01:40 Mércores, 05 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-05-2010

É curioso a falta de interese xeralizado por fornecer ao pobo galego de información veraz sobre a actuación da actual Xunta de Galiza

A eficacia de Feixóo fronte a crise económica... ou un Plan de propaganda

Valorar (14)

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO



Hai pouco máis dun ano, o daquela candidato a presidencia Feixoó, comprometíase a acabar coa crise en cuarenta e cinco días. Mantiña tamén a teoría de que a crise económica non tiña que ver nin coa crise financieira internacional, nin co estalido da burbulla inmobiliaria. A diagnose do candidato era clara: a culpa era dun bipartito despilfarrador e que xestiona mal os recursos públicos. Pasadas as eleccións, co candidato feito presidente, mudou radicalmente o seu discurso. O Goberno Galego xa non ten responsabilidades ante a crise. As causas agora sitúanse no goberno central e as súas promesas resultaron ser papel mollado.

Non serei eu seguidista da idea de que a solución pasa en exclusiva pola Xunta de Galiza; agora ben, está para algo máis que ser observadora da nosa realidade económica e social! E debe utilizar as súas competencias en materia de promoción económica, industrial ou protección social. Lamentabelmente estamos ante un goberno que ten abdicado das súas responsabilidades e aproveita o contexto de crise para aplicar o seu programa ideolóxico con contundencia.

Durante os primeiros meses de goberno, proxectouse cara a sociedade a falsidade de que este era un goberno que non tiña recursos. Unha vez feita pública a execución orzamentaria do 2009, sabemos que non só os ingresos dese ano foron superiores aos estimados, senón que deixou máis de mil cincocentos millóns de euros sen executar. Unha parte moi substancial dos mesmos relacionados con investimentos produtivos; é dicir, recursos públicos destinados a dinamizar a nosa economía.

Estes datos son o suficientemente elocuentes para desmontar toda a liña argumental do goberno de Feixóo en relación coa súa acción de goberno e o recorte que está aplicando na política social. Non son decisións motivadas polo contexto económico, son decisións políticas, destinadas a poñer en marcha procesos de desmantelamento dos servizos públicos. Mais é curioso o silenciamento mediático desta realidade, a falta de interese xeralizado por fornecer ao pobo galego de información veraz sobre a actuación da actual Xunta de Galiza.

Nestes días vimos un novo exercicio de propaganda deste goberno, o Plan Estratéxico 2010-2014. Un plan "para saír da crise antes que ninguén" , dixo cal eslogan publicitario o Presidente da Xunta. E digo eu: outro plan máis? Primeiro foi o Plan de Choque fronte a crise, despois viñeron os plans renove, o plan move, plan re-Móblete, plan de internacionalización das empresas da construción, o plan do sector da automoción.... e recoñezo que perdín a conta dos plans anunciados por este goberno.

Mais vaiamos ao importante, que resultados tiveron este rosario de plans? O mellor indicador atopámolo nas cifras de emprego, que lamentabelmente indican un fracaso rotundo. Segundo os últimos datos do INE, Galiza lidera as cifras de destrución de emprego no Estado e temos o maior número de persoas rexistradas no paro desde que hai datos estatísticos. Mais o goberno lonxe de asumir a realidade, continúa cos enganos. "Un plan ao que se van dedicar 46.000 millóns de euros" segundo a información oficial. Non hai que ser moi lista para darse conta que iso, euro arriba, euro abaixo, son os orzamentos da Xunta de 4 anos. Que nos quere dicir Feixóo? Que vai gastar os orzamentos dos vindeiros catro anos? A situación é dramática e penso que xa chegou o tempo de que o Presidente pase das declaracións e da propaganda, a ocuparse dos problemas reais que ten este país.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña