18:25 Xoves, 12 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-05-2014

A Traxicomedia da Noite dos Santos de Otero Pedrayo e a identificación coa propia patria após experiencias europeas

Valorar (24)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Por cuestións derivadas do calendario electoral en que nos achamos, vivimos uns días en que moito se fala da Europa e moito nos veñen eloxiar o clube que representa no vello continente a Unión Europea. Salvo nalgunha forza política que na verdade ten asentado o seu proxecto no noso país, non se comenta a difícil relación friccional que temos co tal clube nin as consecuencias de estar dentro del como simple socio de segunda. E tamén non se erixe en habitual motivo de conversa o profundo coñecemento que do continente europeo tiveron as voces máis avanzadas do nacionalismo galego, como Castelao ou Otero Pedrayo. Precisamente deste último, vinculando unha das súas obras dramáticas tanto coa experiencia europea do protagonista como coa da nosa nación, imos falar aquí. Antes de máis, non está sen subscrición afirmarmos que a dilatada obra que Ramón Otero Pedrayo legou para as letras galegas ten servido, con frecuencia, para que a crítica desviase atención cara á súa narrativa e ao seu ensaio, dous dos xéneros que máis froitos saíron da pena do polígrafo de Trasalba. A este respecto, tamén se afirmou ás veces que o escritor non se vía como poeta dramático, ou, aínda, que Otero se dedicou ao teatro obrigado polas circunstancias. Porén, a crítica actual pondera a validez e modernidade da produción dramatúrxica oteriana, pois, para alén de a súa dedicación ao teatro non ser esporádica ou puntual, leva servido como un maxisterio incomparábel que influíu nos dramaturgos da nosa época: Manuel Lourenzo, Roberto Vidal Bolaño, Miguel Anxo Fernán Vello, Xesús Pisón...

Pois ben, dentro da ponderábel obra dramática de Otero, convén repararmos nun texto aparecido inicialmente fóra do noso país: no ano 1960 publícase na revista bracarense Quatro Ventos, nun número extraordinario dedicado á memoria de António Correia d’Oliveira, a Traxicomedia da Noite dos Santos, escrita en 1959. Na nosa época, a peza foi dada a lume de novo no número 73 dos Cadernos da Escola Dramática Galega (1988) e, máis recentemente, foi recollida na edición O teatro e o fidalgo (1999) na “Biblioteca-Arquivo ‘Francisco Pillado Mayor’”, dependente do Departamento de Galego-Portugués da Universidade da Coruña. A historia da Traxicomedia refire, no fondo, a volta á patria, a viaxe que o protagonista, o fidalgo Amaro Silva, realiza para se achar a si propio. Isto é, universalismo resolvido na identificación da personaxe coa terra-nai, como o propio autor, que finda co final feliz en que Amaro decide asentar na casa dos seus devanceiros xunto a Bibiana, o seu vello amor da mocidade. Amaro Silva, após unha viaxe iniciática e simbólica desenvolvida durante a noite, descobre a súa propia verdade, o seu amor, que representa a fidelidade á terra; ten, pois, a mesma procura da propia realidade vital que o Adrián Solovio de Arredor de si (1930), aínda que haxa certas diferenzas a respecto do medio cognoscitivo, como son o complicado itinerario vital realizado nunha noite, na Traxicomedia, e o percurso a través da Europa, topográfico e existencialista, feito por Adrián.          

Neste autocoñecemento da Traxicomedia, interveñen, por un lado, a nebulosa etílica que proporciona a Amaro o álcool, e, por outro, a progresiva tomada de consciencia a respecto das súas orixes, en que o punto máis álxido destas coincide non casualmente coa chegada da luz, da “mañán do 3 dos Santos”. Ao longo desa travesía nocturna, o espírito de Amaro é beliscado por divagacións existenciais, problemas intelectuais ou discusións culturais sobre a verdadeira esencia da Europa que se materializan nomeadamente a través das frecuentes referencias á Alemaña e, en menor medida, á Franza. Non falta a memoria nesta axoada viaxe, que relaciona elementos do pasado, as lembranzas, coa acción en que se desenvolve a trama, facilitando a ambos os momentos unha adecuada compenetración entre si e unha consciente supresión dos lindeiros entre uns e outros.

Organizada en tres actos, prodúcese no primeiro a chegada de Amaro á casa nobre, que vén sendo, en comparación cos acontecementos posteriores, o punto de partida e a antítese do que o protagonista pretende fuxir mediante a venda do pazo, presentando desta forma, pois, unha estrutura circular. No segundo entra en escena quizais o vínculo máis poderoso coa terra, Bibiana, posuidora dunha singular sensualidade. Finalmente, no terceiro acto prodúcese o reencontro definitivo co propio eu de Amaro, a desfilar polo texto unha variada gama de personaxes que non farán senón coadxuvaren na autoidentificación do protagonista.            

O tratamento do espazo produce a sensación da pouca pertinencia que ten a referencialidade xeográfica. Con efecto, indícasenos, xa antes de comezar o primeiro acto, que a acción decorre “no pazo de Quintairo nas ribeiras ourensáns cecais entre os meandros de Canedo e o Barbantes, ou máis lonxe, en difrentes terras germánicas –Pomerania, o Neckar…– en un abourado México, en Paris”. É preciso adicionarmos a este esvaecemento directo do lugar o feito de a acción se desprender do propio texto e de vir ilustrada polas didascalias e polos parlamentos das personaxes; asistimos a unha mostra destoutra indeterminación no vínculo afectivo entre Amaro e Odette, o seu amor europeo, pois introducímonos co figalgo “nun estudo non lonxe do Luxemburgo”, onde traballa a artista, e somos capaces de presenciarmos, no remate desa relación, o enterro da pintora nun “cemiterio” cunha “néboa rosa talmente pecha”; ou podemos, unha vez que Amaro está en París, ir pasear pola “cidade universitaria americán” ou polas brétemas das “libreirías de arte” e das “engaiolantes tendas de cousas vellas”.          

O tempo, por súa vez, espállase e comprímese so similares condicionantes da imprecisión. Tamén aquí se derruban conscientemente os limites cronolóxicos, pois da adscrición temporal dísenos que “pode ser pouco dinantes da derradeira guerra europea, pro non ten moita valencia a fixación de un tempo”,  Desta forma, desbótanse as tres categorías que o demarcan (presente, pasado e futuro) ou, mellor dito, conquístanse feitos e acontecementos pretéritos previa intromisión do tempo actual, do presente, en canto que o tempo que aínda non pasou, a futuridade, tamén fica subordinado ao poderío do momento actual. Cumpren aquí un labor determinante as capacidades memorísticas que presentan os protagonistas, cuxas fronteiras a respecto dos eventos e situacións que recuperan nin sempre se albiscan con suficiente claridade.          

A conceptualización da Galiza rural de tempos pretéritos identificada coa verdadeira esencia da terra, aquela solporizante na época en que o señor de Cimadevila a coñeceu, é outra das ideas desenvolvidas polo escritor na súas obras, tamén na Traxicomedia da Noite dos Santos. Lembremos que o gosto de Otero polo pasado, dada a súa noción xermánica historicista dos pobos, lle ten servido igualmente de pretexto para escribir ou como axuda á escrita: desde romances de ambiente medieval como A Romeiría de Gelmírez (1934), ou romántico cal Fra Vernero (1934), até puntuais penetracións do pasado, como Pedro Madruga n’O desengano do prioiro (1952) ou o avó do século XVI na Traxicomedia, a historia, nomeadamente a galega mais sen adquirir rango de exclusividade, convértese noutra produtiva referencia que o autor explora e á cal lle tira unha expresiva rendibilidade. Neste sentido, un bo xeito de se achegar á socioloxía da clase fidalga nas súas diversas tipoloxías ao longo do percurso histórico de Galiza consiste na lectura de Traxicomedia da Noite dos Santos, pois vai deseñándose toda unha gama da extinta clase rural, cada unha representada pola súa personaxe respectiva.          

Como o respectábel non ignora, ben moito máis do que moito se podería sinalar a propósito desta peza dramática e do teatro oteriano. Mais non quereriamos findar estas palabras sen ponderarmos, dada a época de eleccións en que escribimos estas liñas, a relevancia de asimilarmos con profundidade unha das mensaxes que nos transmiten a Traxicomedia e tamén outros textos de Ramón Otero Pedrayo que se poden extrapolar aos noso presente máis inmediato: o único modo posíbel de nos declararmos verdadeiramente universais é sermos galegas e galegos, pois só desta maneira teremos algo que ofrecer ao mundo. Apliquemos á Galiza, de maneira paralela a como se desenvolve a Traxicomedia, unha estratexia de construción nacional en que non haxa fronteiras espaciais, mais un proxecto de nación, pensado nas súas necesidades e singularides culturais, económicas, lingüísticas, sociolóxicas e xeográficas. Fagamos do país, tamén emulando esta obra dramática oteriana en que se perpasan os lindeiros cronolóxicos, unha terra en que converxen a tradición e as grandes potencialidades do mundo rural, do mariñeiro e do sector naval coa actualidade e o avanzo tecnolóxico dos nosos tempos. Louvemos e practiquemos de vez, cal Amaro Silva, o verdadeiro amor coa terra e esquezamos ilusións españolistas e falsamente europeístas, pois só estaremos en condicións de sermos solidarios con outros pobos da Europa se na realidade tivermos querenza polo noso. E, de igual modo que as capacidades mnésicas dos protagonistas acompañan o fidalgo Amaro Silva por ese itinerario nocturno, apelemos á memoria para así lembrarmos con clareza os problemas que abreteman o proxecto nacional galego, tan meritoriamente traballado xa na época de preguerra por Otero e os seus correlixionarios.            

Amaro Silva, Adrián Solovio, o seu propio creador Otero Pedrayo e a súa xeración e tanta outra xente descubriron o país após unha viaxe simbólico-xeográfica por diversas xeografías europeas. Foron evoluíndo desde un cosmopolitismo á marxe da terra para unha visión dela, cuxa esencia proporciona todas as respostas ás ansias e preguntas universalistas e europeístas. A noso ver, e a enlazarmos con este mes de maio, conseguiron reparar en que tiñan profundamente arraizado o corazón na Galiza, ao paso que tamén foron conscientes de teren sementado vizosamente o futuro na terra lenturenta. Fagamos, por tanto, que a Europa descubra de novo a existencia da Galiza verdadeira, da que loita para non ser asimilada, levándomos o nacionalismo galego a Bruxelas a través da firme voz de Ana Miranda.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña