21:59 Martes, 17 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-06-2014

A controversia entre Rosa Luxemburgo e VI Lenin sobre o Dereito das Nacións a Autodeterminación, pon de manifesto unha mudanza que afecta ás clases e ás súas relacións

Nacionalismo e comunismo, incompatibilidade e identidade

Valorar (25)

FRANCISCO GRAÑA



Dende o campo da ideoloxía comunista baseada no “internacionalismo proletario”,calquera modalidade de nacionalismo viña a ser a súa antítese nas súas distintas correntes, nunha época na que o cerne da loita de clases o constituía o antagonismo entre as burguesías e o proletariado dos distintos países capitalistas  máis avanzados. Este pensamento está moi presente na corrente comunista liderada por Rosa Luxemburgo. Máis adiante, nos países capitalistas centrais o Imperialismo ven  desenvolvéndose, desprazando ao nacionalismo a ser unha ideoloxía emancipadora nas nacións oprimidas polos Estados imperialistas.  

A controversia entre Rosa Luxemburgo e VI Lenin sobre o Dereito das Nacións a Autodeterminación, pon de manifesto unha mudanza que afecta ás clases e ás súas relacións, e polo tanto, as novas contradicións dunha etapa de desenvolvemento do capitalismo mundial, na que a bandeira do patriotismo vai mudando de mans, cara o proletariado sen perder o seu carácter ambivalente.  

As organizacións comunistas inspiradas na Revolución Bolxevique foron maioritariamente patrióticas a partir do 2º Congreso da Internacional Comunista, que adoptou a altura 1920. o verdete “proletarios e pobos oprimidos do mundo unídevos” modificando o orixinal “ proletarios de todos os países unídevos”. Na teoría de VI. Lenin, recóllese o contido das loitas anticolonialistas  como episodios da loita de clases, e  pronunciase a favor do Dereito a Autodeterminación dos pobos, ao tempo que chama a atención sobre os diferentes sentidos, incluso antagónicos, que podería ter a “loita pola Patria”, cando esta  a esgrimen as nacións imperialistas e cando o fan os pobos oprimidos. Deste contexto, xurde a base teórica que orientou a dobre natureza nacionalista e internacionalista, que articula a identidade do patriotismo co comunismo nas loitas contra o capitalismo.  

Dende o campo da ideoloxía nacionalista baseada na defensa da Soberanía e dos intereses nacionais, calquera modalidade de comunismo que participe ou xustifique a opresión nacional, dentro ou fora dun Estado, así como a inxerencia contraria a unha colaboración soberana na loita de liberación dos pobos, resulta incompatíbel cun nacionalismo emancipador. Así ten acontecido coa ideoloxía comunista da antiga Unión Soviética, aplicada coa inxerencia dun poder burocrático que se expandía militarmente sobre outros pobos e nacións, co pretexto de impoñer a súa ideoloxía liberadora. Deste xeito os partidos comunistas no poder destes pobos ou fora del, convértense en delegacións deste poder burocrático, perdendo o seu carácter emancipador e transfórmanse no seu contrario, nun poder opresivo.  

O nacionalismo como tal, tamén deixa de selo e convertese no seu contrario, o Imperialismo, cando a “loita pola Patria” é esgrimida polos Estados imperialistas na busca de apoio das súas poboacións, para esmagar a outros pobos e nacións.  

A ideoloxía nacionalista é plural e particular en cada pais. Admite as distintas modalidades das diversas forzas políticas nacionalistas, nas que caben todas de dereitas e esquerdas, conforme a xerga do argot burgués. Porén,  as obriga a loitar pola emancipación nacional e rebelarse contra os distintos elos da cadea imperialista; a diferenza da ideoloxía comunista que é universal e singular, concretándose politicamente en cada nación particular dentro da loita patriótica emancipadora, e, en consecuencia na loita pola Soberanía Nacional e a Autodeterminación nacionais, como na práctica histórica ten sucedido.        

As loitas anticolonialistas do século XX, foron de natureza esencialmente patrióticas, e o papel dos comunistas da corrente marxista e leninista  ten sido decisiva, facéndoas  inseparábeis da emancipación de clase. Así, temos os exemplos de Angola,Cabo Verde, Cuba, Alxeria, Guinea Bissau, Vietnam....con líderes fortemente nacionalistas, como ; Ahmed Ben Bella, Samora Machel, Almicar Cabral, HoChi Minh, Sekou Touré, Patricio Lumumba, Fidel Castro.....a maioría deles comunistas.  

Tamén os movementos de liberación nacional teñen lugar na Europa capitalista e imperialista, que esmaga aos pobos  bretón, norirlandés, escocés..... e no caso  do Estado español, Galiza, Euskadi e Cataluña, onde algunhas das súas correntes que engloban, asumen posicións políticas marxistas e leninistas.  

A identidade entre a ideoloxía nacionalista e comunista, é común, cando ambas son emancipadoras, contrarias a opresión nacional e ao Imperialismo, dándose unha articulación do patriotismo coa liberación social; pois non hai liberación social sen liberación nacional. Xa que logo, hoxe so o Imperialismo unipolar, a contradición principal da loita de clases ten lugar entre o Imperialismo e o Nacionalismo.  

A escisión entre a cuestión Nacional e Social, é promovida polas ideoloxías pro imperialistas, que tentan  de separalas coa falacia de que a Revolución Social resolve o problema nacional;  que, por outra banda aquela xa hai tempo que a esqueceron e agora só figura como un “brinde ao sol.”  

No Altermundismo moderno (Seattle 1999), a substitúen co verdete de “outro mundo é posible”, so a proposta reformista para unha Globalización positiva. E o Altermundismo negativo xa non concibe máis que a Barbarie sen alternativas. Todas estas ideoloxías negan ou ocultan a existencia do Imperialismo, e das propias Nacións , que son relegadas a unha sinxela cuestión cultural, desvencellada da autoorganización política, social e económica. Estas ideoloxías apoian unha Globalización progresista con un cosmopolitismo apátrida, so a mascarada dun concepto burgués de cidadáns do mundo, xa que a nova burguesía, a elite global, xa non necesita as nacións libres, mas si, da propiedade privada capitalista contemplada no código burgués cosmopolita. Neste contexto a única porta que nos abre a vía para avanzar cara a transformación social liberadora, é a vía do nacionalismo patriótico, o elo máis feble da cadea imperialista, mas este en si mesmo non o garante de antemán. E é aquí onde reside o cerne da loita de clases, pois as outras vías conducen, rexeitando o concepto lineal da historia, a un beco sen saída ou a un estancamento duradeiro.  

Xa que logo, o nacionalismo é incompatíbel coas correntes “comunistas” pro imperialistas, como a eurocomunista  Na cuestión nacional, a maioría dos PCs europeos, apoian as políticas colonialistas das  elites imperialistas dos Estados europeos, da UE., agás o PC portugués principalmente. Noutro campo, o comunismo emancipador e incompatíbel con “nacionalismos” reaccionarios dependentes ou promovidos polo Imperialismo, como no paradigmático caso de Kosovo, que na realidade é unha base militar da OTAN, o seu brazo armado; ou con outros “nacionalismos” subordinados a cadea imperialista, que se presentan como progresistas, mas en ámbolos dous casos xa non son nacionalismos senón aneis desta cadea.  

Na Europa, tamén se da  o caso, coma no resto do mundo, da existencia de Nacións sen Estado propio, ocupadas por Estados estranxeiros, como os sometidos no caso español por un Estado que non recoñece o Dereito a Autodeterminación  Nestas circunstancias as Nación sen Estado, atópanse nunhas condicións cualitativas peores que as Nacións dependentes que si o teñen, aínda que sometidas aos poderes do Imperio Global. Esta diferenza é decisiva para comprender a teoría leninista do dereito das Nacións a Autodeterminación, que pasa pola construción dun Poder político independente e dun Estado Nacional, internacionalista e contrario a uniformidade do pensamento único dominante, para poder decidir coa mínima liberdade.  

Como conclusión; o Nacionalismo e o Comunismo son ideoloxías que se mostran ambivalentes na práctica política. Nacionalismo e Comunismo manteñen unha identidade común, cando as súas prácticas políticas son emancipadoras e antiimperialistas. Namentres  que son incompatíbeis converténdose no seu contrario cunha política opresiva e pro imperialista. Xa que logo, a práctica antiimperialista e a non inxerencia, son as condicións mínimas determinantes en ambos casos do seu carácter liberador.   


[29-06-2014 22:51] Alarico comentou:

É curioso, o que vai ser o futuro Secretário Geral do PSOE, nom vai permitir o referendum em Catalunya, mas deseja que se constituia na vanguarda do Reino de Espanha. A lógica da Vila e Cortelho é que as classes dominantes em Catalunya sigam sendo um componente dominante da oligarquia espanhola, concedendo-lhe ser um dos motores do desenvolvimento espanhol. Se alguém vai ser e é vanguarda é porque há e vai existir a retaguarda, e se alguém é o motor é porque alguém vai seguir sendo o tubo de escape. E qual é o desenho da “Casta” espanhola para Galiza, seguro que é de seguir sendo a luxeira do Reino.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña