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-07-2014

O negocio duns poucos por riba dos dereitos, a igualdade e os principios democráticos

Autovías privatizadas: servizo público ou negocio?

Valorar (11)

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO



A eficiencia do sector privado fronte ao público constitúe un dos dogmas do sistema capitalista. Resulta afabante a propaganda que de xeito directo ou subliminal asenta a idea de superioridade da xestión privada e desprestixio do público. Mais como todo dogma establece como verdade absoluta e irrefutábel uns principios que non atenden nin a realidade, nin o debate, nin a investigación. De feito, a realidade vivida nos últimos anos coa crise dos sector inmobiliario e bancario poñen en cuestión o dogma e deixan ás claras os espúreos intereses económicos que esconden este tipo de afirmacións. Mais os gobernos europeos continúan inmersos na política de saqueo ao público e entrega do botín ao sector privado. O negocio duns poucos por riba dos dereitos, a igualdade e os principios democráticos.

Ao longo das últimas décadas foron moitas as empresas públicas privatizadas non contorno europeo e singularmente no Estado Español. As técnicas empregadas para favorecer este tipo de procesos son variadas e tiveron nas políticas de estabilidade orzamentaria o seu grande aliado. Limítase a capacidade de endebedamento dos estados, ao tempo que se fomentan fórmulas de “colaboración empresarial” para funcionar como intermediarios. É evidente que estas restricións non son neutras; son normas impulsadas ao obxecto de favorecer procesos privatizadores tanto da prestación de servizos públicos, como na construción de infraestruturas.

Este modelo- denominado eufemisticamente colaboración público- privado - foi empregado na última década para construír moitas das infraestruturas. En teoría, segundo as liñas establecidas na UE, estas fórmulas deberían de asumir os riscos de financiamento e xestión, mais como veremos, isto non pasa, e son unha fórmula máis para que empresas da construción multipliquen beneficios e parasiten os fondos públicos. O caso das autoestradas é unha mostra elocuente.

Na Galiza a fórmula “público- privada” empregouse no caso das autovías do Salnés, Barbanza, Santiago- Brión, Celanova e Costa da Morte. As cargas que supoñen estas autoestradas para a administración galega superan os mil millóns de euros segundo os cálculos que se desprenden dun informe realizado polo Consello Contas. Informe que desvela non só este déficit oculto, senón as notábeis deficiencias desta tramitación que van desde a falta de estudos de viabilidade, a falta de transparencia na selección das adxudicatarias até os problemas de viabilidade do modelo. De feito o órgano fiscalizador sinala nas súas conclusións “o mal comportamento do tráfico respecto das previsións realizadas xera incerteza sobre a viabilidade económica das concesións e afecta directamente ao cumprimento dos plans económico- financeiros presentados polas sociedades concesionarias”.

Acerta de pleno o Consello de Contas e neste momento a Xunta de Galiza negocia coas concesionarias unha alza do canon pactado para evitar a quebra destas sociedades. É un negocio redondo. As construtoras sempre gañan! A solvencia e eficacia do modelo privatizador fai augas por toda parte, mais a Xunta de Galiza en mans do PP, está disposta a rescatar as empresas e mesmo teima en estendelo. Así, con obscurantismo e falta de transparencia pretende privatizar tamén a autoestrada Lalín- Ourense. Todo un timo ao servizo dos intereses duns poucos.

É evidente que detrás destas decisións non está o mellor para o interese público. De feito, este modelo encarece de maneira significativa o custe real que imos pagar ao longo dos 25 anos da concesión. Fixádevos senón no caso da autovía da Costa da Morte: unha obra que non supera os 200 millóns acabará custando máis de 700. As portas xiratorias, a trama Gürtell ou a financiamento irregular semellan estar detrás destas decisións.

En todo caso o que se vai despexando é a incógnita: privatizar non é nin máis eficiente, nin máis barato. Todo o contrario, multiplica o prezo que o conxunto da sociedade paga por un servizo e non garante a súa calidade nin control democrático. Urxe pois revisar este modelo e explorar as posiblidades legais de darlle a volta a unha maraña legal que hipoteca o futuro das contas públicas durante décadas.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña