14:23 Xoves, 21 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-05-2014

Trátase de verdadeiras síndromes culturais, ligadas aos padróns "occidentais" culturalmente dominantes, neste caso os canons de beleza

Mellor que sobre (un pouco) que non falte (moito)

Valorar (54)

ROBERT NEAL BAXTER



Hai un par de meses pasei unha revisión médica do traballo. Xa sabía que –os anos non perdoan– vou tendo un pouco de barriga, mais non esperaba que me dixesen que, segundo os seus cálculos de índice de masa corporal baseados na miña altura, supostamente teño que perder 7 quiliños, que se di rápido. Aparentemente, a solución que se me recomendou é fácil: facer deporte para combater o sedentarismo e comer máis froita, verdura e leguminosas e evitar gorduras saturadas de orixe animal e comida fritida, causas deste suposto sobrepeso.            

Eis o quid da cuestión: nado case 3 km cada día, non como produtos de orixe cárnica e a fritideira que temos na casa leva moitos anos sen utilizar. A única opción que fica, pois, é facer unha dieta hipocalórica. E é aí onde comezan a agromar as dúbidas e sospeitas no meu maxín.                  

Recoñezo que me causa espanto ver, por exemplo na piscina no verán, crianzas de cinco aniños xa non repoludas, mais coa pel estragada con estrías (que han ser permanentes) e celulite. Mais non é só por unha cuestión de estética: trátase dunha auténtica epidemia. Segundo a OMS, hai máis de mil millóns de persoas con sobrepeso no mundo, das cais polo menos 300 millóns son obesas.              

E a Galiza non fica, nin de lonxe, á cola, cunha taxa que se cuadriplicou ao longo dos últimos 20 anos segundo a Asociación Galega de Dietistas e Nutricionistas (AGDN), achegándose a niveis similares aos dos EUA. O certo é que a obesidade patolóxica, incluída a infantil, é un problema nos países desenvolvidos que supón un grave risco para a saúde individual e pública, ao supor uns gastos evitábeis para o sistema sanitario. A obesidade central, con gordura localizada no abdome, é un dos factores definitorios da síndrome metabólica que aumenta o risco de desenvolver doenzas cardiovasculares, osteoartrite e a diabetes mellitus tipo II, sabendo que máis de 60% das amputacións dos membros inferiores por causas non traumáticas se dan en persoas con diabetes.          

Cómpre deixar claro que, se ben existen múltiplos factores que poden contribuír a desencadear a obesidade, incluídos a predisposición xenética e erros innatos do metabolismo, a esmagadora maioría dos casos de sobrepeso é causada por unha inxestión calórica excesiva a respeito das necesidades enerxéticas de cada persoa, en combinación coa inactividade física, que reduce o consumo calórico.            

É cuestión, por tanto, dun problema, estreitamente ligado ao modo de vida dos países ‘desenvolvidos’ cada vez máis ianquizados, onde conflúen o sedentarismo e os maos hábitos alimentares. Trátase, ao mesmo tempo, dun problema cun claro transfundo de clase ou socioeconómico, ao afectar en maior medida os sectores da sociedade máis empobrecidos, tendencia agudizada aínda máis pola actual crise financeira e económica. Porén, contrariamente ao que se podería crer, isto non se debe a que comer máis san sexa necesariamente máis caro, mais máis ben por unha falta de información, agravada pola falta de transparencia na etiquetaxe dos produtos industriais, sobre todo no referido ao seu valor nutricional e a cantidade de azucres e gorduras saturadas que conteñen. Xa se sabe, o importante é vender e lucrarse sen importar custe o que custar...

Así, pois, resulta lóxico e esencial que a Sanidade Pública se preocupe por esta cuestión e trate de tomar accións preventivas. Recomendar comer san nunca é malo. Agora ben, de aí a recomendar dietas hipocalóricas partindo de cálculos estándar non me parece razoábel e non sei até que punto ten máis a ver cos canons estéticos dominantes do que, necesariamente, cun risco real de obesidade, nin moito menos mórbida. En definitiva, como sempre, o principio básico é moi sinxelo: nin tanto, nin tan pouco.            

Mais, esta cuestión esconde unha outra cara igualmente daniña e, talvez, máis perniciosa.

Por un lado está a obsesión coa comida que leva á existencia dun auténtico calidoscopio de dietas fraudulentas e modas alimentares que van desde o absurdo até o perigoso, tais como o método Dukan, o réxime sen glute e sen caseína, ‘alternativa’ pseudocientífica sen fundamento para combater o autismo, ortopatía ou hixienismo, fundado por un tal Shelton, que negaba a teoría microbiana das doenzas, a dieta swank, utilizada sen base científica para tratar a esclerose múltipla, e un longo etcétera.          

En combinación coas imaxes do ‘corpo perfeito’ con que nos bombardean permanentemente os medios visuais que nos rodean e a incesante publicidade que nos anima a comprar produtos milagre para conseguirmos este aspirado corpo, esta insalubre e lucrativa obsesión cultural co que debería ser, simplesmente, o noso sustento natural baseado nunha dieta sa e equilibrada, transfórmase noutra pandemia sociocultural: a dos trastornos alimentares, mais especialmente a anorexia nerviosa e a bulimia nerviosa.              

Alén de seren simples problemas relacionados co que se come ou se deixa de comer, son auténticos trastornos da personalidade, onde a persoa doente interioriza completamente os estereotipos até o punto de distorsionar a percepción do seu proprio corpo. Na Galiza, estímase que 5% da poboación sofre anorexia ou bulimia, quer dicer unhas 135.000 persoas, sendo maior a taxa de anorexia que de bulimia. Convén recalcar, de paso, que, como en todo o relacionado coa saúde pública concibida desde o neoliberalismo como unha grande fronte de negocio, a administración non está a tomar a situación en serio, cunha capacidade para acoller só 25 pacientes na Unidade de hospitalización para pacientes con desordes alimentarias no compostelán Hospital de Conxo, o único centro público especializado na Galiza.            

Trátase de verdadeiras síndromes culturais, ligadas aos padróns ‘occidentais’ culturalmente dominantes, neste caso os canons de beleza que nada teñen a ver coa saúde ou o benestar das persoas. E, se ben é certo que son as mulleres quen máis sofren estes trastornos pola maior presión que exerce sobre elas a ditadura da imaxe do corpo ‘perfeito’, a anorexia masculina tamén vai en aumento polas mesmas causas, representando aproximadamente 10% dos casos de anorexia, coa agravante de que en moitos casos os homes tardan máis en recoñecelo e en buscar axuda, ao ser considerada unha doenza tipicamente ‘feminina’.            

Xa en 1978 Susie Orbach publicou un libro titulado Fat Is A Feminist Issue (‘Gordura é uma questão feminista’). Porén, aínda que segue a ter unha vertente de xénero, creo que hoxe se pode dicer que a obsesión coa comida e as súas dúas expresións máis preocupantes, nomeadamente o aumento da obesidade patolóxica por un lado, e os trastornos alimentares polo outro –as dúas caras dunha mesma moeda– se converteu nun problema político que afecta a sociedade no seu conxunto, e como tal precisa dun compromiso tamén político desde as administracións públicas para acabar con esta lacra silandeira que está a azoutar a nosa sociedade.



[30-05-2014 00:05] Adriana comentou:

A verdade, moi bo artigo Neal. Penso que falas sobre un tema que é de bastante interede e de bastante preocupación. Non deberíamos deixar que nos impoñan nada, cada un ten que ser como é, tamén no que atinxe á alimentación. Eu non son vexetariana, a verdade é que como de todo, é máis, mándome os meus atracóns de doces (que son a miña perdición xD) e non considero que teña que facer ningunha dieta, pois sigo unha alimentación equilibrada.Estou totalmente de acordo con Raquel, a xente debería iniciar unha dieta, sempre e cando teñan problemas de saúde, mais non para chegar a cumprir un patrón de beleza. Neal, non fagas caso das dietas, estás feito un roble xD.

[28-05-2014 16:13] Marga do Val comentou:

Como case sempre, moi interesante... Mais esta vez achegas unha información moi valiosa e unha reivindicación moi necesaria.

[28-05-2014 13:33] Raquel comentou:

Moi bo artigo! Desde logo, este é un tema que lle debería preocupar a todo o mundo! Por unha parte, nos países occidentales, existe un excesivo consumo de graxas e proteínas que leva a paros cardíacos, diabetes, artrose... Por outra parte, tal e como nos enganan e nos incitan a votar tal partido, a vestir tal roupa e a peitearnos de tal xeito, tamén nos din como temos que estar de delgados. A única razón pola que se debería facer dieta, é polos problemas de saúde que poden aparecer a da incorrecta alimentación, non porque as marcas queren que o fagamos. Eu persoalmente son vexetariana desde hai case sete anos e, porén, teño as miñas "chichas", mais non me planteo facer dieta, pois sei que o meu consumo é equilibrado, polo que a miña saúde non corre perigo. Unha persoa non debería sentirse mal por comer un doce cando hai milleiros de persoas no mundo que non teñen absolutamente nada para levar á boca! O que si que nos debería preocupar é a política alimentaria, todas as marcas de produtos precociñados, de comida rápida que nos invaden. Por último, Neal, estás feito un galán, déixate de trapalladas de dietas!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña